Luis López asume a presidencia da Deputación de Pontevedra sen "ánimo revisionista"

O novo presidente provincial louvou o Executivo saínte
Luis López e Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Beatriz Ciscar /  Europa Press)
photo_camera Luis López e Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Luis López, presidente provincial do PP e concelleiro en Rodeiro (Deza), tomou posesión onte como novo presidente da Deputación de Pontevedra e avanzou a súa intención de "abrir unha nova etapa e aplicar solucións diferentes e políticas distintas". Un posto ao que accede após renunciaren á acta 16 integrantes da lista do PP en Rodeiro para que el puidera así ser concelleiro e optar á Presidencia da entidade . 

O novo presidente provincial, coñecido como 'Lugués', sinalou que unha das cuestións que pretende cambiar é "a proximidade con todas as Administracións", polo que anunciou a súa intención de visitar todos os concellos nos primeiros seis meses de mandato

Luis López tamén dixo que a "filosofía de actuación" do novo Goberno provincial non ten "ánimo revisionista". "Mais tampouco imos aceptar, con total lealdade, políticas e decisións contrarias aos nosos principios", puntualizou.

Tamén tivo palabras de agradecemento ao Goberno saínte, formado polo PSdeG e o BNG, e "de cara ao futuro", pediu aos dous grupos da oposición "que sigan traballando intensamente pola provincia", mentres que el se comprometeu a "ter a man tendida".

Sesión de investidura

Nin o PSdeG nin o BNG presentaron onte candidato á Presidencia. Un por un foron pasando ante un atril no que estaba un exemplar da constitución os 27 deputados e deputadas (14 do PP, 9 do PSdeG e 4 do BNG) que utilizaron, maioritariamente, a fórmula habitual para xurar o cargo, incluíndo no caso dos deputados nacionalistas a promesa de "defender os intereses xerais do pobo galego e os dereitos nacionais da Galiza", coa excepción de María Ortega, que engadiu tamén o seu compromiso coa "defensa da memoria histórica", responsabilidade de exerceu durante o pasado mandato.

Ao rematar o acto oficial, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mantivo un encontro cos xornalistas no que manifestou que "é un día de alegría".

Comentarios