A AP-9 custará ás galegas e aos galegos 6.000 millóns até 2048

O BNG volverá pedir a transferencia da titularidade da autoestrada
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Foto: Arxina).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela. (Foto: Arxina)

O BNG volverá "á carga" no próximo período de sesións parlamentarias para reclamar unha vez máis a fin da "aldraxe" e o "sablazo" que supoñen para a Galiza as peaxes da AP-9, que a partir desta quinta feira, 17 de agosto, "debería ser gratuíta se non se aprobara a prórroga ilegal da concesión até o ano 2048", denunciou esta segunda feira o deputado Luís Bará.

"A partir do día 17 cada vez que pasemos pola peaxe deberíamos lembrar que é ao PP de Aznar, Feixoo e Rueda a quen lle debemos ter que pagar durante 25 anos máis polas peaxes", asegurou Bará, lembrando que foi o Goberno do Partido Popular quen aprobou no ano 2000 a prórroga da concesión.

"Os galegos e as galegas teremos que pagar cada ano arredor de 200 millóns pola prórroga, que vai supor máis de 6.000 millóns de euros de aquí a 2048", engadiu o deputado nacionalista, insistindo en que "o PP é o máximo responsábel desta estafa e desta aldraxe".  

Bará cualificou de "obscenos" os beneficios da concesionaria Audasa no primeiro trimestre do ano. "Son datos absolutamente escandalosos e ofensivos, que demostran que a AP-9 é un auténtico filón para a concesionaria e unha auténtica ruína para a Galiza", denunciou. 

O BNG volverá presentar iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso español para conseguir o "dobre obxectivo dunha AP-9 galega e libre de peaxes". Bará lembrou que a transferencia da autoestrada xa foi demandada até en tres ocasións, cunha iniciativa, dixo, "boicoteada polas forzas centralistas" españolas. 

"Presións" en residencias

Bará tamén instou a Xunta a investigar a denuncia de inspectores e inspectoras de Servizos Sociais sobre a "filtración" a empresas de residencias de persoas maiores das datas nas que van recibir a visita dos servizos de Inspección, así como que cese as "presións" que asegura reciben os profesionais deste servizo. 

Comentarios