A Federación Galega de Fútbol crea a Supercopa da Galiza

O fútbol galego conta cun novo título, a Supercopa Galiza. Este torneo enfrontará os conxuntos que levantaron a Copa da Coruña, a de Ferrol, a da Costa, a do Sar, a Copa Deputación de Ourense, a de Lugo e a Copa Rías Baixas de Pontevedra e de Vigo. Ademais, a gran final será nun escenario de excepción, Balaídos.
A Supercopa Galiza foi presentada esta cuarta feira pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF).
photo_camera A Supercopa Galiza foi presentada esta cuarta feira pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF).

O fútbol do país conta con novo título: a Supercopa Galiza. A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) presentouno na xornada de onte, confirmando ademais que estará integrada dentro do programa de actos de celebración do centenario do Real Club Celta de Vigo, xa que a final do torneo se disputará no Estadio de Balaídos.

A entidade reitora do deporte rei a nivel galego explicou que na primeira edición da Supercopa Galiza participarán todos os campións dos torneo oficiais desenvoltos ao longo da tempada 2022/23, é dicir, o Victoria CF (vencedor da Copa da Coruña), Sofán (gañador da Copa da Costa), Perlío (que saíu vitorioso da Copa de Ferrol), Calo (tras levantar a LV Copa do Sar), Atlético Arnoia (na súa condición de campión da Copa Deputación de Ourense), Ribadeo (vencedor da Copa Deputación de Lugo), Portonovo (que conquistou a Copa Rías Baixas de Pontevedra) e a Sociedade Deportiva Xuvenil de Ponteareas (gañadora da Copa Rías Baixas de Vigo).

Sistema de competición

A primeira Supercopa da Galiza estará estruturada nun total de dúas eliminatorias e unha final, que se disputará baixo un sistema de partido único en campo neutral previamente designado pola Federación Galega.

Os oito conxuntos participantes serán emparellados, "no posíbel", seguindo criterios "de proximidade xeográfica", polo cal un dos finalistas sairá das eliminatorias Victoria-Perlío e Calo-Sofán, mentres que o candidato do outro lado do cadro procederá dos choques Ribadeo-Atlético Arnoia e Xuvenil de Ponteareas-Portonovo.

Con respecto ás datas, estes partidos de cuartos de final levaranse a cabo entre o 12 e o 20 de agosto, mentres que as semifinais fican programadas desde os días 26-27 de agosto e até o 2-3 de setembro.

Por último, a finalísima da Supercopa da Galiza en Balaídos aínda non ten unha data concreta, máis desde a RFGF manexan a posibilidade do 12 de outubro, aproveitando  a súa condición de festivo estatal.

Comentarios