Bolsonaro confirma ao Supremo do Brasil que as eleccións "terminaron"

Os xuíces do tribunal Supremo de Brasil afirman que Jair Bolsonaro cumprirá a Constitución. O presidente saínte acudiu á sede xudicial após recibir unha invitación dos maxistrados.
Bolsonaro na campaña (Foto: O Globo / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera Bolsonaro na campaña (Foto: O Globo / Zuma Press / Contactophoto).

O presidente saínte do Brasil, Jair Bolsonaro, acudiu á sede do Tribunal Supremo onde confirmou aos xuíces que as eleccións "terminaron".

Esta acción realizouna após recibir unha invitación dos maxistrados do Supremo para que lles reafirmase a súa derrota nas axitadas eleccións deste domingo, tras as que Luiz Inácio Lula da Silva volverá presidir Brasil.

"O presidente da República usou o verbo terminar en tempo pasado, dixo 'terminou'. Por tanto, hai que mirar cara a adiante", confirmou o xuíz do Supremo, Luiz Edson Fachin, segundo informou o portal G1.

Os xuíces do Tribunal Supremo valoraron que Bolsonaro recoñecese a súa derrota, que afirmase que cumpriría a Constitución e até que chegase a criticar de maneira velada os bloqueos que algúns dos seus seguidores estiveron levantando en varias estradas nos últimos días para protestar polos resultados das eleccións. 

"Os xuíces do Supremo reiteraron", aseguran nun comunicado os maxistrados brasileiros, "a importancia do recoñecemento por parte do presidente da República do resultado final das eleccións, coa determinación de iniciar o proceso de transición, así como a garantía do dereito de libre circulación con motivo dos bloqueos nas estradas brasileiras". 

Primeiras declaracións

Pouco antes, Bolsonaro manifestárase publicamente por primeira vez sobre a súa derrota na segunda volta das eleccións do pasado domingo, case dous días despois de que se coñecesen os resultados, prometendo que cumpriría coa Constitución.

Na súa breve declaración, o líder da ultradereita brasileira rexeitaba que se lle tachara ao longo destes anos de "antidemocrático" e aseguraba que se movería sempre "dentro das catro liñas da Constitución".

Comentarios