A PREVIA | O Alavés-Celta, partido chave para a permanencia

Un triunfo en Vitoria deixaría a escuadra celeste con pé e medio na Primeira División.
O 'xigante' Larsen´(sobre estas liñas) deixará, por sanción, o seu sitio na punta do ataque do Celta a un Tasos Douvikas que pide paso. (Foto: LFP).
photo_camera O 'xigante' Larsen´(sobre estas liñas) deixará, por sanción, o seu sitio na punta do ataque do Celta a un Tasos Douvikas que pide paso. (Foto: LFP).

O Real Club Celta atópase ante un escenario inimaxinábel cando despediu Rafa Benítez, hai menos de mes e medio, para deixar practicamente fechada a súa permanencia na máxima categoría do fútbol estatal durante, polo menos, outra tempada, que sería a décimo terceira consecutiva, ficando a tan só unha máis de igualar o seu récord histórico de permanencia na elite (desde a 1945/46 até a 1958/59).  

Pero para iso é fundamental volver de Vitoria cun resultado favorábel no duelo que enfrontará a escuadra olívica co Alavés ás 18.30 horas do sábado nun Estadio de Mendizorroza particularmente favorábel aos intereses celestes nos últimos tempos, pois alí acumula dous triunfos seguidos, o 1-2 da tempada 2021/22 e o 1-3 da 2020/21.

Rivais directos na zona baixa da táboa -o conxunto dirixido por Luís García Plaza suma 35 puntos por 31 dun Celta que fecha os postos de salvación con seis de vantaxe sobre o Cádiz (25)-, os gasteiztarras rexistran unha traxectoria irregular, demostrando que son capaces do mellor -como a pasada fin de semana derrotando o Atlético de Madrid- e do peor, tal e como evidenciou o feito de que acumularan tan só nove puntos dos últimos 30 en xogo antes dese duelo co cuarto clasificado.

Nesas augas revoltas sabe navegar moi ben un Claudio Giráldez que recupero animicamente un conxunto atenazado baixo o ultraconservadurismo táctico de Benítez, pasando a exhibir desde o seu primeiro partido á fronte do Celta un espírito alegre e vitalista sobre o céspede que o levou a obter sete puntos en catro partidos da man dun 3-4-3 que en Mendizorroza poderían integrar Guaita; Mingueza, Carlos Domínguez, Unai Núñez; Hugo Álvarez, Beltrán, Jaílson, Carles Pérez; Iago Aspas, Douvikas e Swedberg, sendo estes dous últimos -ambos goleadores fronte As Palmas- a gran novidade no once celeste.

O soño do Rácing vive

As derrotas dos seus rivais directos polo play-off na última xornada fixeron que, a pesar de caer co fechacancelas, o soño de disputar a promoción de ascenso a Primeira continúe tendo visos de converterse en realidade para o Rácing de Ferrol, pois aínda albisca o sexto posto a un único posto de distancia.

Porén, a marxe de erro xa é nula, e menos na casa, polo que os pupilos de Cristóbal Parralo están obrigados a demostrar ás 20.30 horas desta segunda feira, 29 de abril, que son moi superiores a un Mirandés ao que xa venceron no seu único duelo até o momento, o partido de ida desta mesma tempada, no que os goles de Hèber Pena e Josep Señé fixeron inútil o tanto materializado por Javi Martón no Estadio de Anduva o 11 de novembro de 2023.

O derbi de Diego Rivas

Movendo o foco á Primeira Federación, o calendario deparou un derbi galego entre un Deportivo líder que aspira a seguir aumentando a distancia cos seus perseguidores e un Arenteiro que aínda conta con opcións matemáticas de play-off.

A este encontro, programado en Riazor ás 19 horas de do domingo, os do Carballiño acudirán cunha gran novidade para defender a súa portería: Diego Rivas. 

O veterano gardameta de 36 anos colgara as botas o pasado verán e era o preparador de porteiros do Arenteiro até que as lesión de Diego García e Manu Figueroa, e a 'cláusula do medo' de Pablo Brea -futbolista do Dépor que por contrato non pode xogar en Riazor salvo que o Arenteiro pague unha cantidade que non desembolsará- obrigarano a volver a vestirse de curto.

Ademais, o Celta Fortuna recibe o Logroñés o domingo ás 19 en Balaídos e un Club Deportivo Lugo en alerta vermella ante os malos resultados fará o propio co Raio Maxadahonda unha hora antes (ás 18) no Ángel Carro. 

Comentarios