Xan Carballa, xornalista: "Logros sociais de hoxe teñen raíces nos 70 e 80"

De novembro e decembro 'Nós Diario' achegará o novo coleccionábel 'Retratos dun tempo en mudanza', con 31 entrevistas e fotografías históricas realizadas polo xornalista Xan
Carballa. A través delas poderase comprender a evolución do país e as loitas sociais que marcaron Galiza desde 1972 a 1986.
O xornalista Xan Carballa na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).
photo_camera O xornalista Xan Carballa na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).

—Que criterios se seguiron na elección das persoas a entrevistar no coleccionábel Retratos dun tempo en mudanza. Entrevistas para comprendermos a Galiza actual?
Cando pensamos este coleccionábel tivemos claro que non queríamos facer unha revisión historiográfica. Tratábase de ofrecer unha especie de paisaxe da época, non cinguida exclusivamente ao político, senón explicar como funcionaba a sociedade.

Na escolla de persoas, que non é exhaustiva loxicamente, queriamos facer algo máis que o propio relato de como se foron conformando os acontecementos políticos. Ao elixir as persoas queriamos que quedasen reflectidos conflitos, situacións políticas e cambios sociais como o da entrada das mulleres en política. 

—Como fotógrafo e xornalista, como definiría o período que abrangue este coleccionábel?
Cando morre Franco, tiña quince anos. Meu pai fora quiosqueiro e naquela altura era distribuidor de prensa e revistas, polo que vivín rodeado delas. Lembro as capas desas publicacións e que era un tempo de moita politización, de aceleración histórica.

Coñecín parte deses procesos políticos polo que teño que ter coidado nas entrevistas. Trátase de explicar o que viviron estas persoas. Para min ese período tamén foi dunha militancia política. Moita xente desa xeración estabamos cansos do franquismo e ilusionados cun cambio. É unha revisión que ten unha parte xornalística e unha parte persoal que tamén me involucra.

—Hai algunha razón para situar as entrevistas entre 1972 e 1986?
O tempo de mudanza, que figura no título, podemos colocalo máis atrás ou máis adiante mais queriamos fuxir do termo “transición política” que parece que se restrinxe a un par de anos ao redor da aprobación da Constitución. Pensamos en 1972 de inicio como unha data simbólica polas loitas obreiras, até o referendo da OTAN en 1986.

—Sorprende que algunhas das reivindicacións que aparecen no coleccionábel semellen actuais.
Pasou co ecoloxismo, un tema que arranca naqueles anos. Esa loita xuntou moita xente, basicamente en dúas frontes. Unha foi o intento de instalar unha central nuclear en Xove e conseguir paralizala. Outra sobre o intento de instalar moitas fábricas de celulosa no país. As reunións xuntaban centos de persoas e mobilizou moito á sociedade. Era moi de vangarda naquel momento. 

Era un tempo no que “ordenación do territorio” era unha palabra estraña. Hoxe en día non se entende unha obra sen o seu informe de medio ambiente. Esa exixencia gáñase neses anos e eu buscaba que esa xente puidera falar desa época en termos positivos e non de frustración política.

Empregouse moito a expresión “desencanto” nos anos posteriores á aprobación da Constitución

Empregouse moito a expresión “desencanto” nos anos posteriores á aprobación da Constitución. Eu non o interpretei así. Era interesante reivindicar logros de hoxe que teñen unha parte de raíces naquel tempo. Hai loitas que se repiten e así é como avanzan as sociedades.

—As persoas que entrevistou para o coleccionábel relacionan esas vivencias coa actualidade?
As experiencias son diferentes. Houbo moitos casos en que a política era clandestina, con detencións e prisión. Aínda así, ningún deles se carga de medallas e consideran isto parte da súa biografía. 

A relación coa actualidade chega, por exemplo, en casos como no da xustiza. Na entrevista ao avogado Nemésio Barxa, vemos que hai unha continuidade do franquismo. Aínda que houbo despois da ditadura unha nova lexislación, non houbo ningún xuíz apartado e o sistema medio de castas familiares continúa en moitos aspectos. 

Comentarios