Acusado de suborno e inhabilitado por fraude e prevaricación. Quen é Rafael Louzán?

Aliado de Luis Rubiales e inhabilitado por fraude e prevaricación, a carreira política de Rafael Louzán fixo que aterrase na Presidencia da Real Federación Galega de Fútbol a pesar de incumprir os estatutos do propio organismo.
Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).
photo_camera Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).

Rafael Louzán Abal, nace en Ribadumia en novembro de 1967 e á idade de 28 anos comeza a etapa máis activa da súa carreira política no seu concello natal, como tenente de alcalde.

Desde entón converteuse nun despuntado membro do Partido Popular, principalmente na circunscrición de Pontevedra conseguindo múltiples cargos de relevancia. Foi escollido polo seu partido como membro da Deputación de Pontevedra en 1996 para sete anos máis tarde pasar a presidila.

Entre medias, foi escollido presidente do PP en Pontevedra, membro do comité executivo do PP na Galiza ou secretario de organización na circunscrición de Pontevedra entre outros cargos.

Chegada á RFGF

Non se sabe se a súa afección ao fútbol é realmente verdadeira, o que si se sabe é que en 2014 chega á Presidencia do maior organismo federativo e, basicamente, regulador do deporte rei na Galiza, A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) mentres labra unha boa relación cun tal Luis Rubiales. Só un ano despois da súa chegada á Presidencia da RFGF, comezan os reveses para Louzán.

Un xulgado de Cambados comeza a investigalo por un suposto delito de suborno. Tivo que pasar un ano para que Louzán dese un paso atrás, mais non na Federación, senón na Deputación de Pontevedra e non por vontade propia nin polas investigacións, senón porque o PP perdeu a maioría absoluta que o mantiña na Presidencia da institución.

Estamos en 2016 e Louzán deixa tamén a Presidencia do PP en Pontevedra e en 2018 féchase a investigación polo suposto delito de suborno xa que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anula as probas obtidas durante a investigación que supostamente probarían a comisión do delito. Durante todo este tempo, Louzán continúa á fronte do órgano federativo galego a pesar de contar con certo rexeitamento por parte dalgúns clubs do país.

Mais as batallas xudiciais do ribadumiense non cesan. Louzán estaba a ser investigado por un caso de prevaricación e outro de fraude por conceder unha axuda de 86.311 euros ao concello de Moraña, naquela altura dirixido pola súa compañeira de partido Luisa Piñeiro, para que realizase unhas obras no campo de fútbol que en realidade xa estaban executadas.

Esta investigación deu unha imaxe para a historia con Louzán e Piñeiro tomando asento no banco dos acusados en novembro de 2020 no edificio xudicial da Parda, na cidade do Lérez. O resultado desta investigación contra Louzán por fraude e prevaricación foi unha inhabilitación durante sete anos que o imposibilita para exercer un cargo público e dous anos de prisión, pena esta última que conseguiu eludir. Desde entón, Louzán segue á fronte da RFGF, unha das máis importantes dentro do panorama federativo estatal.

Luisa Piñeiro e Rafael Louzán no banco dos acusados en Pontevedra (Foto: B. Ciscar / Europa Press).
Luisa Piñeiro e Rafael Louzán no banco dos acusados en Pontevedra (Foto: B. Ciscar / Europa Press).

Canto cobra Louzán?

Encontrar información acerca do salario de Louzán como presidente da RFGF faise practicamente imposíbel. O único que se pode encontrar na rede é un documento de 2020 da propia RFGF no cal se asegura que "o presidente, Don Rafael Louzán, non percibiu retribución nin compensacións por razón do seu cargo durante 2020, sendo retribuído, con subvención da RFEF, pola súa participación no plan estratéxico desa entidade".

Fica, por tanto, no ar cal é a retribución que verdaeiramente percibe Louzán por ser o presidente da federación galega.

Relación con Rubiales

Non é un segredo que Louzán e Rubiales sempre mantiveron unha moi boa relación e que foron moi próximos. O último exemplo, os aplausos de Louzán durante o discurso desta sexta feira en que Rubiales tentou explicar os seus xestos obscenos durante o último partido do mundial de fútbol e o seu bico forzado á xogadora Jenni Hermoso.

Rubiales e Louzán durante unha visita a Compostela (Foto: RFGF).
Rubiales e Louzán durante unha visita a Compostela (Foto: RFGF).

Unhas accións que provocaron a crítica dunha esmagadora maioría do panorama futbolístico, críticas que encabezaron xogadoras e xogadores (incluída Jenni Hermoso que asegurou que o bico non foi consentido ou a galega Tere Abelleira), clubs galegos como o Celta de Vigo ou o Deportivo da Coruña e outras personalidades e institucións. Porén, a federación galega liderada por Louzán mantén un silencio sepulcral só roto por unhas declaracións do propio Louzán que indignaron aínda máis o panorama: “Son erros que se cometen e el xa pediu desculpas”, espetaba o máximo mandatario da Federación galega.

A boa relación de Louzán e Rubiales tamén se evidencia no feito de que, a pesar de ter coñecemento das accións ilícitas cometidas polo ribadumiense e a súa inhabilitación, Rubiales premiouno concedéndolle o posto de responsábel da liga Segunda RFEF, a cuarta categoría do fútbol estatal. Mais non acaba aí, segundo adiantou o medio Economía Digital Galicia, Rubiales tería entregado cinco millóns de euros a Louzán para que a Federación Galega saldase a débeda que tiña.

Nin Xunta nin Estado actúan

O Consello Superior de Deportes (CSD), dependente do Goberno español, foi moi crítico con Rubiales neste últimos días mais o certo é que no que respecta a Louzán, a actitude do CSD é de silencio e inacción totais, ao igual que acontece coa Xunta da Galiza.

Isto é especialmente grave xa que, mesmo nos propios estatutos da federación galega se indica textualmente que para “poder ser membro dos órganos de goberno e representación da RFGF non se pode estar inhabilitado para exercer cargos públicos”. Os estatutos da federación están a ser incumpridos desde hai anos e nin Xunta nin Estado decidiron actuar.

A finais do ano pasado Louzán lograba manterse de novo á fronte da RFGF até, polo menos, 2026.

Comentarios