Gobernadores brasileiros mobilizan a policía para eliminar os bloqueos de estradas de seguidores de Bolsonaro

Os gobernadores de varios estados de Brasil decidiron mobilizar a Policía Militar, que depende directamente das rexións, perante a aparente inacción federal para eliminar os bloqueos de estradas
Protestas na fronteira brasileira con Paraguay esta terza feira (Foto: Jose Lucena / Zumapress).
photo_camera Protestas na fronteira brasileira con Paraguay esta terza feira (Foto: Jose Lucena / Zumapress).

Os gobernadores de varios estados de Brasil decidiron mobilizar a Policía Militar, que depende directamente das rexións, perante a aparente inacción federal para eliminar os bloqueos de estradas impostos por seguidores do presidente Jair Bolsonaro tras a derrota do político ultradereitista nas eleccións do pasado domingo.

Un xuíz do Tribunal Supremo brasileiro, Alexandre de Moraes, avalou que as forzas de seguridade estatais poidan despregarse para colaborar nas tarefas que, teoricamente, lle corresponden á Policía Rodoviaria Federal (PRF), que depende do Goberno central.

Con todo, a PRF saíu ao paso das críticas para confirmar que durante as primeiras horas da mañá (hora local) despexáronse xa máis de 300 estradas dos bloqueos de afíns a Bolsonaro.

De feito, o ministro de Xustiza e Seguridade Pública, Anderson Torres, lanzou unha publicación no seu perfil da rede social Twitter onde asegurou que a PRF "segue actuando ininterrompidamente" no desbloqueo de estradas.

Os gobernadores toman medidas

Pouco despois de coñecerse este permiso, sucedéronse as mensaxes de gobernadores que optaron por tomar medidas pola súa conta. O gobernador de São Paulo, Rodrigo Garcia, tachou de "inadmisíbel" o bloqueo, mentres que o principal responsábel de Río de Janeiro, Claudio Castro, chamou a "respectar o resultado das urnas".

Tamén se pronunciou no mesmo sentido o gobernador de Minas Gerais, Romeu Zema: "Xa pedín ás nosas forzas de seguridade que adopten as medidas necesarias para despexar calquera camiño ou estrada que estea bloqueada polas manifestacións".

En total son cinco os estados (Río de Janeiro, São Paulo, Minas Gerais, Rio Grando do Sul e Paraná) que esta terza feira mobilizaron a súa Policía. Estes Estado únense a Pernambuco, que xa desde a segunda feira traballa xunto coa PRF para o desbloqueo de estradas.

As protestas sucédense desde que o Luiz Inácio Lula da Silva se fixese coa vitoria nas eleccións do domingo, sen que o actual mandatario, Jair Bolsonaro, se pronunciase aínda para recoñecer a derrota ou, polo menos, instar os seus seguidores a respectar os resultados.

Comentarios