VIDEO | Queima de buses e tentativas de invadir a sede da policía. Así foron as protestas dos bolsonaristas

Os manifestantes bolsonaristas perseguían o obxectivo de ingresar no edificio situado no centro de Brasília, onde incendiaron varios vehículos, mentres se dirixían ás inmediacións do hotel onde se encontra hospedado Lula da Silva.
Un bus calcinado após as protestas dos bolsonarista (Foto: @alanriossr / Twitter).
photo_camera Un bus calcinado após as protestas dos bolsonarista (Foto: @alanriossr / Twitter).

Seguidores do aínda presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, [Lula da Silva tomará posesión do cargo o vindeiro 1 de xaneiro] tentaron na madrugada desta terza feira invadir a sede da Policía Federal (PF) pola detención dun indíxena dereitista que instou a prácticas golpistas perante a ratificación xudicial de Lula como mandatario electo.

Os manifestantes bolsonaristas perseguían o obxectivo de ingresar no edificio situado no centro de Brasília, onde incendiaron varios vehículos, mentres se dirixían ás inmediacións do hotel en que se encontra hospedado Lula.

Neste sentido, o próximo ministro de Xustiza, Flávio Dino, salientou que o líder do Partido dos Trabalhadores (PT) se encontra “seguro” despois de que as forzas policiais montasen un dispositivo de seguridade, por tanto, non houbo necesidade de evacualo.

"Terroristas"

De igual forma, o titular da carteira no Gabinete conformado por Lula, afirmou que serán responsabilizados quen participaron nos actos vandálicos á vez que cualificou os radicais manifestantes de "terroristas".

A causa das violentas protestas foi o arresto temporal de Acácio Serere Xavante, aprobado polo Supremo Tribunal Federal (STF) ante unha solicitude da Procuradoria Geral da República (PGR), debido a “presunta práctica de condutas ilícitas en actos antidemocráticos”.

En consonancia, a PGR sinalou que “a manifestação, em teoria, criminal e antidemocrática, revestiu-se da clara tentativa de instigar a população para tentar, com emprego de violência ou grave ameaça, abolir o Estado Democrático de Direito, impedindo a posse do presidente e do vicepresidente da República escolhidos”.

Pola súa parte, Lula declarou esta segunda feira ante o Tribunal Superior Eleitoral (TSE), o cal o recoñeceu oficialmente como presidente electo, que “poucas veces na historia do país a democracia estivo tan ameazada”.

Ao mesmo tempo, salientou que “a vontade popular foi posta a prova e teve de vencer tantos obstáculos para finalmente ser ouvida” mentres recalcou que o pobo “escolheu o amor e não o odio, a verdade e não a mentira e a democracia e não o arbítrio”.

Comentarios