Lula ou Bolsonaro: O Brasil decide o vindeiro presidente

Lula e Bolsonaro apuran as últimas horas para conseguir apoios antes de que 156 millóns de brasileiras e brasileiros teñan a palabra para determinar quen ocupará o Palácio do Planalto.
Lula da Silva (PT) e Jair Bolsonaro (PL) nun debate electoral a mediados de outubro. (Foto: Leco Viana / TheNEWS2 via ZUMA Pre / DPA)
photo_camera Lula da Silva (PT) e Jair Bolsonaro (PL) nun debate electoral a mediados de outubro. (Foto: Leco Viana / TheNEWS2 via ZUMA Pre / DPA)

“Cal é o papel do presidente? Harmonizar a sociedade. Acaban as eleccións e temos un país”, reiterou ao longo da campaña o ex mandatario progresista Lula da Silva, candidato do Partido dos Trabalhadores (PT) na segunda volta das eleccións presidenciais de mañá no Brasil.

Porén, antes dese momento considerou imprescindíbel que a poboación saía a votar en defensa dunha “democracia” que está en xogo por mor da “barbarie” e do “fascismo”, en referencia ao seu rival e presidente desde 2019, Jair Bolsonaro, que se presenta polo Partido Liberal (PL).

Segundo a última enquisa, publicada na madrugada desta sexta feira por Datafolha, Lula sería elixido para un terceiro período á fronte do Estado tras gobernar entre 2003 e 2010, ao superar por cinco puntos en intención de voto o candidato de extrema dereita, o que suporía 53% dos votos válidos, mentres que Bolsonaro ficaría con 47%.

Estes datos son semellantes aos resultados da primeira volta do 2 de outubro, na que se impuxo o representante do PT co 48,43% e con cinco puntos de vantaxe.

Ademais de Lula e Bolsonaro, dúas candidaturas superaron 1% na primeira volta, a de Simone Tebet do Movimento Democrático Brasileiro (MDB) e a de Ciro Gomes, do Partido Democrático Trabalhista (PDT). Ambos apoian agora Lula, así e todo, o MDB e o seu aliado, o Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), outorgan liberdade ás direccións estatais para optar por un ou outro candidato.

Nese sentido, un dos principais dirixentes históricos do PSDB, o ex presidente Fernando Henrique Cardoso (1995-2002), ratificou a petición de voto para Lula pola súa historia de “loita pola democracia e a inclusión social”, mentres a súa formación concatena crises pola súa posición nos comicios, como acontece en São Paulo, onde a dirección apoia Bolsonaro e o seu candidato a gobernador, mentres que a militancia decántase maioritariamente polo PT.

Malia que despois dos resultados da primeira volta, que permitiron a Bolsonaro superar as cifras que marcaban as enquisas, a súa ameaza de non recoñecer os resultados por suposta “fraude” foi decaendo, nas últimas xornadas de campaña e fronte ao seu estancamento nos traballos demoscópicos, desde o seu equipo volveuse lanzar esta posibilidade entre denuncias ao Tribunal Superior Electoral por “irregularidades” na difusión de propaganda audiovisual do PT. Pola súa parte, Lula explica este comportamento posto que “sabe que vai perder”, asegurou na madrugada desta sexta feira.

Desinformación

Aínda así, as dúbidas sobre a falta de fiabilidade do sistema electrónico usado para as votacións é unha das mensaxes máis repetidas pola desinformación que se intensificou a medida que se achega o domingo. Hai catro anos, as redes de novas falsas usadas por Bolsonaro en imitación ás do ex presidente estadounidense Donald Trump están consideradas pola maioría dos expertos como un dos eixos da súa vitoria.

Nunha campaña especialmente violenta diversos acontecementos cuestionaron tamén os aliados cos que Bolsonaro trata de obter a maioría dos votos, como o ex parlamentario Roberto Jefferson, que o domingo pasado atacou con granadas e disparos de metralladora os axentes da Policía Federal que se dispuñan a detelo.

A nivel político, ao tempo que Lula propugna fomentar o crecemento económico con políticas públicas e investimentos en infraestrutura e vivenda, cun impulso decidido para acabar coa pobreza no país, Bolsonaro aposta por profundar nas políticas neoliberais que aplicou esta lexislatura, cunha especial atención ao Exército, que ocupou un papel preponderante no seu Goberno como non tivera desde o final da ditadura militar en 1985, da que o presidente é un gran defensor.

Política electoral

A pesar de que a asistencia social á poboación máis desfavorecida non é unha das prioridades do seu Executivo, Bolsonaro emendou a Constitución en xullo para autorizar a creación de novas prestacións sociais neste ano electoral, aumentou as axudas do programa Auxilio Brasil, baixou a cero a taxa do imposto federal e reduciu o imposto aos combustíbeis coa vista posta nos comicios de mañá.

Mais o maior nivel de gasto público chegou xusto despois das votacións da primeira volta. Neste mes, o mandatario de extrema dereita adiantou os pagos de prestacións sociais para que se fixesen efectivos antes das eleccións, diminuíu os criterios para que máis persoas puidesen recibir axudas públicas, prometeu un aguinaldo para mulleres xefas de fogar, anticipou axudas a transportistas e taxistas ou lanzou un programa de refinanciamento de débeda para empresas e cidadáns. En total, compromisos por valor de 51.000 millóns de euros, calcula Reuters.

Todo para tratar de minimizar a vantaxe de Lula, que atinxiu unha importante vitoria nos Estados do norte do país o 2 de outubro, con Bolsonaro impoñéndose no sur, onde Lula centrou boa parte da súa campaña. Pola contra, o presidente centrouse especialmente en Minas Gerais, catalogado como un territorio chave.

Malia que hoxe aínda se poderán desenvolver certos actos de campaña, mais non mitins, para os dous candidatos o debate presidencial da madrugada desta sexta feira constituíu a última grande oportunidade para facer chegar a súa mensaxe de xeito masivo.

Comentarios