Camioneiros bloquean o Brasil e Bolsonaro mantense agochado

O mandatario non recoñeceu aínda a derrota ante Lula, mentres os seus aliados premen para que asuma publicamente o resultado.
Seguidores de Lula da Silvia celebran en Rio de Janeiro a vitoria electoral. (Foto: Fernando Souza / dpa)
photo_camera Seguidores de Lula da Silvia celebran en Rio de Janeiro a vitoria electoral. (Foto: Fernando Souza / dpa)

Arredor de 60.000 persoas celebraron na madrugada desta segunda feira na Avenida Paulista de São Paulo a elección do candidato do Partido dos Trabalhadores (PT), Lula da Silva, para un terceiro mandato á fronte do país, grazas ao apoio de máis de 60 millóns de brasileiras e brasileiros, o que lle permitiu imporse por dous millóns de sufraxios (50,9% dos votos) ao actual mandatario, Jair Bolsonaro, de extrema dereita, e candidato do Partido Liberal (PL).

Aínda así, a tensión mantense no país, expectante pola reacción de Bolsonaro, o primeiro candidato que perde na segunda volta presidencial que non recoñeceu a derrota o mesmo día das votacións desde que en 1998 se instauraron as urnas electrónicas, tras unha campaña na que abriu a porta en múltiples ocasións a negar os resultados no caso de non saír vitorioso, ao que hai que sumar a tentativa da Polícia Rodoviária Federal (cuxo director, Silvinei Vasquez, pediu votar por el), de dificultar o acceso aos colexios electorais por medio de máis de 500 operacións nas zonas onde estaba previsto que Lula obtería a maioría dos votos.

Ningún dos seus aliados foi quen de falar con el o domingo tras confirmarse que non recuncaría, e poucos conseguiron contactar esta segunda feira co presidente, que recibiu a visita dos seus ministros máis próximos pola mañá entre presións dos dirixentes afíns para que asuma publicamente os resultados, revela O Globo. Á hora de feche desta edición Bolsonaro aínda non recoñecera a derrota.

A ameaza dun golpe de Estado do único militar que chegou ao Palácio do Planalto despois do final da ditadura do Exército en 1985, levou a que múltiples líderes mundiais e presidentes do continente felicitaran rapidamente a Lula tras a vitoria. Nese sentido, o mandatario arxentino, Alberto Fernández, dirixiuse na mañá desta segunda feira a São Paulo para darlle os parabéns en persoa ao candidato do PT.

Feches de estradas

Desde a primeira hora da segunda feira, medios locais informan de que a patronal de transporte organizou bloqueos de estradas en cando menos nove Estados do país. Precisamente a Polícia Rodoviária sostivo que o motivo dos feches é a “insatisfacción” dos manifestantes co resultado das eleccións “por sospeitas de fraude”, un extremo que descartou Alexandre de Moraes, presidente do Tribunal Superior Electoral.

Pola súa parte, Lula considerou que a vitoria é “dun inmenso movemento democrático que se formou por riba dos partidos políticos, dos intereses persoais e das ideoloxías, para que a democracia saíse vencedora”, tras alertar durante o proceso que escoller a Bolsonaro implicaba optar polo “fascismo”.

Xiro á esquerda

A volta de Lula ao poder consolida unha maioría progresista en Suramérica -á que hai que engadir México ou Honduras- de forma semellante á da primeira década de 2000, con apenas tres Gobernos conservadores (Paraguai, o Uruguai e Ecuador).

O importante peso demográfico do Brasil, que ten case a metade dos habitantes do subcontinente, e a liña seguida por Lula durante os dous primeiros mandatos (2003-2010) como presidente, permite albiscar unha nova aposta pola integración latinoamericana por medio de entidades como a Unión de Nacións Suramericanas ou a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños, deixadas en segundo plano polos mandatarios conservadores, máis partidarios da Organización dos Estados Americanos, dominada polos Estados Unidos.

Comentarios