O candidato próximo á China, elixido como novo primeiro ministro das Illas Salomón

Jeremiah Manele substitúe Sogavare
Jeremiah Manele (esq.) xurou como líder das Illas Salomón, a quinta feira. (Foto: Goberno das Illas Salomón)
photo_camera Jeremiah Manele (esq.) xurou como líder das Illas Salomón, a quinta feira. (Foto: Goberno das Illas Salomón)

O Parlamento Nacional das Illas Salomón escolleu a quinta feira co apoio de 31 do medio centenar de deputadas e deputados Jeremiah Manele como novo primeiro ministro, tras o que tomou posesión como novo líder do arquipélago.

Manele, do Partido de Propiedade, Unidade e Responsabilidade, substituíu o seu correlixionario Manasseh Sogavare á fronte do país, e está considerado próximo á China. Sogavare encabezou en 2019 -con Manele como titular de Exteriores- a ruptura con Taiwán e o estabelecemento de relacións con Beijing.

As eleccións do 17 de abril deixaron a formación como primeira forza con 15 asentos, a pesar do que Sogavare acabou por renunciar a buscar a reelección no lexislativo ao constatar que non obtería apoios dabondo.

En 2022, as Illas Salomón e a China asinaron un acordo de seguridade que foi criticado tanto por Australia como polos Estados Unidos, que en paralelo impulsan pactos semellantes ao seu favor nos Estados da rexión. O novo primeiro ministro destacou o carácter pacífico da transición do poder.

Comentarios