O Baxi Ferrol entra en xogo 72 horas após descender

A entidade ferrolá despídese da elite do básquet.
As xogadoras do Baxi, desoladas despois de perder a categoría. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera As xogadoras do Baxi, desoladas despois de perder a categoría. (Foto: Baxi Ferrol).

En ocasións o deporte pode ser moi cruel. Como senón definir a realidade do Baxi Ferrol, que apenas 72 horas despois de certificar a perda do seu posto na máxima categoría do baloncesto feminino estatal está obrigado a viaxar até a outra punta da Península Ibérica para saltar ao  Pavillón Municipal Fontajau de Girona e xogar contra o equipo local hoxe ás 20 horas da tarde?

A entidade ferrolá chega moi tocada animicamente logo de perder con contundencia na casa ante Kutxabank Araski (42-62), resultado que en combinación co triunfo de Tenerife sobre Spar Gran Canaria (78-73) deixa ás da cidade departamental con só seis triunfos, a tres dos postos de salvación cando restan só dous partidos por disputar. 

O outro representante da Galiza na Liga Endesa tamén perdeu, pero cun sabor de boca ben diferente. Deste modo, Durán Maquinaria Ensino caeu na casa contra Valencia (64-74), pero a imaxe das lucenses ante un dos mellores bloques do campionato foi moi positiva. Lamentabelmente, a derrota deixa Durán Maquinaria Ensino fóra case matematicamente do play-off, pero a idea dun tranquilo final ligueiro nunha campaña tan axitada como a 2021/22 -e máis vendo o sucedido co Baxi- non debe decepcionar na cidade da Muralla.

Dupla derrota no baloncesto masculino

Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán completaron o pleno galego de derrotas no básquet. Os da capital protagonizaron un final de auténtico infarto ante un rival directo pola permanencia na Liga ACB como é Urbas Fuenlabrada, pero a pesar de ser quen de remontar un demoledor parcial de 0-17, os de Moncho Fernández fixeron bo ese dito de "tanto nadar para morrer na beira" e un fallo de Robertson nos intres finais inclinou o electrónico do lado madrileño (93-92). Deste modo, o Obra continúa de quinto pola cola na clasificación, aínda que a diferenza co descenso é xa dun exiguo triunfo.

Maior é a distancia que separa Leite Río Breogán dos postos de play-off, pois tras perder contra  Lenovo Tenerife (96-78) os celestes están xa a dous vitorias do oitavo posto. Ante os canarios pagaron caro un pobrísimo terceiro cuarto, no que un demoledor parcial de 33-19 supuxo unha lousa demasiado grande para os de Veljko Mršić.

Comentarios