O fútbol mete máis 'liñas' sobre o papel

A 'Colección O Dez' únese ao 'boom' do libro de fútbol en lingua galega cun volume de relatos curtos.
Óscar Losada, responsábel editorial da firma, posa para 'Nós Diario' co volume inaugural, a colección de relatos curtos 'Entre liñas'. (Foto: Vitoria Durán).
photo_camera Óscar Losada, responsábel editorial da firma, posa para 'Nós Diario' co volume inaugural, a colección de relatos curtos 'Entre liñas'. (Foto: Vitoria Durán).

Hai aproximadamente un ano, nestas mesmas páxinas dos Deportes de Nós Diario, Vitoria Durán asinaba unha reportaxe que titulou 'A idade de ouro do libro de fútbol en galego' e na que afondaba sobre a multiplicación de títulos co deporte rei como leitmotiv.

Este fenómeno, que medrou expoñencialmente desde 2022 e ao que se uniron tanto pequenas editoriais independentes -caso de Menino Morreu, que ten o fútbol como temática central e exclusiva da súa actividade- como xigantes da magnitude de Xerais ou Galaxia -que chegou, incluso, a lanzar unha liña especializada, O noso deporte, da cal a Historia do fútbol feminino en Galicia é unha das finalistas na categoría de divulgación dos Premios Follas Novas que se decidirán na Gala do Libro Galego o próximo 11 de maio- conta agora cun non tan novo integrante.

Porque o último volume co fútbol como protagonista inaugura a 'Colección O Dez', un spin-off da revista homónima que leva case 10 anos reivindicando en lingua galega a transcendencia cultural e social do fútbol. 

Trátase de Entre liñas, unha publicación na que o seu editor, Óscar Losada, reuniu un Dream Team de oito autores e autoras con 'títulos' nas súas vitrinas do nivel dos Premios Xerais, Merlín, Raíña Lupa, Frei Martín Sarmiento, Carvalho Calero, Losada Diéguez, Antón Risco, Jules Verne, Camiño de Santiago ou Agustín Fernández Paz para dar forma sobre o céspede, perdón, sobre o papel, a unha colección de relatos breves.

Así, Carlos Meixide escribe Verán do 91; Beatriz Maceda Abeleira, T e H; Manuel Seixas, As feridas do fútbol; Antonio M. Fraga, Sunshine on Leith; Iolanda Zúñiga, Inundación FC; Rosa Aneiros, Unha pancarta, un silencio e un gol; Lois Pérez, O ruído verde; e Pedro Feijoo, O fútbol é así. 

"Un texto atemporal"

Losada explica a Nós Diario que este Entre liñas inaugura un selo "que non será exclusivo de relatos, senón de textos que teñen que ver co fútbol". 

O editor, que en 2023 guionizou unha banda deseñada ilustrada por Xulia Pisón centrada na figura de Irene González, a pioneira das xogadoras da Galiza, salientou a condición de "libro atemporal" dunha obra "que vale para agora, dentro de tres, cinco ou dez anos, pois as historias que o conforman están afastadas da actualidade".

Ademais, Losada puxo en valor a "liberdade creativa" que outorgou á totalidade das escritoras e escritores participantes. "Son primeiros espadas da literatura galega que, coa excepción de Iolanda Zúñiga, que non esconde que lle importa un pemento, o que fai dela un perfil moi interesante porque achega unha interpretación diferente, en maior e menor medida son xente á que lles gusta o fútbol, así que decidín pórme en contacto con eles e elas, ofrecéndolles un encargo que probabelmente nunca tiveron antes e que, quizais, non volvan facerlle".

Un dos membros do particular equipo dirixido por Óscar Losada, Carlos Meixide, destacou o deporte da pelota como "viveiro de historias, materia prima dunha chea de anécdotas e aventuras que transcenden o aspecto puramente futbolístico e que teñen que ver coa vida".

Rosa Aneiros, pola súa parte, coincide coa visión do responsábel de Verán do 91, recordando que a día de hoxe xa debería estar totalmente desterrada esa consideración do fútbol "como alleo á cultura", pois "é algo moi humano e comunitario que forma parte da vida das persoas".   

Á venda, polo de agora, en seis das sete cidades do país 

A pesar de que a súa distribución aínda está nun estadio inicial, Óscar Losada revela que 'Entre liñas' xa pode atoparse en librarías de seis das sete principais cidades galegas (Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo) a un prezo de 16 euros.Porén, o responsábel da 'Colección O Dez' recomenda a todas as persoas interesadas en adquirir unha copia deste compendio de relatos curtos que envíen un correo electrónico solicitando información ao enderezo [email protected]

Comentarios