A PREVIA | Intensa xornada de baloncesto para Baxi Ferrol, Celta e Ensino

Os tres equipos da Galiza na principal categoría do baloncesto actúan esta sexta feira.
Baxi e Celta xogarán fóra da casa (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera Baxi e Celta xogarán fóra da casa (Foto: Baxi Ferrol).

A xornada 20 na Liga Endesa, a máxima categoría do baloncesto feminino a nivel estatal, dispútase un día antes do habitual, o que significa que os tres representantes da Galiza -Baxi Ferrol, Celta Zorka Recalvi e Durán Maquinaria Ensino de Lugo- competirán esta sexta feira.

Estea último, un dos equipos de moda do campionato, aspira a dar continuidade ao seu gran momento de xogo e resultados a costa do Hozono Global Jairis, ao que recibe ás 20.15 horas no Pazo Provincial.

Con dúas vitorias consecutivas no seu haber -unha delas ante nin máis nin menos que o líder, o Valencia-, un novo triunfo, esta vez a costa da entidade murciana, achegaría aínda máis aos postos de privilexio a un Ensino que logrou sobreporse a un pésimo arranque ligueiro, pois non gañou até a quinta xornada.

Cunha vitoria menos que as de Lugo (9) emerxe no noveno posto da clasificación o Baxi Ferrol, que viaxará até Euskadi para tratar de volver cos puntos do Polideportivo Maloste, onde actúa como local o Lointek Gernika Bizkaia nun choque que comezará ás 20 horas.

E, á mesma hora, e a non moitos quilómetros de alí, o Celta tamén xogará como visitante no Polideportivo José Antonio Gasca de Donostia co obxectivo de dar a sorpresa fronte a un IDK Euskotren que destaca pola súa solidez como local.

Abre a inscrición para o Galego de Clubs 3x3 Sub-17

A Federación Galega de Baloncesto (FGB) confirmou onte o regreso do Campionato Galego de Clubs 3x3 na categoría Sub-17, anunciando, ademais, que os equipos interesados en participar poderán tramitar a súa inscrición até o 24 de abril.

Máis en DEPORTES
Comentarios