O PP desbota que se empreguen todas as linguas oficiais no Congreso

O vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, asegurou nunha entrevista que "non é unha demanda dos españois". O PSOE ve algunhas "dificultades" para usar os catro idiomas.
A Cámara baixa do Estado español, en Madrid. (Foto: Congreso)
photo_camera A Cámara baixa do Estado español, en Madrid. (Foto: Congreso)

O vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, rexeitou esta quinta feira a proposta da líder de Sumar, Yolanda Díaz, de reformar o Regulamento do Congreso para que se poidan utilizar as linguas oficiais do Estado español. Nunha entrevista realizada en RNE, asegurou que a proposta forma parte dunha "cortina de fume" para non falar, entre outras cuestións, dos "problemas internos" de Sumar con Podemos.

"Non é unha demanda real dos españois", puntualizou Tellado. Por iso, considera que a intención da vicepresidenta segunda do Goberno español é crear debates "estériles" cos que tapar outros temas. 

Sumar pon como exemplo o Senado, onde está permitido o galego, catalán e euskera de forma parcial, limitado á presentación de escritos, á Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e no debate de mocións. Neste sentido, o dirixente 'popular' sostivo que nos últimos meses, nos que exerceu como senador, comprobou que na Cámara Alta "non se usan demasiado as linguas oficiais". 

As "dificultades"

Neste tema, a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno español en funcións, Isabel Rodríguez, non rexeitou onte expresamente a posibilidade do uso das linguas oficiais no Congreso, aínda que apuntou ás "dificultades" que entrañaría, dixo, a posta en práctica.

Preguntada se, tras a negativa que mostrou até o de agora o PSOE para que se modificara o Regulamento do Congreso para poder empregar o galego, o catalán e o euskera, cre que na nova lexislatura podería avanzarse nesta materia, Rodríguez subliñou que "as linguas teñen que empregarse en calquera espazo sabendo das dificultades que despois ten a súa aplicación práctica".

Comentarios