Néstor Rego avanza que o BNG será decisivo no Congreso na próxima lexislatura

Para o deputado nacionalista, que o BNG sexa decisivo é "o maior mecanismo de cumprimento" dos acordos dunha eventual investidura.
O portavoz do BNG do Congreso, Néstor Rego (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera O portavoz do BNG do Congreso, Néstor Rego (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, reivindicou o papel da formación nacionalista na próxima lexislatura, xa que, asegurou, vai ser "necesario en moitas ocasións, porque os números están moi axustados".

Nunha entrevista en RNE Galiza, Rego recoñeceu que do anterior acordo de investidura só se cumpriu unha parte, con compromisos como "o desconto da AP9, os traballos de rexeneración da ría do Burgo ou a licitación da conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña".

Agora, asegurou que o BNG quere "maiores garantías de cumprimento". De confirmarse un novo acordo de investidura, Rego afirmou que terá que "recoller medidas ben definidas" e "cun mecanismo de verificación". Con todo, sinalou que "o maior mecanismo de cumprimento é que o voto do BNG poida ser determinante de forma permanente".

"Se esta lexislatura sae adiante, o BNG vai ser necesario en moitas ocasións, porque os números están moi axustados. Que o noso voto sexa decisivo é unha ferramenta para obrigar ao Goberno a cumprir", reivindicou.

Desta maneira, defendeu que o Bloque "nunca deu un cheque en branco a ninguén" e que o seu obxectivo é "facer que aquelas cuestións que interesan aos galegos, que poidan contribuír a que vivamos mellor, saian adiante".

Neste contexto, sinalou que o que se puido constatar durante os últimos catro anos foi que "o que foi inútil foi a presenza dos 10 deputados do PP no Congreso". Que foi máis útil, o deputado do BNG ou os 10 do PP?", cuestionou.

Negociacións

Con respecto ás negociacións para a investidura, o deputado do BNG explicou que mantivo un primeiro encontro co PSOE centrado na constitución do Congreso e a elección da Mesa. Ademais, emprazáronse a partir do día 17 para comezar a falar da investidura.

Entre as demandas que manterán os nacionalistas, avanzou que o obxectivo é que "a axenda galega saia adiante", con cuestións como "recuperar un déficit histórico de investimentos, equipamentos ou infraestruturas", das que destacou a "modernización da rede ferroviaria interna, reverter a crise industrial e crear un xulgado de violencia de xénero en todas as cidades".

Sobre quen presidirá a Mesa do Congreso, Rego valorou que "o importante" é que "reflicta a macrorealidade política do Congreso", polo que recoñeceu que "sería desexábel que se avanzase tamén no recoñecemento de que o Estado español, sendo plurinacional, tamén é plurilingüe, por tanto, que se fose adaptando a que os parlamentarios que así o queiran poidan expresarse na súa lingua". "Sendo unha cuestión simbólica, tamén é innegábel que ten un simbolismo político moi grande", relatou.

Así mesmo, mostrouse "convencido" de que a esquerda terá maioría para formar a Mesa. "Dependerá do conxunto das forzas políticas que queren que haxa unha alternativa actúen nesa dirección con coherencia", asegurou antes de engadir que para el sería "o lóxico".

“Feixoo non terá os apoios suficientes”

Por outra parte, ve "evidente" que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, non logrará os apoios necesarios para ser investido presidente do Goberno. "El insiste veña e dálle", expuxo Rego, que lembrou que "gañar as eleccións implica ter os apoios suficientes para gobernar", algo que, na súa opinión, "é claro que non os terá".

O deputado nacionalista tamén cre que unha repetición electoral levaría "a un resultado distinto" que "non sería bo para a cidadanía". "Corresponde un máximo esforzo de diálogo e de negociación para que poida haber lexislatura", reiterou.

Comentarios