A nova idade de ouro do baloncesto galego "escríbese con nome de muller"

O básquet feminino retoma o pulo que o caracterizou nos anos 70, 80 e 90
A 'familia' do recentemente ascendido Celta, con Carmela Silva na sede da Deputación de Pontevedra. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera A 'familia' do recentemente ascendido Celta, con Carmela Silva na sede da Deputación de Pontevedra. (Foto: Deputación de Pontevedra).

Está vivindo o baloncesto feminino galego o mellor momento da súa historia? Pode que aínda non, pero o recente ascenso do Celta, que unido ao do Baxi Ferrol e á permanencia do Durán Maquinaria Ensino de Lugo fará que a Galiza conte con tres representantes na Liga Feminina 1, obriga a botar a vista atrás aos tempos gloriosos dos anos 70, 80 e 90.

Por aquel entón o conxunto celeste acumulou cinco títulos ligueiros entre 1977 e o 2000, aos que engadiu sete subcampionatos. Ademais, o desaparecido Club Deportivo Xuncas de Lugo foi segundo en 1989; o Ensino foi un habitual dos play-off, chegando a participar en competicións europeas; e o Cortegada asomaba a cabeza periodicamente como 'equipo ascensor'.

Celta, Baxi e Ensino aínda teñen moito traballo por diante para reverdecer aqueles vellos loureiros, pero a fazaña que lograron na tempada 2022/23 xa forma parte dos libros de récords do baloncesto galego, recoñecida onte nun acto de homenaxe por parte da Deputación de Pontevedra, que ofreceu unha recepción á escuadra olívica na súa sede en Vigo.

Coa presidenta Carmela Silva á fronte, que recibiu unha camiseta co seu nome e o dorsal número 14 -en referencia aos clubs nos que militou durante a súa carreira o seu fillo, o futbolista ex de Juventus ou Tottenham Iago Falqué-, as xogadoras, directiva e corpo técnico do Real Club Celta agradeceron o "apoio das institucións".

No outro sentido, a presidenta felicitou o Celta, asegurando que todos os nomes implicados no ascenso "pasarán á historia da cidade de Vigo, da provincia de Pontevedra e da Galiza escritos con letras de ouro", engadindo de forma reivindicativa que "no deporte, os éxitos van escritos con nome de muller". 

Carrera e Xinzo, na pre lista do Europeo

Deixando a un lado o plano colectivo e movendo o foco ao individual, as dúas xogadoras galegas máis importantes do momento, Raquel Carrera e Paula Xinzo, veñen de ser incluídas na pre lista para participar no próximo Campionato de Europa de seleccións, que organizarán conxuntamente Israel e Eslovenia entre o 15 e o 25 de xuño.

Aos seus 21 anos, Raquel Carrera vén de superar unha grave lesión da que volveu a un gran nivel, sendo peza chave nun Valencia que rematou en primeira posición na fase regular e que logrou coarse nunha final do play-off que estrea mañá ás 20 horas contra Perfumerías Avenida.  

Pola súa parte, a tamén ala pivote Paula Xinzo  -que, curiosamente, igual que Carrera acumula 23 internacionalidades- é o motor do Durán Maquinaria Ensino.

Máis en DEPORTES
Comentarios