Baloncesto

Leite Río Breogán e Baxi Ferrol confirman dúas novas fichaxes

Reforzos no baloncesto galego de elite.
A americana Myah Selland xogará no Baxi. (Foto: Uni Ferrol).
photo_camera A americana Myah Selland xogará no Baxi. (Foto: Uni Ferrol).

Os equipos de baloncesto galego que a vindeira tempada militarán na máxima categoría continúan movéndose con rapidez no mercado de fichaxes. Así, esta terza feira dous dos cinco conxuntos galegos que afrontarán as sempre esixentes Liga ACB e Endesa oficializaron a chegada de novos reforzos.

No eido masculino, o Leite Río Breogán incorpora Matas Jogela, un xogador de 24 anos e 2,01 metros de altura que chega procedente do Neptunas Klaipeda da súa Lituania natal.

O Breogán incorpora poderío lituano ao seu xogo exterior

Tras iniciar a súa carreira en equipos como Lietuvos Rytas e Zalgiris Kaunas, en 2019 asinou polo Neptunas, onde vén de facer de media 13,2 puntos, cinco rebotes e 2,2 asistencias por partido na competición lituana.

Ala de bo físico e con talento, capacitado para ocupar varias posicións exteriores e anotar tanto de longa distancia como en penetracións, Jogela destaca tamén na súa capacidade para contribuír no rebote, características que veñen de recoñecer no seu país onde recibiu o galardón de xogador con mellor progresión na liga lituana.

Pola súa parte, o Baxi Ferrol, que representará á Galiza xunto con Durán Maquinaria Ensino e Celta, confirmou a chegada da estadounidense Myah Selland. Aos seus 24 anos, até o de agora a xogadora de 1,85 metros de altura viña xogando na Universidade de Dakota do Sur, onde viña rexistrando de media 16.1 puntos, 6,4 rebotes, 2,4 asistencias e 29,1 minutos.

A americana Sellanda estivo a piques de xogar na WNBA

Este mesmo verán participou no Training camp de Minnesota Lynx, sendo cortada no último momento antes do inicio da WNBA, a principal liga do mundo, o que levou a esta muller polivalente -que tanto pode xogar no interior como no exterior- a cruzar o charco e lanzarse á aventura de vivir a que será a súa primeira experiencia profesional fóra dos Estados Unidos.

Comentarios