Baloncesto

O Breogán, a aproveitar a euforia europea para medrar na ACB

Previa dos partidos na elite do baloncesto de Breogán, Obradoiro, Celta, Ensino e Baxi.
O Breogán, a saír da zona baixa (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O Breogán, a saír da zona baixa (Foto: Leite Río Breogán).

O 18 de outubro de 2023 xa está escrito en letras de ouro na historia do Club Baloncesto Breogán como o día no que obtivo a primeira vitoria europea da súa historia. Agora, o conxunto celeste tratará de aproveitarse desa euforia -algo minguada logo de saber que o conflito xurdido nas últimas semanas en Palestina abligará a adiar o seu segundo compromiso continental, previsto inicialmente contra o Hapoel Holon israelita o próximo 25 de outubro- para saír da zona baixa da táboa.

Cuarto pola cola, o seu rival deste sábado (18 horas) parece inmellorábel para conseguir o seu segundo triunfo ligueiro, pois Zunder Palencia é o único conxunto da ACB -xunto con Covirán Granada- que aínda non sabe o que é a vitoria.

Pola súa parte, o outro representante da Galiza na máxima categoría do baloncesto masculino estatal, Monbus Obradoiro,  ten unha oportunidade de ouro de conectar coa zona de play-off, pois cos seus dous triunfos ambiciona instalarse nuns postos de privilexio desde os que o mira o seu contrincante do sábado (20.45 horas), Bàsquet Girona, sexto con tres vitorias.


Ensino e Celta, a abandonar o farol vermello

Na Primeira División estatal de baloncesto feminino, Celta Zorka Recalvi e Durán Maquinaria Ensino teñen tamén este sábado a ocasión de estrear a súa conta de triunfos e, así, abandonar dunha vez por todas un farol vermello que comparten con Araski e Bembibre.

Pero non será fácil, pois as celestes reciben ás 19 horas Estudiantes (sexto clasificado) e o Ensino o co-líder, Perfumerías Avenida (19.15 horas).

O terceiro galego en liza, Baxi Ferrol, encara en mellor situación o seu choque das 17 ante Hozono Global Jairis, conxunto murciano que comparte o liderado co Perfumerías.

Comentarios