Lula da Silva obtén unha histórica vitoria nas eleccións do Brasil

O dirixente brasileiro acada a Presidencia do país nun xornada electoral protagonizada polos incidentes causados por partidarios do candidato de extrema dereita.
Lula da Silva celebra a súa vitoria nas eleccións presidenciais do Brasil. (Foto: Europa Press)
photo_camera Lula da Silva celebra a súa vitoria nas eleccións presidenciais do Brasil. (Foto: Europa Press)

O ex presidente do Brasil e candidato do Partido dos Trabalhadores (PT), Luiz Inácio Lula da Silva, obtivo este domingo unha histórica vitoria na segunda volta das eleccións presidenciais do país suramericano.

Con 99,99% do voto escrutado, Lula da Silva recibiu o apoio máis de 60,3 millóns de brasileiros e brasileiras, 50,9% dos votos. O seu adversario, o ultradereitista Jair Bolsonaro, obtivo 58,2 millóns de papeletas, 49,1% restante.

O novo dirixente ‘carioca’ xa estivera perto de obter a vitoria na primeira volta dos comicios presidenciais, desenvoltos o pasado 2 de outubro, nos que quedou a menos de dous puntos de alcanzar a maioría absoluta.

A “resurrección” de Lula da Silva

A vitoria de Lula da Silva nestas eleccións do Brasil está marcada polo seu previo paso polo cárcere, acusado un presunto caso de corrupción do que foi exculpado polas irregularidades no proceso xudicial.

O candidato do Partido dos Trabalhadores conseguiu sobreporse á campaña de desprestixio organizada pola ultradereita política, xudicial e mediática do país -“Fun vítima da maior mentira xurídica contada en 500 anos de historia do Brasil”, chegou a afirmar-, converténdose no novo presidente dos brasileiros e brasileiras.

Precisamente, estas foron as primeiras declaracións de Lula da Silva após ser oficial a súa vitoria. “Gobernarei para 215 millóns de persoas. Hai un único país, un único pobo, unha gran nación", manifestou.

Sobre a campaña organizada para encerralo en prisión e evitar que se presentara á reelección, o novo dirixente explicou que se considera “un cidadán que viviu un proceso de resurrección. Intentaron soterrarme vivo e aquí estou”. No entanto, Lula centrou o resultado dos comicios na “vitoria dun gran movemento democrático” por enriba de partidos e “intereses persoais”.

Bolsonaro garda silencio, por agora

O actual presidente, Jair Bolsonaro, non se pronunciou aínda sobre a vitoria de Lula da Silva. Neste sentido, o presidente do Tribunal Superior Electoral, Alexandre de Moraes, desvelou aos medios brasileiros que falou cos dous candidatos antes de anunciar os resultados, e asegurou que a súa oficina non ve "ningún risco real de contestación”.

Porén, durante a xornada electoral do domingo vivíronse numerosos incidentes protagonizados polas forzas bolsonaristas que dan a entender que o candidato da extrema dereita non aceptará polas boas a súa derrota nas urnas. O máis grave dos episodios tivo como actor fundamental a Policía Federal do Brasil, posicionada con Bolsonaro e acusada de ser parte importante da detención irregular de Lula da Silva.

En total, denunciáronse case 600 operacións policiais para intentar dificultar o voto nos territorios brasileiros nos que o candidato do PT tiña maior número de apoios. Uns incidentes que numerosos xornalistas internacionais que cubrían a xornada electoral non dubidaron en cualificar como "intento de golpe de Estado" do aínda presidente.

O propio Bolsonaro mostrou en númerosas ocasións as súas dúbidas sobre os resultados dos comicios, a medida que os inquéritos lle daban cada vez menos opcións de reeditar o seu mandato á fronte da Presidencia do Brasil.

Comentarios