O BNG pide que o Parlamento encargue un estudo independente sobre a viabilidade de anular a prórroga á AP-9

O deputado nacionalista Luís Bará cualifica de "obscenos, escandalosos e ofensivos" os beneficios da concesionaria da AP-9.

Camión de transporte de mercadorías circulando pola AP-9 (Foto: Arxina).
photo_camera Camión de transporte de mercadorías circulando pola AP-9 (Foto: Arxina).

O deputado do BNG Luís Bará cualificou de "obscenos, escandalosos e ofensivos" os beneficios de Audasa, a concesionaria da AP-9, coñecidos a pasada semana e que reflicten que obtivo un beneficio neto de 36,12 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, o que supón 68,35% máis que no mesmo período de 2022, segundo datos non auditados remitidos pola compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Para os nacionalistas, estas cifras demostran que a AP-9 é "un auténtico filón para a concesionaria" e "unha ruína para a Galiza". Bará ve como responsábeis desta situación os Gobernos españois "dun e doutra cor" polo seu "trato de favor a Audasa coa ampliación da concesión en dúas ocasións".

Por iso, o BNG considera necesario "acabar con esta estafa" e avanzou que no próximo período de sesións presentará iniciativas cun dobre obxectivo: "unha AP-9 galega e libre de peaxes".

O primeiro deles, "simbólico e político", así como "fundamental para o autogoberno", recoñece que "non é suficiente". Así, cre que o segundo obxectivo pasa "pola anulación da prórroga concedida irregularmente polo partido do PP co señor Aznar".

Entre os argumentos de Bará, están "as numerosas autovías (no resto do Estado) que son da mesma época e que hoxe son gratuítas". Nesta liña, sinalou que se conta co aval "dun expediente da Comisión Europea que alerta sobre a irregularidade desa concesión".

Ante esta situación, o deputado nacionalista manifestou que o BNG pedirá a realización dun estudo independente, encargado polo Parlamento, sobre a viabilidade da anulación desa prórroga, "a súa ilegalidade" e sobre os custos que tería o rescate da concesión.

"A AP-9 debería ser gratuíta esta mesma semana. A partir do 17 de agosto. Se non se aprobase esa prórroga ilegal, a AP-9 sería gratuíta. Por iso, cada día que pase a partir do próximo 17 de agosto, 24.000 galegos e galegas imos pagar esas peaxes abusivas da autovía. Cada vez que pasemos debemos lembrar que lle debemos ao PP pagar durante 25 anos máis esas abusivas peaxes", reclamou.

Comentarios