A Asemblea da Federación Galega de Fútbol reelixe Louzán por unanimidade

Os orzamentos superan os seis millóns de euros.
Votación da que Louzán saíu gañador. (Foto: RFGF)
photo_camera Votación da que Louzán saíu gañador. (Foto: RFGF)

Nin os escándalos nin as sentenzas xudiciais na súa contra —o pasado mes de maio a Audiencia de Pontevedra confirmou a súa condena a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación durante a súa época como presidente da Deputación de Pontevedra— frean Rafael Louzán.

O ribadumiense foi reelixido como presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF) na Asemblea Xeral Ordinaria que se desenvolveu no salón de actos Amancio Amaro na compostelá sede do ente, que terá á fronte Louzán até o ano 2026.

Até a capital da Galiza achegáronse un total de 102 asembleístas, que exerceron o seu dereito a voto aprobando por unanimidade uns orzamentos que superan os seis millóns de euros e "aplaudiron a xestión do presidente e a súa xunta directiva", segundo destacou a Federación nun comunicado.

O ex político do Partido Popular, tras súa inapelábel reelección como rexedor do fútbol galego, agradeceu a todos os presentes pola súa confianza e prometeu "compromiso e máis traballo para que a FGF siga sendo toda unha referencia".

Ademais, o mandatario anunciou que Santiago de Compostela acollerá o vindeiro mes de marzo de 2023 "un gran congreso do fútbol galego, para o que xa está en marcha o prazo de presentación de propostas".

Comentarios