xoves 21/10/21

O BNG pide reprobar Louzán como presidente da Federación de Fútbol

Insta á Xunta a incoar un expediente disciplinario
Rafael Louzán vén de ser declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).
Rafael Louzán vén de ser declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).

O BNG, a través do deputado Luís Bará, presentou no Parlamento galego durante a xornada de onte unha proposición Non de Lei para reprobar a actuación do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, quen recentemente foi condenado a dous anos de prisión e oito de inhabilitación para o exercicio de cargo público polos delitos de prevaricación e fraude na "adxudicación fraudulenta" das obras de construción do campo de fútbol de Moraña. 

Esta reprobación, apuntou Bará, "susténtase, mais alá da gravidade dos feitos e da severidade da condena xudicial, pola exemplaridade e o código ético que deben rexer a actuación dos representantes públicos". 

Na mesma iniciativa ínstase á Xunta da Galiza a incoar expediente disciplinario ao presidente da Federación Galega de Fútbol e a adoptar "as medidas preventivas acordes coa gravidade dos feitos que deron lugar á sentenza xudicial".

Desde a formación nacionalista engadiron que Rafael Louzán, "coa complicidade e conivencia da Presidencia da Xunta, segue exercendo como presidente da Federación Galega de Fútbol, o que implica xestionar centos de miles de euros de fondos públicos e tomar decisións en relación con feitos como os que acarrearon a súa condena". 

"Máis alá da valoración legal e de que a sentenza non sexa firme, estamos a falar de feitos de extrema gravidade e que son censurábeis desde o punto de vista da moralidade, da ética e da exemplaridade con que deben actuar as persoas que teñen responsabilidades públicas", destacou.

"Máis aínda se cabe nun ámbito como o deportivo, no que as persoas dirixentes deben ser exemplo para a sociedade e para as xeracións máis novas", afirmou un Bará que apelou ao artigo 57 da Lei do Deporte, "que permite intervir nun caso como este".

O BNG pide reprobar Louzán como presidente da Federación de Fútbol
comentarios