Retratos dun tempo en mudanza

O escritor Xosé Miranda. (Foto: Xan Carballa)
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xosé Miranda. Memoria e reivindicación da 'Xeración ERGA'

Os anos 70 e 80 foron unha constante mobilización da sociedade, intensa no día a día tamén en todos os niveis do ensino, que se masificaba despois do boom demográfico dos anos 60. Nese terreo sedento de liberdade e cheo de carencias, unha organización como ERGA fíxose forte e polinizou politicamente unha xeración de militantes sociais e políticos que nutriron as organizacións nacionalistas e non só. O escritor Xosé Miranda (Lugo, 1955), daquela dirixente da organización estudantil, reconstrúe aquel tempo e reivindica a importancia decisiva da que denomina desde hai tempo 'Xeración ERGA'.

Pablo González Mariñas. (Foto: Xan Carballa)
star
Retratos dun tempo en mudanza

Pablo González Mariñas. Evolución política dun nacionalista galego

O cambio dun réxime ditatorial a un democrático fixo agromar unha reorganización política no campo conservador e no inaugurado centro político, no que situou a súa opción o presidente Adolfo Suárez. Pablo González Mariñas (A Coruña, 1944) coñeceu de primeira man como se ía producindo na Galiza esa conformación. Explícanola nesta conversa que tamén nos permite entender a súa propia camiñada política, iniciada no Partido Galego Independente e culminada na fundación do Partido Nacionalista Galego. Nesas catro décadas tamén formou parte do Goberno galego como vicepresidente durante o mandato de Fernando González Laxe.
Mario López Rico. (Foto: Xan Carballa)
star
Retratos dun tempo en mudanza

Mario López Rico. Tempos de desilusións e alegrías

Coñecedor minucioso, e moitas veces protagonista, da política nacionalista contemporánea, o arquitecto Mario López Rico (Ribadeo, 1949) debulla nesta conversa dous acontecementos da convulsa vida política galega no amencer democrático. A usurpación dunha sigla política histórica, o Partido Socialista Galego fundado en 1963, e o acoso e derribo do primeiro alcalde democrático da Coruña, o nacionalista Domingos Merino, vítima de presións persoais incualificábeis pola súa homosexualidade e polo cuestionamento de parte da súa equipa a unha política urbanística non especulativa.
O escritor Lois Diéguez. (Foto: Xan Carballa)
star
Retratos dun tempo en mudanza

Lois Diéguez. Discriminación ideolóxica en tempo democrático

A expulsión de tres deputados nacionalistas do primeiro Parlamento galego, en outubro de 1982, despois de case un ano exercendo plenamente, sinalou un momento crítico no devir político da primeira lexislatura autonómica. Pódese ler tamén como un dos corolarios do golpe do 23-F. En todo caso, marcou a traxectoria dos protagonistas, entre eles o escritor Lois Diéguez (Monforte, 1944), que lembra aqueles anos de dedicación política.
Xulio Ríos
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xulio Ríos. O mundo sempre en transformación

Cantouse moito naquel tempo en manifestacións e actos políticos a letra galega d’A Internacional. O mundo ía ser transformado, como sempre, e por iso semella imprescindíbel situar o contexto político internacional no que se movía Galiza e o Estado español no acelerado tercio final do século XX. Xulio Ríos (Moaña, 1958) é un recoñecido especialista na materia, que desde case a adolescencia estivo involucrado na militancia política, no seu caso o nacionalismo de esquerdas, e coñece tamén desde dentro das organizacións como influían os aliñamentos saídos da guerra fría.
Pepa Baamonde.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Pepa Baamonde. Defendendo a escola en galego

O conflito que afectou á mestra Pepa Baamonde (Vilalba, 1946), sancionada e a piques de ser expulsada do maxisterio por usar o galego no seu traballo pedagóxico, foi quizais o máis grave pola sanción producida, do ronsel de incidentes que a presión do Ministerio de Educación foi deixando en múltiples centros educativos do país. Eran os meses inmediatos á aprobación do estatuto de autonomía e coincidiu no tempo co golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981.
 
Nemésio Barxa.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Nemésio Barxa: "A xustiza da ditadura nunca foi depurada"

Activo xurista desde hai máis de 60 anos, o avogado Nemésio Barxa coñeceu de primeira man o funcionamento interno da xustiza no período ditatorial e como pasou sen ningunha depuración interna ao período constitucional.
Manuel Monge.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Manuel Monge. A dignidade da memoria histórica

Morto o ditador houbo dúas amnistías, unha parcial en 1976 e a definitiva en 1977. Reclamada irrestrita polas organizacións políticas nas rúas, custou moito esforzo, e sangue, sacala adiante. Paradoxalmente, foi aproveitada para estendela a todo o aparato represor (policial e xudicial) da ditadura, que se mantivo practicamente incólume. A revisión desas leis, a recuperación da memoria histórica ou a eliminación dos vestixios públicos e recoñecementos sociais do franquismo e os seus colaboradores son unha constante na traxectoria política de Manuel Monge.
Gustavo Luca.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Gustavo Luca. Da censura á liberdade de expresión

Cando a ditadura xa caducaba e un novo tempo, incógnito, se enxergaba no horizonte, na prensa abríronse paso novas informacións e enfoques. De tempos con palabras prohibidas, “folga” ou “obreiros”, a un novo espazo no que as empresas xornalísticas dubidaron quen ía ter no futuro o leme do poder. Testemuña daquela etapa, Gustavo Luca (Cedeira-Redondela, 1942) lembra a época e tamén como a cadea de prensa estatal, ligada á ditadura, con máis de 40 xornais, foi malvendida ou desapareceu por completo.
Nanina Santos Catroviejo
star
Retratos dun tempo en mudanza

Nanina Santos Castroviejo. O feminismo, dereitos sen volta atrás

Pioneira do feminismo organizado no país, a través da Asociación Galega da Muller e tamén desde a revista Andaina, Nanina Santos explícanos como era abrirse paso con ideas que poñían do revés as mentalidades, secularmente patriarcais, e como a igualdade e liberdade das mulleres se foi abrindo paso sen permisos e colectivamente.
Xesús Veiga.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xesús Veiga. "A xente nova non aturaba o franquismo"

A xeración nacida na década dos 50 rompeu os estreitos corsés represivos da ditadura. A onda de mudanzas abríase paso nunha manchea de organizacións políticas dentro da esquerda. O economista Xesús Veiga dirixiu unha das máis activas, singularmente no mundo universitario, o Movemento Comunista de Galicia, e lembra o baño de realidade que supuxeron as primeiras eleccións de 15 de xuño de 1977.
Xosé Fortes.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Xosé Fortes. A valentía era enfrontarse á ditadura

Apenas foron un grupo de oficiais que se organizaron dentro do Exército como Unión Militar Democrática (UMD), pero abriron unha fenda no monolitismo das forzas armadas, que durante todo o proceso de transición da ditadura á democracia actuaron como contrapoder ameazante. Custoulles un Consello de Guerra en 1975 e unha condena de prisión que só rematou coa amnistía de 1977, aínda que non foron recoñecidos os seus dereitos até 1986. Xosé Fortes Bouzán é unha das figuras de referencia daquel intento de “mollar a pólvora do exército azul”, que se miraban no espello dos militares do 25 de abril en Portugal.
Tareixa Novo.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Tareixa Novo. Cancións para un mundo en marcha

Xa é tópico falar da banda sonora dunha época, mais resulta doado imaxinar as evocacións que traen a moita xente as cancións de Fuxan os Ventos (Sementeira, O Carro, A Carolina, Cantiga de berce, Muller, Irmaus e tantas outras). Celebran as cinco décadas e Tereixa Novo, que estaba no núcleo fundador, sitúanos naquel tempo de transformación que avanzaba como unha alta marea.
Daniel Pino.
star
Retratos dun tempo en mudanza

Daniel Pino. Ordenar a Terra con visión galega

Nos anos finais da ditadura, cando Galiza tiña unha rede de estradas e ferrocarrís atrasadísima, a Autoestrada do Atlántico planificouse como un muro que dividía o país. A oposición a como se facía aquela obra, co slogan “Unha navallada na nosa Terra”, aínda queda na memoria. A mobilización constante durante anos logrou racionalizar no posíbel aquel sensentido e, entre moitos logros, elevar as indemnizacións por expropiación. O sociólogo e urbanista Daniel Pino (Forcadela-Tomiño, 1943) foi unha das cabezas daquel movemento popular.
O xornalista Xan Carballa na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).
MEMORIA E HISTORIA

Xan Carballa, xornalista: "Logros sociais de hoxe teñen raíces nos 70 e 80"

De novembro e decembro 'Nós Diario' achegará o novo coleccionábel 'Retratos dun tempo en mudanza', con 31 entrevistas e fotografías históricas realizadas polo xornalista Xan
Carballa. A través delas poderase comprender a evolución do país e as loitas sociais que marcaron Galiza desde 1972 a 1986.