Ensino e Baxi Ferrol pelexan polos 'play-off' e o Celta por salvarse no final da liga de baloncesto

Todas elas dependen de resultados alleos para conseguir os seus obxetivos.
Paula Xinzo cambiou o Barça polo Valencia. (Foto: FC Barcelona).
photo_camera Paula Xinzo cambiou o Barça polo Valencia. (Foto: FC Barcelona).

Durán Maquinaria Ensino e Baxi Ferrol, optan xunto con Lointek Gernika Bizkaia e IDK Euskotren a unha das dúas prazas que fican por decidir de cara a participar nos play-off polo título ligueiro, que se deciden na derradeira xornada da fase regular na elite do baloncesto feminino estatal.

Aínda que son múltiples as opcións de dobres ou triples empates que poden alterar o resultado final, será determinante o que aconteza ás 19 do sábado -toda a xornada está programada a esa hora- no choque entre dous rivais directos, Euskotren e Ensino, así como no Baxi Ferrol-Estudiantes e o Perfumerías Avenida-Gernika.

Pola súa parte, o terceiro galego no torneo, Celta Zorka Recalvi, precisa dun triunfo que lle asegure a continuidade na elite un ano máis. Non obstante, non será suficiente con gañar o Embutidos Pajariel, pois tamén depende de que Spar Gran Canaria perda co Girona.  

Paula Xinzo, ao Valencia

Para sorpresa xeral, a pivote galega Paula Xinzo deixa de pertencer con efecto inmediato ao Barça -décimo segundo clasificado- para fichar polo Valencia Básquet, vixente campión ligueiro e conxunto onde milita outra xogadora da Galiza, unha Raquel Carrera que actualmente está recuperándose da rotura no ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito que sufriu a finais de marzo.

Esta desgraciada circunstancia foi chave para esta operación, pois o rol de Xinzo será tratar de encher o oco deixado por Carrera no interior da pintura, algo para o que non pasou desapercibido o extraordinario papel que interpretou nun equipo como o Barça, como demostran os seus 11,7 puntos, 4,5 rebotes e 11,7 de valoración de media.

Máis en DEPORTES
Comentarios