O Baxi Ferrol xa coñece as súas rivais na Copa da Raíña de básquet

O torneo terá lugar o próximo mes de marzo.
A proba comeza o 21 de marzo. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera A proba comeza o 21 de marzo. (Foto: Baxi Ferrol).

O Baxi Ferrol, único conxunto galego dos tres que representan o país na Liga Feminina Endesa -a máxima categoría do baloncesto estatal- xunto con Durán Maquinaria Ensino de Lugo e Celta Zorka Recalvi de Vigo que logrou un boleto para participar na próxima edición da Copa da Raíña, xa coñece os nomes dos que serán os seus rivais no torneo do KO.

Deste modo, os datos que se extraen da clasificación da competición da regularidade logo de que se disputase a última xornada da primeira volta é que o Valencia Basket da galega Raquel Carrera, campión de inverno, será o primeiro cabeza de serie de cara ao sorteo.

Comparte esta condición co Perfumerías Avenida de Salamanca, Casademont Zaragoza -vixente campión dunha Copa da Raíña que o ano pasado tivo como sede o Pavillón Príncipe Filipe da capital maña- e o Spar de Girona.

Estes catro cabezas de serie ficarán nun mesmo bombo de cara a un sorteo que se desenvolverá o próximo día 16 de xaneiro, e cada un deles colidirá cunha das catro formacións procedentes do segundo bombo, no que agardan Movistar Estudiantes de Madrid, IDK Euskotren de Donostia e o Baxi Ferrol.

Segundo confirmou a Real Federación Española de Baloncesto (RFEB), o certame desenvolverase integramente no Pazo dos Deportes Carolina Marín de Huelva (Andalucía).

Este comezará o 21 de marzo, quinta feira, cuns cuartos de final que se estenderán até o día seguinte. Xa durante a fin de semana, sábado 23 e domingo 24 de marzo, están programadas as semifinais e a gran final. 

Neste 2024 a Copa alcanza a súa edición número 61, e non a gaña unha escuadra da Galiza desde que o fixera en 1984 un Celta que en total sumou tres, que unidos ao único título do  desaparecido Círculo Medina da Coruña en 1961 completan o palmarés copeiro do país.

Comentarios