Militantes e simpatizantes do PSOE concéntranse en Compostela en apoio a Pedro Sánchez

Cualifican a situación de "inxusta e inmoral", e denuncian os "ataques e descualificacións" que "padecen" os socialistas nos últimos meses

As socialistas galegas, este sábado en Compostela. (Foto: Europa Press).
photo_camera As socialistas galegas, este sábado en Compostela. (Foto: Europa Press).

Militantes e simpatizantes do PSOE concentráronse este sábado en Santiago de Compostela, baixo a choiva, para mostrar o seu apoio ao presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e remarcaron que "si, paga a pena" que continúe no cargo.

O acto tivo lugar na Casa do Pobo, e entre os presentes estivo o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, que portou, xunto con outros compañeiros de partido, unha pancarta baixo a lema 'Pedro, estamos contigo'.

Alí, entoaron cánticos como 'Pedro, non te rendas' e 'Pedro, estamos contigo' e víronse carteis coa foto do presidente do Goberno.

O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, denunciou, ante os medios, que a Galiza "xa viviu" estas "prácticas mafiosas" do PP de Feixoo, e nesta xornada o que quixeron trasladar ao presidente do Executivo Central é que "si, vale a pena loitar".

"Todos os que estamos aquí hoxe dicímoslle alto e claro que ten o noso apoio, o noso agarimo, a nosa comprensión, pero sobre todo o que queremos é que siga para que as políticas socialistas, que son as que necesitan as persoas do común da rúa, continúen", enxalzou.

Situación "inxusta e inmoral"

Ademais, leron un manifesto no que denunciaron os "ataques e descualificacións" que "padecen" os socialistas nos últimos meses.

Uns ataques que, incidiron, o que pretenden é "destruír" a súa moral como socialistas e "buscan instaurar" na cidadanía "un cansazo xeneralizado" da política.

"A escalada destes ataques nos últimos días é política, pero sobre todo, humanamente insoportable. A dereita e a ultradereita escalaron un paso máis nestes ataques persoais a Begoña", lamentaron.

Neste contexto, remarcaron que "non poden consentir" que a dereita "pretenda instrumentalizar" o Estado de Dereito para "facerse co poder por encima de todo".

Así mesmo, fixeron referencia á carta que Pedro Sánchez enviou á cidadanía e na que se preguntaba se pagaba a pena. Ante isto, foron rotundos: "si, paga a pena continuar facendo unha España plural e diversa, ampliando os dereitos e liberdades da cidadanía do noso país".

Comentarios