A concesionaria da AP-9 incrementa o seu beneficio en 68% até xuño, após aumentar os seus ingresos por peaxe en 12%

Obtivo un beneficio neto de 36,12 millóns de euros no primeiro semestre deste ano
Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)

Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, obtivo un beneficio neto de 36,12 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, o que supón  68,35% máis que no mesmo período de 2022, segundo datos non auditados remitidos pola compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Este resultado explícase, en parte, polo crecemento do número de viaxes rexistradas, xa que a firma contabilizou 24.076 vehículos ao día pola autoestrada, 3,75% máis. Devandito incremento permitiulle aumentar os seus ingresos por peaxes 12,08%, até os 89,73 millóns de euros entre xaneiro e xuño deste ano.

Así, o resultado de explotación foi de 55,2 millóns de euros, mentres que o beneficio antes de impostos quedou nos 48,1 millóns, situándose o beneficio neto nos 36,1 millóns de euros.

A telepeaxe sitúase como o principal método de pago dos clientes de Audasa, con tres de cada catro vehículos que o utilizan, ingresando a través deles 44,1 millóns de euros, un 11% máis que no primeiro semestre de 2022. O pago con cartón creceu 4,8%, até 15,1 millóns, mentres que o efectivo baixou 11,7%, até 6 millóns.

Audasa tamén ingresou polas bonificacións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana 17,9 millóns, un 5,3% máis, mentres que as limitacións de tarifas supuxeron un ingreso de 4,3 millóns.

A peaxe en sombra supuxo 6,1 millóns de ingresos, 8,9% máis, aínda que os descontos de Audasa representaron -3,8 millóns menos en ingresos,  11,7% máis. Entre outras cifras, o cadro de Audasa creceu até as 223 persoas, dúas máis que entre xaneiro e xuño de 2022. Deste total, un 45,3% son mulleres.

Desde a década dos 70

A AP-9, cuxas obras comezaron na década dos 70, percorre a fachada atlántica da Galiza entre Ferrol e a fronteira portuguesa, suma 178 quilómetros e pertence a Itínere, un consorcio propiedade de diversos fondos de investimentos europeos e norteamericanos.

A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto de que a concesionaria espera uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía. A duración da concesión é tamén un caso único no Estado español, até sumar 75 anos como estrada de pago, tras diversas renovacións do tempo de aproveitamento aprobadas polo Estado.

As galegas e galegos levan pagados até 2020 3.228 millóns en portaxes por circular pola AP-9. Segundo as contas presentada pola compañía concesionaria, desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo, a autoestrada achegou aos seus titulares uns beneficios de 930,1 millóns, non presentando resultados negativos en ningún exercicio desde 1993.

Comentarios