Baloncesto

O Baxi, a rematar con 23 anos de seca galega na Copa da Raíña

A escuadra ferrolá regresa á competición seis anos despois da súa última participación.
As integrantes do cadro de xogadoras do conxunto departamental aspiran a celebrar o primeiro título da súa historia como club. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera As integrantes do cadro de xogadoras do conxunto departamental aspiran a celebrar o primeiro título da súa historia como club. (Foto: Baxi Ferrol).

A comezos de 2001 o Celta, que por aquel entón levaba o apelido 'Banco Simeón', levantaba a súa cuarta Copa da Raíña de Baloncesto após superar na finalísima o Salamanca por 66-64. Desde entón ningún outro equipo galego foi quen de levantar un torneo que abre esta quinta feira a súa edición de 2024 e que ten no Baxi Ferrol o único representante do país.

A LXII edición dunha Copa que comezou a disputarse en 1943 e que ademais do Celta tamén levantou unha vez, en 1961, o extinto Medina A Coruña -conxunto que estaba vinculado á Sección Feminina da Falanxe-, arranca na quinta na localidade andaluza de Huelva, estendéndose até o próximo domingo 24 de marzo.

O sorteo quixo que nun lado do cadro colidan o Valencia Basket da mellor xogadora galega do momento, Raquel Carrera, co IDK Euskotren, nun duelo programado ás 18 horas da quinta e de onde sairá o rival nas semifinais de Spar Girona ou Movistar Estudiantes (quinta feira, 20.30).

Para a sexta fican os outros dous encontros de cuartos de final, abrindo fogo o Perfumerías Avenida-Lointek Gernika (18 horas). Unha vez que remate, a partir das 20.30, será por fin a quenda do Baxi Ferrol, que tratará de facerse un oco nas semifinais a costa do Casademont Zaragoza nun partido que aqueles seareiros e seareiras que non poidan desprazarse até Huelva para animar as súas xogadoras poderán seguilo ao vivo a través da aplicación RTVE Play.

Os antecedentes non resultan favorábeis para un Ferrol que regresa ao torneo do KO despois do seu fugaz paso pola edición de 2018 -cando caeu eliminado nos cuartos contra o IDK Euskotren (61-79)-, pois a pesar de plantar cara perdeu os seus dous compromisos ligueiros da presente tempada fronte as mañas do Zaragoza (63-57 en Aragón e 69-71 na Galiza).

Pero a partido único e en campo neutral todo pode pasar, e quen di que se as Mestres, Howard, Pospisilova, Mataix e compañía están inspiradas non serían quen de coarse nunhas semifinais que se levarían a cabo ás 15 horas do sábado ou, incluso, nunha finalísima prevista ás 12.30 horas do domingo baixo a atenta mirada das cámaras da canle pública Teledeporte.  

Tres galegos van pola 'Minicopa'

De forma paralela á Copa da Raíña, o futuro do baloncesto estatal ponse a proba nunha nova edición da Minicopa, na que participarán 16 equipos co común obxectivo de que a súa sexa considerada como a mellor canteira de todo o Estado.

A gran cita copeira volverá incluír as división infantís de todos os clubs que integran a máxima categoría absoluta, disputando entre eles durante o transcurso da Copa da Raíña a súa particular competición.

Estes conxuntos medirán forzas, inicialmente, nun dos catro grupos con formato liguiña de todos contra todos, obtendo a clasificación o que remate no primeiro posto de cada un deles. Despois, as catro escuadras sobreviventes integrarán as semifinais das que sairán as dúas que pelexarán polo título.

A sorte quixo que o Celta Zorka Recalvi ficase encadrado no Grupo 'A' fronte Ekolo Ibaeta, Spar Gran Canaria e Perfumerías Avenida; o Ensino no 'C' con Estudiantes, Girona e Hozono Global Jairis; mentres que o Baxi de Ferrol colidirá con Valencia Basket, Fútbol Club Barcelona e Comeplastic Araski no Grupo 'F'.

Comentarios