Israel ordena fechar Al Jazeera en todo o país

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) denuncia que a orde é un intento de "silenciar a realidade" de Gaza.

Cámara de televisión e xornalistas en Gaza (Foto: Europa Press/Contacto/Atia Darwish).
(Foto de ARCHIVO)
12/5/2023
photo_camera Cámara de televisión e xornalistas en Gaza (Foto: Europa Press/Contacto/Atia Darwish). (Foto de ARCHIVO) 12/5/2023

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, anunciou este domingo o feche das operacións da cadea Al Jazeera en todo o país por incitar a ataques contra a seguridade do Estado e por “exercer de órgano de propaganda” de Hamás durante a guerra de Gaza.

Segundo Netanyahu, a decisión adoptouse de maneira unánime polo gabinete de guerra israelí e o ministro de Comunicacións, Shlomo Karhi, xa asinou a orde correspondente.

Para levar a cabo o feche, o primeiro ministro israelí conta coa lexislación aprobada en abril polo seu Parlamento que restrinxe durante polo menos 45 días, prorrogábeis, as actividades de medios estranxeiros considerados como hostís cara ao país.

A través dun vídeo publicado por Karhi nas súas redes sociais, o ministro asegura que "pasou demasiado tempo e xurdiron demasiados obstáculos legais innecesarios para deter finalmente a ben aceitada máquina de incitación de Al Jazeera, que prexudica a seguridade do Estado".

Desde o Ministerio de Comunicacións, agora, Karhi está facultado para ordenar aos provedores de televisión de Israel que deixen de transmitir Al Jazeera, ordenar o feche das oficinas israelís da canle, confiscar os seus equipos da canle -incluíndo teléfonos móbiles- e bloquear o acceso ao sitio web.

Lei en estudo polo Alto Tribunal de Isarel

A lei de medios aprobada pola Knesset en abril está en vigor, mais a súa validez está a ser estudada polo Alto Tribunal de Israel, a máis alta instancia xudicial do país, a pedimento da Asociación polos Dereitos Civís de Israel, que entende a normativa como un ataque á liberdade de expresión. 

O Goberno israelí ten ata o próximo 15 de maio para entregar unha resposta preliminar ante o tribunal sobre unha lexislación que ten data de caducidade, o 31 de xullo, polo que Netanyahu tería que estender a normativa se aínda non puido fechar as operacións da cadea para entón.

“Israel silencia a realidade”

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) denunciou este domingo a orde do Goberno israelí para fechar as operacións no país da cadea Al Jazeera como un intento de "silenciar a realidade" da guerra de Gaza.

Ademais, a ONG lembra que tres xornalistas do medio foron asasinados durante os dous últimos anos en operacións do Exército israelí en Gaza, Cisxordania e Líbano.

Comentarios