A concesionaria da AP-9 pedirá ao Estado 1.000 millóns de euros se Bruxelas declara ilegal o contrato

Segundo a información auditada, a empresa contaba cunha débeda financeira neta de 1.034 millóns de euros ao fechamento do exercicio 2022, polo que ese sería o importe mínimo que reclamaría ao Goberno estatal en concepto de compensación por calquera modificación no contrato vixente.
Un informe de Competencia reproba as prórrogas das concesións da Autoestrada do Atlántico a Audasa (Foto: John Keith / Adobe Stock)
photo_camera Un informe de Competencia reproba as prórrogas das concesións da Autoestrada do Atlántico a Audasa (Foto: John Keith / Adobe Stock)

Audasa, a concesionaria de Itínere que xestiona a AP-9 entre Ferrol e Tui, advertiu de que reclamará ao Estado máis de 1.000 millóns de euros en concepto de indemnizacións se a Comisión Europea encontra irregularidades no actual contrato de concesión.

Así o manifestou nunha comunicación relativa a unha emisión de obrigacións que publicou na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), na cal explica que a indemnización sería "significativamente superior" ao importe actual da súa débeda.

Segundo a información auditada, a empresa contaba cunha débeda financeira neta de 1.034 millóns de euros ao fechamento do exercicio 2022, polo que ese sería o importe mínimo que reclamaría ao Goberno estatal en concepto de compensación por calquera modificación no contrato vixente.

En setembro de 2021, a Comisión Europea abriu expediente a España pola extensión da concesión desta autoestrada, ao considerar que a ampliación das peaxes até 2048 non se fixo de acordo á lexislación europea, que require a adxudicación mediante un concurso público.

A primeira ampliación aprobouse en 1994 -até 2023, durante o Goberno de Felipe González- e a segunda no ano 2000 -até 2048, durante o Goberno de José María Aznar-, mediante senllos reais decretos.

A febreiro de 2023, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aínda non previra ningunha actuación que puidese afectar a relación contractual da concesión, ao considerar que non existe ningún pronunciamento da Comisión Europea que declare contraria a dereito esta prórroga.

Pasos de Bruxelas

En calquera caso, Audasa recolleu no seu folleto publicado na CNMV os próximos pasos que Bruxelas podería tomar se finalmente conclúe que o Estado español non cumpriu coa lexislación europea, o primeiro dos cales sería pedir formalmente ao Goberno español que dea cumprimento ás leis comunitarias.

Se o Goberno mantivese o incumprimento, a Comisión pode optar por remitir o asunto, mediante demanda, ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o que podería forzar o Goberno español a adoptar as medidas necesarias para cumprir coa lei.

"Calquera medida que puidese contemplar a modificación ou terminación do vixente contrato de concesión por causa non imputábel a Audasa e por razóns de interese público, implicaría en todo caso e conforme á lexislación vixente o dereito de Audasa a ser debidamente indemnizada, indemnización que a xuízo de Audasa sería significativamente superior ao importe actual da súa débeda", advertiu a empresa.

Posteriormente, se o Estado non executase a sentenza, a Comisión podería iniciar un segundo procedemento de infracción mediante o envío dunha segunda carta de emprazamento.

Nunha segunda sentenza, a xustiza europea podería, a proposta da Comisión, impor ao Estado membro o pago dunha suma a tanto alzado ou dunha multa coercitiva.

Por agora, Audasa confirmou que no último ano non se atopa inmersa en procedementos gobernamentais, xudiciais ou de arbitraxe, incluídos aqueles procedementos que aínda están pendentes de resolución ou que poderían iniciarse segundo coñecemento da empresa.

Comentarios