Retratos dun tempo en mudanza

Retratos dun tempo en mudanza.
MEMORIA E HISTORIA

Retratos dun tempo en mudanza: 31 entrevistas históricas

Entre os meses de novembro e decembro de 2022, Nós Diario achegou xunto ao xornal o coleccionábel 'Retratos dun tempo en mudanza', unha serie de 31 entrevistas históricas con texto e fotos do xornalista Xan Carballa. Conversas extensas, dispoñíbeis aínda en nosdiario.gal para persoas subscritoras, que analizan a realidade dun tempo convulso, de 1972 a 1986, e de moitos cambios na Galiza da man de Elvira Souto, Manuel Monge, Francisco Rodríguez ou Pepa Baamonde.

"As experiencias son diferentes. Houbo moitos casos en que a política era clandestina, con detencións e prisión. Aínda así, ningún deles se carga de medallas e consideran isto parte da súa biografía", explicaba Carballa cando comezaban a publicarse as diferentes entrevistas.

Xulia Alonso (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xulia Alonso. Vivindo nun tempo de esperanza e ameaza

Os tempos de esperanza sempre teñen a súa cara B. Naquel momento no que se vivía pensando que todo estaba por mudar e mudaría, a sociedade afrontaba moi diversas ameazas. O río da droga desbordábase entre a mocidade que impulsaba aquel tempo. O libro de Xulia Alonso (A Rúa, 1961) Futuro imperfecto (Galaxia, 2010), explicou como poucos aquela encrucillada que a tantas persoas lle custou a vida. Ela mesma sufriuno en carne propia, redobrado o risco despois pola aparición da SIDA, e hoxe insiste en contárnolo e chamar a non esquecer e a defender con uñas e dentes o sistema de sanidade pública.
Cuqui Piñeiro (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Cuqui Piñeiro. O río sempre en renovación da arte e a vida

A onda de mudanzas rompía tamén nos novos movementos artísticos. A ferida ditatorial foi profunda na descontinuidade cultural e tamén nas artes plásticas, singularmente no campo da escultura onde a presión da estética do Estado e Igrexa pesaba como unha lousa. Cuqui Piñeiro (Vigo, 1960), hoxe á fronte dunha fundición de bronce á cera perdida, única na Galiza, construída no taller no que se ergueu a obra de seu pai, o escultor Xoán Piñeiro (1920-1980), debulla algúns aspectos deste tempo que tamén é biografía persoal e social.
Xaquín Campo (Foto: Nós Diario).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xaquín Campo. A vertente social dos cregos do Vaticano II

Non só foron as mudanzas formais de rematar coas misas en latín ou diferentes cambios rituais. A mudanza saída do Concilio Vaticano II (1962-1965) foi socialmente determinante e deixou unha pegada fonda en moitas xeracións de cregos, que nos anos 70 estiveron involucrados tamén no cambio político. Xaquín Campo Freire (Guitiriz, 1937) foi un deles e sinala algúns daqueles puntos de cambio, que sempre lembro explicados no miúdo por Francisco Carballo.
María do Carme García-Negro (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

María do Carme García-Negro. A economía como suma de recursos e vontade

Unha economía en crise foi o pano de fondo no que se desenvolveu toda a mudanza ditadura-democracia. Oculta ou maquillada polo franquismo, é obrigado seguir e tratar de entender o sucedido no arco que vai de 1973 (crise internacional do petróleo) e 1986 (sinatura da entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea). Carme García-Negro (Lugo, 1950) achega algunhas das claves dese tempo en aceleración constante.
Francisco Rodríguez (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Francisco Rodríguez. O paseniño medrar do nacionalismo político

No cerne do nacionalismo galego desde os anos 70, Francisco Rodríguez (Serantes-Ferrol, 1945), sitúa algúns dos fitos do seu percorrido político e explica problemas derivados da falta de continuidade coa experiencia galeguista de 1936, e da orfandade dunha xeración que tivo que construír desde a base toda caste de organizacións e responder aos desafíos dun tempo político en constante aceleración.
Xesús Díaz (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xesús Díaz. De aprendiz no estaleiro a dirixente sindical

Xesús Díaz (Ferrol, 1944) e o seu irmán xemelgo Xosé comezaron a traballar no estaleiro Astano como aprendices aos 14 anos. Así era naqueles tempos, onde se completaban algúns estudos medios na propia “academia” que poñían as grandes fábricas ao rematar a xornada laboral. Militante do Partido Comunista (PC) e dirixente das CCOO, onde foi secretario xeral desde 1989 a 2000, Suso Díaz lembra algúns episodios que forxaron a lenda proletaria da cidade, envés da súa outra cara de departamento militar.
Carlos Barros (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Carlos Barros. Esperanza, frustración e análise dun loitador comunista

“Hai que interesar a xente máis nova na historia da transición, porque desde os poderes públicos só teñen fomentado desmemoria”, di Carlos Barros (Vigo, 1946), dirixente do Partido Comunista de Galicia desde os 21 anos. Nesta conversa, debulla o seu camiño de loita, que condicionou o seu futuro profesional, tendo que reconstruírse como historiador medieval, despois de terse formado como enxeñeiro industrial e non poder optar a postos que a súa cualificación permitía logo do seu protagonismo adquirido nas folgas de 1972.
Ánxeles Cuña Bóveda (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Ánxeles Cuña Bóveda. A forza imparábel do renacemento cultural

Censura, persecución, exilio. A historia da cultura baixo a ditadura é un ronsel ben negro. Pero a escuma branca tamén sucaba o mar nunha resistencia múltiple que floreceu desde abaixo en múltiples iniciativas abertas desde os anos sesenta. O teatro foi un espello no que mirarse, e a directora de Sarabela Teatro, compañía fundada en 1980, Ánxeles Cuña Bóveda (Poio, 1957), debulla algúns dos fitos dese tempo de esforzo e activismo.
Xesús Seixo (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xesús Seixo. O nacemento dun sindicalismo galego soberano

A historia do sindicalismo nacionalista bota as súas raíces nos conflitos obreiros de 1972 en Vigo e Ferrol. Os anos seguintes, até que poden ser legais os sindicatos, son os da construción de diferentes xermes sindicais, até culminar no nacemento en 1977 da Intersindical Nacional Galega (ING). Xesús Seixo (Curtis, 1952) estudou Biolóxicas e desde 1977 estaba nos comités de axuda á loita sindical, formando parte dese amplo grupo de persoas que, desde case á nada, ergueron o que hoxe é a CIG, a primeira central sindical en número de delegadas e delegados. Foi secretario xeral do sindicato nacionalista entre 2001 e 2017.
Ramón Varela (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Ramón Varela. Defendendo da depredación a terra, o mar e o aire

Desde os anos 60 moitas das meirandes mobilizacións que rexistrou o país tiñan un transfundo de defensa ecolóxica. Ese longo percorrido de resistencia e moitas veces éxito explícao Ramón Varela (Escairón, 1952), biólogo que foi secretario xeral de Adega. Varela tamén defendeu o 20 de xuño de 1989 no Parlamento galego a primeira iniciativa lexislativa popular da autonomía, a prol da “Conservación, Mellora e Desenvolvemento do Patrimonio Forestal” e foi detido en Londres dentro da extensa oposición á vertedura de residuos radioactivos na Foxa Atlántica.
Elvira Souto (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Elvira Souto. Desde a emigración, á cabeza do nacionalismo político

Foi unha xeración que deixou parte da mocidade nun esforzo incesante por construír organizacións políticas e sindicais. Sen apenas conexión coa xeración anterior, lembra Elvira Souto (A Coruña, 1947) que Jenaro Marinhas del Valle dicíalle, “non vos pasamos ningún facho, vós tivestes que acendelo”. Percorremos con Elvira Souto algúns dos momentos da súa traxectoria naqueles anos decisivos.
Antón Seoane (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Antón Seoane. O difícil camiño do manicomio á saúde mental

Baixo acusacións de propaganda ilegal, en 1974 e 1975 médicos do Hospital Psiquiátrico de Conxo foron detidos e chegaron a ingresar varias semanas en prisión, sendo finalmente despedidos. O fondo real daqueles acontecementos estaba nas reivindicacións que trataban de rematar a tétrica situación da saúde mental nos denominados “manicomios” e introducir enfoques máis humanos e sociais no trato. Un deses psiquiatras detidos foi Antón Seoane (Ferrol, 1949) coñecido tamén como iniciador do Movemento Popular da Canción Galega e figura nuclear do grupo Milladoiro.
Joám Lopes Facal (Foto: Xan Carballa)
star
Retratos dun tempo en mudanza

Joám Lopes Facal. A obriga do compromiso permanente

A partir de 1977, abríronse no nacionalismo galego dúas grandes pólas, encabezada unha delas por Camilo Nogueira. Con diferentes denominacións acabaría por popularizar a sigla Esquerda Galega. Joám Lopes Facal (Toba-Cee, 1940) foi unha das súas figuras senlleiras, e explícanos nesta conversa os alicerces dunha traxectoria política que funde parte da súas raíces nas folgas xerais que incendiaron Vigo en 1972.
Emilio López Pérez (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Emilio López Pérez. Acompañando o espertar labrego

Quizais foi un dos líderes máis coñecidos nos anos que o campo galego se incendiou con protestas despois de morto Franco, algunhas xa incubadas e desenvolvidas na ditadura. Emilio López Pérez, Milucho (Sindrán-Monforte, 1952), formou parte dos Comités de Axuda á Loita Labrega naquel espertar que tivo a súa pedra de toque nas loitas que se erguían co berro de “Nós non somos empresarios, fóra a cota empresarial”.
Pepe Barro (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Pepe Barro. Novos tempos, novas imaxes, novos símbolos

Coa liberdade de expresión prohibida, o esforzo de comunicación circulaba subterráneo en follas e publicacións clandestinas ou en pintadas nos valados. Coa caída da ditadura, emerxe con forza tamén unha revolución estética que, xa presente en moitos elementos da vida cotiá, irrompe con dispar sorte no discurso político. Pepe Barro (Pontedeume, 1955) é unha figura principal tanto no protagonismo desa mudanza na época como na información e na análise das formas gráficas contemporáneas.
Pilar Allegue (Foto: Xan Carballa).
star
Retratos dun tempo en mudanza

Pilar Allegue. Acción política nun tempo sen feminismo

Foi unha figura recoñecida na transición, unha das poucas mulleres concelleiras electas nas grandes cidades galegas en  1979. A biografía militante de Pilar Allegue Aguete (A Coruña, 1946) pode explicar a serodia chegada á conciencia política xeral, e ás organizacións, das ideas do feminismo que se tiñan que abrir paso contraditoriamente no pensamento político de esquerdas e nacionalista. Por entón non se recoñecía nin a existencia da dobre xornada na vida das mulleres, nin conceptos hoxe maioritariamente asumidos como a conciliación.
Bieito Ledo (Imaxe: Xan Carballa)
star
MEMORIA E HISTORIA

Bieito Ledo: Saciando a fame e sede de cultura

Despois de décadas de ferreña censura, os ventos novos dos 60 e 70 foron limpando a atmosfera e non había portas que os puidesen deter. Editoriais, librarías, asociacións culturais foron abríndose paso, mesmo desde a circulación clandestina dalgúns títulos, como o Sempre en Galiza de Castelao. Bieito Ledo (Padroso-Xunqueira de Ambía, 1944) fálanos daquelas iniciativas singulares.
 
Xosé Vázquez Fouz (Imaxe: Xan Carballa)
star
RETRATOS DUN TEMPO EN MUDANZA

Xosé Vázquez Fouz.Pioneiro do PSOE galego e testemuña do 23-F

Viviu a xestación do PSOE na Galiza, sendo un dos seus primeiros militantes xa morto Franco. Xosé Vázquez Fouz (Lugo, 1944) axudou a construír esta organización política, e sendo deputado na primeira lexislatura despois de aprobada a Constitución (1979-1982), foi un dos representantes do seu partido na elaboración do Estatuto de Autonomía. Como parlamentario foi testemuña da entrada a tiros de ametralladora do tenente coronel Tejero Molina cando se lanzaba o golpe de Estado, truncado, do 23 de febreiro de 1981.
 
María Xosé Queizán (Foto: Xan Carbala).
star
Retratos dun tempo en mudanza

María Xosé Queizán. O feminismo como evolución constante

O libro A muller en Galicia (Ediciós do Castro) escribiuno na fronteira de 1975. Na teorización do feminismo na Galiza os ensaios de María Xosé Queizán (Vigo, 1939) resultan pioneiros. Quizais na súa voluminosa autobiografía Vivir a galope (Xerais) atopamos explicación polo miúdo a unha traxectoria sen doados paralelismos con outras intelectuais galegas coetáneas, que a pesar da incomprensión e os enfrontamentos saíu adiante en todos os xéneros literarios e na acción social rompedora.