Lino López, adestrador do Baxi Ferrol: "Cando dás o teu máximo, chega a recompensa"

Lino López (Ferrol, 1976) acaba de asinar co Baxi Ferrol a súa continuidade como técnico até 2027. O preparador tiña contrato en vigor até 2025 e a directiva do club decidiu ampliarllo por dúas campañas máis. O equipo logrou o ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino a falta de dúas xornadas para o final.
O adestrador do Baxi Ferrol falando coas súas xogadoras (Foto: Baxi Ferrol
photo_camera O adestrador do Baxi Ferrol falando coas súas xogadoras (Foto: Baxi Ferrol

—Como definiría a tempada que está a piques de rematar o Baxi na Liga Feminina Challenge?
Cando estabamos construíndo o equipo e vendo os orzamentos doutros clubs, así como as fichaxes e como estaba o mercado, se nos din que a estas alturas, cando faltan aínda dúas xornadas, estariamos ascendidos, pensaría que sería inimaxinábel. Ademais, hai que ter en conta como foi todo. No Nadal, perdemos contra o Zamora por 28 e logo, na seguinte xornada, perdemos contra o Alcobendas. Ninguén imaxinaba que despois encadearíamos trece vitorias e conseguiriamos o ascenso directo. 

O mellor foi poder celebralo na casa, co pavillón cheo e 3.000 persoas na Malata. Contar con familias e amizades na afección ao carón da xente que traballa no club é algo irrepetíbel co que non podiamos nin soñar cando comezou a tempada.

—Cales foron as chaves do Baxi para rematar campión de liga?
Creo que o traballo do día a día foi moi bo. Cando remataba cada adestramento, volvía para casa satisfeito do que facía todo o mundo, desde o corpo técnico até as xogadoras, pasando polo club, que conseguiu ter un conxunto deste nivel. Foi crucial o grupo humano que se xerou. Para min é moi importante á hora de fichar xogadoras que non só sexan boas na cancha, senón tamén fóra dela, como persoas e profesionais. Deportistas adestrábeis. Todo isto aliñouse para formar o grupo. 

—Como traballa o psicolóxico?
No momento de encadear dúas derrotas moi duras, o equipo seguiu a crer, traballando e facendo un día a día moi bo a pesar de todo. Cando dás o teu máximo, non es egoísta e queres traballar polo ben do equipo, ao final chega a recompensa. Ás veces non abonda para gañar ou non basta para competir, mais tes que estar satisfeito. No noso caso, desde o primeiro día desta tempada traballamos para ser mellores e non pensar en ningún obxectivo, senón no traballo do día a día. 

—Que papel xogou a afección no éxito que tivo o Baxi Ferrol?
É impresionante. Hai afeccións que cando as cousas van ben reúnen moita xente. No noso caso, o ano pasado na liga, cando tivemos poucas vitorias, non tivemos ningún reproche, nin ao corpo técnico nin ás xogadoras. Todo o contrario, animaban sen parar. Ter máis de 1.000 socias e socios na segunda división e ser capaz de encher un pavillón con 3.000 persoas ten mérito. Para min son a mellor afección que existe. Cando todo vai ben é fácil. Nos malos momentos, cando animan até o final, é emocionante. Persoalmente, conseguilo na miña terra, coa miña xente e na miña cidade, aínda máis.

—Co título e o ascenso gañado, o equipo segue loitando cada partido. Como se consegue?
Tivemos moitas celebracións e visitas a organismos públicos e patrocinadores, aínda así cando chegabamos ao adestramento seguía un ritmo de máximo nivel. Creo que tiveron esa liña de traballo e exixencia mutua desde o primeiro momento.  

—Pensou xa como afrontará a vindeira tempada?
Sabemos que a exixencia será moi alta na máxima categoría do baloncesto feminino. Os orzamentos que se moven agora, mesmo unidos a equipos de ACB que compiten na liga feminina, fan que os proxectos sexan moi ambiciosos e con orzamentos moi altos. Nós temos que tentar, dentro das nosas limitacións que economicamente son moitas, facer un grupo que dea o seu máximo. Da mesma maneira que fixemos a tempada pasada nesta categoría, aínda que ao final non se conseguiu o ascenso. 

O equipo sempre foi competitivo e tentou dar o máximo, mais non se conseguiu daquela polo que, aínda así, eu estou moi orgulloso. Oxalá puidese contar cun orzamento alto e competir por cotas maiores! Somos realistas e sabemos onde estamos. Cando remate esta tempada, tentaremos construír o equipo.

Comentarios