ANÁLISE | Luis Rubiales dinamita o fútbol español ante o aplauso de Louzán

Non dimite e ataca as mulleres e o feminismo
O máximo responsábel da Federación Galega, Rafael Louzán, á dereita, aplaudindo Luís Rubiales. (Foto: RFEF).
photo_camera O máximo responsábel da Federación Galega, Rafael Louzán, á dereita, aplaudindo Luís Rubiales. (Foto: RFEF).

"Luis Rubiales toleou". A frase, non por moi repetida nesta sexta feira logo da intervención do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) na Asemblea Extraordinaria que tivo lugar na súa sede nas Rozas (Madrid) torna en verdadeira.

Porque Rubiales non toleou, o que fixo foi mostrar o seu verdadeiro rostro, o dun machismo lindeiro coa misoxinia disposto a todo por continuar no poder.

Adoptando unha estética mussoliniana trufada cun histrionismo máis propio dun Nicolas Cage de Hacendado, e co lema de que "a mellor defensa é un bo ataque" por bandeira, o máximo mandatario federativo berrou mentres daba golpes no estrado: "É tan grave o que fixen para que sufra esta cacería? Despois de facer a mellor xestión da historia do fútbol español? Non vou dimitir! Non vou dimitir!".

O aplauso da inmensa maioría dos asistentes á Asemblea seguiu as palabras de Rubiales. Entre eles, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzan, quen ao longo de case unha hora que se estendeu evidenciou unha certa incomodidade coa súa linguaxe corporal que quedou en nada cando, unha vez rematado o acto, estreitou a man de Rubiales en sinal de recoñecemento.

Horas antes, en Pontevedra, onde a galega Tere Abelleira recibiu unha homenaxe da súa cidade natal pola Copa do Mundo que conquistou en Sidney, rachara o seu silencio sepulcral sobre a cuestión que monopoliza a actualidade estatal, restándolle importancia ao bico forzado a Jenni Hermoso: "Son erros que se cometen na vida e pediu disculpas".

Pero chegada a hora da verdade, nunha Asemblea na que varios medios apuntaron á súa dimisión Rubiales decidiu culpabilizar á vítima: "Foi algo espontáneo, mutuo e consentido [...] ela subiume en brazos, achegandome a min ao seu corpo e dicíndome que era un crack. Entón pregunteille, 'un piquito?', que non un bico, e ela dixo 'vale".

"Da anécdota comezan todas esas presións, pásase ao silencio da xogadora e despois a un comunicado de Jenni que, a verdade, non acabo de entender, porque a min estáseme tratando de matar, de asasinarme socialmente", engadiu o dirixente federativo, cargando contra un "falso feminismo" que "non busca a xustiza, nin a verdade e non lle importan as persoas". Ademais, anunciou accións legais contra políticos como Irene Montero, Ione Belarra, Yolanda Díaz ou Pablo Echenique: "Voume defender, como calquera español, nos xulgados".

Condena de Tere Abelleira e renuncia de Borja á 'Roja'

As palabras de Luís Rubiales provocaron unha fonda indignación, comezando polas propias futbolistas que levantaron o Mundial, caso dunha Tere Abelleira que nas súas redes sociais manifestou o seu apoio a Jenni Hermoso: "Intolerábel! Estamos contigo".

O Celta uniuse á repulsa nun comunicado, e outro galego, o dianteiro Borja Iglesias, autor de 15 tantos a pasada Liga, cualificou de "lamentábel" que se siga "presionando e poñendo o foco sobre unha compañeira", razón pola cal decidiu "non volver á selección española até que este tipo de actos non fiquen impunes".

Paralelamente, Rafael Del Amo, responsábel de fútbol feminino da RFEF, anunciou a súa dimisión, e a Fiscalía da Audiencia Nacional comunicaba que "estudiará" as denuncias presentadas contra el. A presión, en aumento, está tamén nos patrocinadores da RFEF, empresas como Iberdrola ou Iberia.

Comentarios