Agora
Redacción
04/xan./24 14:43
A Galiza volverá ter representación na Copa da Raíña de baloncesto tres anos despois de que o Durán Maquinaria Ensino a disputase en 2021, caendo eliminado na rolda de cuartos de final após caer por 82-51 contra Perfumerías Avenida na primeira rolda. A remuda colleuna o Baxi Ferrol, quen fechou a súa clasificación para un torneo do KO que se disputará entre os días 21 e 24 de marzo no Pazo dos Deportes Carolina Marín de Huelva, estando xa dispoñíbeis para a súa adquisición abonos cun prezo que van dos 25 aos 45 euros na web da Federación Española de Baloncesto. O conxunto ferrolán obtivo o seu boleto logo de lograr unha transcendental vitoria sobre un dos seus posíbeis rivais, un IDK Euskotren que xa lograra o pase antes de saltar á pista e que perdeu na súa casa por 58 a 66.