Brasil

Multa millonaria ao partido de Bolsonaro por actuar "de mala fe" após cuestionar a validez das eleccións

O agora presidente en funcións do Brasil exixira ser proclamado vencedor instando a Xustiza a invalidar os votos de máis da metade das urnas electrónicas.
Jair Bolsonaro, presidente en funcións do Brasil após as eleccións de outubro deste ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jair Bolsonaro, presidente en funcións do Brasil após as eleccións de outubro deste ano. (Foto: Europa Press)

O Partido Liberal brasileiro, co que concorreu ás eleccións xerais de outubro o presidente saínte, Jair Bolsonaro, presentou na madrugada desta cuarta feira unha solicitude ao Tribunal Superior Eleitoral (TSE) para que invalidase os votos de 59% das máquinas utilizadas para votar na segunda volta das presidenciais. Isto corresponde a todos os aparellos de antes de 2020, case 280.000, que, segundo unha empresa auditora contratada pola formación, non contaban con números de identificación individual nos rexistros internos.

Aínda así, no recurso —en cuxa organización participou persoalmente Bolsonaro— non se especifican os motivos polos que isto puido afectar os resultados electorais. Wilson Ruggiero, profesor de enxeñaría informática e sistemas dixitais da Escola Politécnica da Universidade de São Paulo, corroborou en declaracións a France24 que estes feitos non teñen ningunha clase de incidencia nos resultados finais.

Porén, o TSE vén de impor unha multa económica por "litixio de mala fe" por valor de perto de 23 millóns de reais —máis de 4 millóns de euros ao cambio actual— ao Partido Liberal, ao entender que, na súa reclamación, "non presenta inidicio ou evidencia ningunha" de fraude que xustifique a reavaliación desa parte importante dos sufraxios.

O presidente do TSE, Alexandre de Moraes, contestou a denuncia debullando que estas urnas tamén foron usadas na primeira rolda das eleccións presidenciais, polo que outorgou 24 horas á formación para que rexistre unha segunda demanda que "se refira ás dúas voltas", ou directamente será rexeitada sen analizar a cuestión.

Ao mesmo tempo, Moraes cre que Bolsonaro e a súa formación política actuaron "contra o Estado democrático de dereito" e que utilizaron esta solicitude "para incentivar os movementos delitivos e antidemocráticos". Considera tamén que "non é razoábel" afirmar que as urnas non permiten o rastrexo efectivo dos votos.

De aceptarse a apelación, o mandatario de extrema dereita obtería 51% dos sufraxios, despois de imporse nos comicios o progresista Lula da Silva, do Partido dos Trabalhadores (PT), co 50,9% na segunda volta dos comicios presidenciais.

A presidenta do PT, Gleisi Hoffmann, catalogou a impugnación como unha "artimaña que ten que ser sancionada". Paralelamente, os medios locais destacan que isto é un intento de reactivar os seguidores de Bolsonaro que estiveron a protestar alegando fraude nas votacións, mais case sen posibilidades de mudanza dos resultados finais.

Comentarios