Ferrol agarda saber quen leva a Copa Galiza feminina

O baloncesto galego ten unha nova cita, desta vez coa fase final da XXXV Copa Galiza Sénior feminina que terá lugar os días 23 e 25 de setembro en Ferrol. O equipo campión sairá do enfrontamento entre os catro mellores da Galiza: Durán Maquinaria Ensino, RC Celta Zorka Recalvi, BAXI Ferrol e CB Arxil
Paula Ginzo, do Maquinaria Ensino de Lugo, estará na Copa Galiza (Foto: Maquinaria Ensino).
photo_camera Paula Ginzo, do Maquinaria Ensino de Lugo, estará na Copa Galiza (Foto: Maquinaria Ensino).

Ferrol acollerá os días 23 e 25 de setembro a fase final da XXXV Copa Galiza Sénior feminina. Durán Maquinaria Ensino-RC Celta Zorka Recalvi (18 horas) e BAXI Ferrol-CB Arxil (20.15 horas) serán os duelos de semifinais que abrirán os cruces esta vindeira sexta feira no pavillón da Malata para decidir que equipos estarán na final do domingo ás 12 horas.

Na presentación do torneo, realizada esta terza feira no Concello de Ferrol, o presidente da xunta xestora da Federación Galega de baloncesto, Francisco Martín, agradeceu “ao Concello por volver acoller unha competición da Federación Galega e ao BAXI Ferrol por asumir o reto de que se faga nesta cidade”.

Pola súa parte, o presidente do equipo de baloncesto ferrolán, Santi Rey, amosou a súa satisfacción “porque se poida vivir esta fase final en Ferrol e esperamos que se vexan dúas boas xornadas de baloncesto e que a xente desfrute". 

Retransmisión en directo e venda de entradas

A Federación Galega de Baloncesto, pola súa parte, informou que ofrecerá ao completo e en directo os tres encontros da fase final a través da súa canle oficial de YouTube, Fegaba TV. No propio marco da presentación realizouse o sorteo de cruces para as semifinais que abrirán a competición na tarde desta sexta feira. 

Hoxe e mañá, entre as 19 e as 21 horas, abrirase o despacho de billetes do pavillón da Malata para a venda anticipada das entradas. En canto aos prezos, para o público as entradas custarán 10 euros por xornada, para os maiores de 18 anos, aínda que se se compran para os dous días poderase ir as dúas xornadas por 14 euros.

A afección que teña entre 6 e 17 anos pagará 5 euros por cada xornada e 7 se se compran as dúas entradas, mentres que os menores de 6 anos entrarán gratis, mais terán que retirar unha invitación.

Alén diso, as persoas abonadas do BAXI Ferrol maiores de 18 anos abonarán 6 euros por cada xornada e 8 se compran as dúas entradas.

Os que teñan entre 6 e 17 anos pagarán 3 por xornada e 4 se mercan para os dous días, mentres que os menores de 6 anos entrarán gratis solicitando un convite. Ademais, as persoas integrantes dos equipos base do club ferrolán tamén terán a entrada gratuíta retirando de maneira previa un convite.

Comentarios