O BNG denuncia "manobras dilatorias" de PSOE e PP para frear no Congreso a transferencia da AP-9

O Parlamento galego aprobou por unanimidade reclamar a transferencia da autoestrada xestionada por Audasa.
Rolda de prensa do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rolda de prensa do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou esta terza feira as "manobras dilatorias" por parte tanto do PSOE como do PP para que a lei aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza para a transferencia a autoestrada AP-9 finalmente non vexa a luz esta lexislatura na Cámara Baixa.

"Existe unha iniciativa do BNG, aprobada o pasado 11 de abril polo conxunto da cámara galega, en que se insta os grupos políticos con representación no Congreso a que apoien o texto da proposición de lei de transferencia da AP-9 nos termos votados de xeito unánime polo Pleno da cámara galega, co obxecto de garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posíbel", salientou.

En rolda de prensa, Rego lembrou que a tramitación desta norma xa se atrasou coa constante ampliación do prazo para a presentación de emendas, que non concluíu, dixo, até que o Bloque fixo unha "protesta formal". As "manobras dilatorias" continuaron, segundo o portavoz nacionalista en Madrid, coas emendas presentadas polos dous partidos maioritarios.

Por unha parte, acusou o PSOE de emendar a lei para "deturpar de forma clara aquilo que acordou de maneira unánime a Cámara galega: a transferencia da titularidade e as competencias da infraestrutura, non só para a transferencia da xestión".

E as emendas rexistradas polo PP, lamentou, "concretan algo que deberá ser debatido con posterioridade na Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado".

Neste contexto, lembrou que o Parlamento galego aprobou unha nova resolución exixindo que o Congreso axilice a tramitación da norma para evitar que decaia co fin da lexislatura e exhortando PSOE e PP a ser "coherentes" e manter a mesma posición que expresaron na Cámara galega.

Comentarios