O bico forzado a Jenni Hermoso e a actitude mantida durante o mundial de fútbol por parte de presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, provocaron unha chuvia de críticas cara a súa persoa.
Críticas que derivaron no anuncio da súa dimisión, que foi aplaudida por gran parte das persoas afeccionadas ao deporte rei.
Silencio institucional
Na Galiza, a tensa situación con Rubiales caracterizouse polo silencio institucional, sobre todo por parte da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF).
Algo que mudou na noite desta quinta feira cando o presidente da federación galega, Rafael Louzán (moi próximo a Rubiales) finalmente se pronunciou sobre o tema.
“Son erros que se cometen na vida, e xa pediu desculpas”, foi o que Louzán manifestou.
Fíxoo despois da celebración da vitoria no mundial da pontevedresa Teresa Abelleira na súa cidade natal na cal Louzán estivo presente.