A ONU felicita Lula e insta a usar as vías legais no caso de apelacións

Bolsonaro aínda non recoñeceu a derrota mentres os seus seguidores tratan de manter os bloqueos de estradas entre disputas pola actuación dos corpos policiais.
Bloqueo de estrada en Leme a segunda feira. (Foto: Igor Do Vale / ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera Bloqueo de estrada en Leme a segunda feira. (Foto: Igor Do Vale / ZUMA Press Wire / dpa)

“Agardamos e queremos que todos os que non estean de acordo cos resultados electorais usen as vías constitucionais e legais estabelecidas”, salientou onte o voceiro da Secretaría Xeral da Organización das Nacións Unidas, Stéphane Dujarric, con relación ao proceso electoral no Brasil do pasado domingo.

Nese sentido, trasladou que a segunda feira o líder da institución, António Guterres, falou co presidente electo, Lula da Silva, para darlle os parabéns pola vitoria nos comicios, nos que se impuxo por máis de dous millóns de votos.

Simultaneamente, esa xornada comezaron bloqueos de estradas de empresarios do transporte xunta seguidores de Bolsonaro, que chegaron a fechar até 421 puntos en 22 Estados ao longo do Brasil, informa a prensa local.

Estes bloqueos atoparon a inacción da Polícia Rodoviária Federal (PRF), cuxo director, Silvinei Vasques, apoiou publicamente o candidato de extrema dereita, polo que na madrugada de onte o presidente do Tribunal Superior Electoral acusou este corpo policial de “non cumprir coa súa tarefa constitucional e legal”, estabelecendo para Vasques unha multa de 20 euros por cada hora que se manteñan os bloqueos, advertindo que isto pode implicar a súa destitución ou detención.

Asemade, Moraes deu orde ás Policías militares -dependentes dos Estados- para que “despexen de inmediato as obstrucións de todas as vías públicas”, nunha resolución ratificada polo Supremo Tribunal Federal.

Cando menos seis Estados, incluídos algúns gobernados por aliados de Bolsonaro, enviaron xa a Policía Militar a acabar cos paros, criticados pola Confederación Nacional de Transporte por “antidemocráticos”.

A resposta da PRF foi comezar a liberar os bloqueos dalgunhas zonas, tras facerse públicos vídeos de axentes que recoñecían que a única orde recibida fora permanecer á beira dos manifestantes.

O presidente Bolsonaro fixo onte a primeira aparición pública despois do final dos comicios, destacando que cumprirá coa Constitución e xustificando os bloqueos de estradas pola "indignación" e "inxustiza" das eleccións, nunha intervención de apenas dous minutos.

Con posterioridade, o ministro da Casa Civil, Ciro Nogueira, afirmou que foi autorizado por Bolsonaro para liderar o traspaso de poderes ao novo mandatario, que se producirá o 1 de xaneiro.

Aínda que Bolsonaro non recoñeceu a derrota, esta declaración fecharía a porta a unha subversión da orde constitucional, pouco despois de que maxistrados do Supremo se negaran a recibir a Bolsonaro para falar das eleccións antes de que asumise a vitoria de Lula.

Comentarios