As prórrogas da AP-9, unha historia de espolio desde 1977 que se estenderá a 2048

Bruxelas enviou unha carta de emprazamento, o primeiro paso nos procedementos comunitarios de infracción, ás autoridades españolas para garantir a correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que o Estado non cumpriu coas súas obrigas nesta materia. Que Bruxelas abra un proceso de infracción sería a única maneira de evitar que a prórroga se estendese até o ano 2048.
Peaxe AP-9 (Arxina).
photo_camera Peaxe AP-9 (Arxina).

A última prórroga da concesión da autoestrada AP-9, a que aprobou o goberno de José María Aznar no ano 2000, entrará en vigor a partir desta sexta feira, data na cal debería terminar dita concesión (xa prorrogada previamente polo PSOE en 10 anos, desde 2013 a 2023), e empezará a contar nese momento o prazo extraordinario de 25 anos adicionais validado polo entón ministro Rafael Arias Salgado, até agosto de 2048.

Neste escenario, a Autoestrada do Atlántico, principal vía de vertebración do territorio galego, segue sendo obxecto de debate, especialmente despois de que, tras a convocatoria do proceso electoral do pasado xullo, o proceso de transferencia a Galiza quedase no ar sen completar.

Por outra parte, a ampliación da concesión até 2048 está baixo a lupa da Comisión Europea que, en setembro de 2021 anunciou a apertura de expediente ao Estado español por ese período de explotación extra, sen convocar unha licitación pública.

Bruxelas enviou unha carta de emprazamento, o primeiro paso nos procedementos comunitarios de infracción, ás autoridades españolas para garantir a correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que o Estado non cumpriu coas súas obrigas nesta materia.

Denuncia

A asociación galega En-Colectivo presentou en xullo de 2020 unha denuncia ante a Comisión Europea por considerar que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa, aprobadas por senllos reais decreto en 1994 e até 2023, durante o Goberno de Felipe González, e en 2000 até 2048, durante o Goberno de José María Aznar (a primeira prórroga foi no ano 1977 polo Goberno de UCD). vulneraban a normativa comunitaria. Esta entidade reclama ao Goberno español que se anule a concesión e que se devolvan as cobranzas indebidas de peaxes desde 2013.

Audasa anunciou no seu momento que, se ese procedemento de infracción acababa co fin da concesión, reclamaría ser compensada en máis de 1.000 millóns de euros.

A día de hoxe, a Comisión aínda non ditaminou, algo que para En-Colectivo pode ser indicio de que "se está facendo unha investigación en profundidade". O seu presidente, Diego Maraña, lamentou, con todo, que "hai catro anos o BNG obtivo un compromiso do Goberno para a transferencia da autoestrada e para devolvela aos galegos", pero "catro anos despois a situación non cambiou".

Maraña (quen denunciou a "falta de transparencia" do Executivo acerca da resposta a esa carta de emprazamento) preguntou "que lles van  dar (os socialistas) a vascos e cataláns" para solicitar o seu apoio na investidura, mentres que non hai compromisos cos galegos, considerados "cidadáns de terceira".

Por outra parte, acerca da posíbel indemnización a Audasa, o presidente de En-Colectivo sinalou que xa o Consello de Estado "advertiu de que é máis caro" financiar a bonificación das peaxes (os retornos dos usuarios habituais) que unha posíbel indemnización á concesionaria. Así mesmo, matizou que esa compensación por lucro cesante "non sería tanta" como a anunciada, tendo en conta que a empresa estivo "atrasando a amortización" e por iso ten rendibilidades por encima do que debería.

A empresa, que pertence ao grupo Itinere, sempre negou esa acusación, e incidiu en que, desde que se produciu a privatización da Empresa Nacional de Autoestradas (ENA) en 2003, todo os beneficios foron destinados a amortizar os investimentos e non se repartiron dividendos entre os accionistas.

Mentres, no principio do ano e en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, o Goberno do Estado limitouse a constatar que, en tanto que a UE non anulou a prórroga da concesión, a obrigación legal é cumprir o aprobado no seu momento.

Grupos parlamentarios

Precisamente, a principios desta semana, o BNG lembrou que, se non fóra pola prórroga aprobada polo PP, desde esta sexta feira a Autoestrada do Atlántico "sería gratuíta".

O deputado nacionalista Luís Bará, que cualificou de "obscenos" os resultados económicos da concesionaria no primeiro trimestre do ano (36 millóns de euros, case 70% máis que no mesmo período do 2022), anunciou que o BNG volverá presentar iniciativas no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados para lograr o "dobre obxectivo" dunha AP-9 "galega e libre de peaxes".

Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez incidiu en que "o auténtico problema para Galiza con respecto á AP-9 ten nome propio exclusivo, o do PP".

Así, o portavoz socialista subliñou que "Galiza enteira sabe" que, de non ser por esa prórroga aprobada polo goberno de Aznar, a autoestrada finalizaría agora a concesión e podería ser gratuíta. "A responsabilidade é clara e exclusivamente do PP", abundou.

Mentres, o grupo do PP rexistrou o pasado mes de xuño unha proposición de lei, para dirixir ao Congreso dos Deputados, para a transferencia da AP-9, tendo en conta que, ao convocarse as eleccións estatais, decaeu o texto lexislativo que se estaba tramitando na Cámara Baixa.

O portavoz de Infraestruturas do grupo 'popular', José Manuel Balseiro, recalcou que a transferencia "é a gran materia pendente do futuro goberno de España con Galiza" e que o PP fará "todo o posíbel por que se materialice". Respecto diso, volveu a acusar o PSOE de bloqueala na anterior lexislatura e deixala " caducar", "coa complicidade do BNG".

Comentarios