O baloncesto feminino, con tres equipos galegos, comeza esta sexta feira na máxima categoría

A Liga Feminina 1 de baloncesto comezará esta sexta feira e nela participarán Celta, Baxi Ferrol e Ensino de Lugo. Os tres equipos galegos teñen por diante unha difícil tempada marcada pola súa situación económica, a ilusión e a esperanza de facer un bo papel.
O equipo do Durán Maquinaria Ensino de Lugo, co seu adestrador, Antonio Pernas, no centro (Foto: Ensino de Lugo).
photo_camera O equipo do Durán Maquinaria Ensino de Lugo, co seu adestrador, Antonio Pernas, no centro. (Foto: Ensino de Lugo)

A Liga Feminina 1 de baloncesto, a máxima competición desta categoría a nivel estatal, comezará mañá con récord de participación galega. O ascenso do Celta, unido ao do Baxi Ferrol e á permanencia do Durán Maquinaria Ensino de Lugo, fará que todas as olladas estean atentas ao desenvolvemento das xornadas que poderían ser históricas nesta disciplina para o país. 

O calendario, como o pasado curso, é asimétrico e marcou a primeira cita para esta sexta feira cun comprometido Valencia-Celta (Pavillón Municipal Font de Sant Lluis, 19.30 horas). O sábado será o momento do Durán Maquinaria Ensino que viaxará até Euskal Herria para xogar con Lointek Gernika Bizkaia (Polígono Maloste, 18.30 horas). Os equipos galegos fecharán a súa participación esta xornada co Kutxabank Araski-Baxi Ferrol (Polideportivo Mendizorrotza, Gasteiz, 19 horas). 

Alén da Liga, unha semana máis tarde chegará a Supercopa LF (do 30 de setembro até o 1 de outubro) e mediado o mes de marzo a Copa da Raíña (entre o 21 e o 24 de marzo). O tramo final da competición rematará na noite do sábado 20 de abril. As datas designadas para a final da competición foron o 9, 12 e 16 de maio.

Falan as xogadoras

No acto de presentación da propia Liga, realizado a pasada segunda feira en Madrid, estiveron presentes 16 xogadoras que representaron os equipos que competirán esta tempada. Por parte galega, a base do Celta, Anne Senosiain, indicou que “o ano pasado formamos un grupo magnífico fóra da pista e iso influíu deportivamente. Xogar en casa a Final Four axudounos para conseguir o ascenso”.

Tamén estivo a escolta do Baxi Ferrol, Gala Mestres, que sinalou que “é un momento ilusionante. A intención do equipo é estar unidas e ser un bo equipo e o traballo diario vai marcar os resultados”. Por último, a pivot do Ensino de Lugo, Bea Sánchez, recoñeceu que fixeron unha pretempada onde “xogamos moitos partidos e chegamos rodadas a este inicio. Ilusionadas e contentas por empezar canto antes”. 

O Ensino está nun estado "óptimo"

O equipo galego que tivo máis continuidade na Liga Feminina de baloncesto 1 é o Ensino de Lugo. O seu adestrador, Antonio Pernas, asegura a Nós Diario que esta pretempada “realizamos o mellor traballo posíbel no tempo que tivemos”. Admite que as semanas antes de comezar a competición “consisten en tentar coller a mellor forma  canto antes, que as rapazas xoguen e se coñezan”. Explica que despois desta preparación “estamos nun estado óptimo, apetece comezar” cunha competición que entende que é “exixente” por ter que xogar de inicio “contra os mellores equipos desta liga”.

En relación ás incorporacións, admite que o club “ten limitacións económicas” para unha competición que “mesmo no nivel medio, sen contar cos mellores equipos, hai grandes diferenzas entre os distintos orzamentos de cada entidade”. Neste caso, salienta que as súas xogadoras “teñen unha ética de traballo formidábel”, polo que o seu forte é ser “un equipo en crecemento que mellorará tamén coas achegas individuais”.

O Celta volve á categoría

Para o presidente do Celta Feminino de Baloncesto, Carlos Álvarez, esta tempada representa “once anos dun traballo moi duro e de moito sufrimento”. Lembra a Nós Diario que baixaron de categoría no seu día “por problemas económicos, unha decisión que tomou o anterior presidente”. Cre que “nunca debemos descender a nivel deportivo”, mais “as circunstancias eran as que eran”.

Estrearse diante das actuais campioas do Valencia na primeira xornada é, para o directivo vigués, se cadra “o mellor momento e ver se temos algunhas posibilidade”. Porén, admite que, alén deste encontro, “todo o comezo da liga será moi complicado”. Por este motivo, apunta cara un curso “de transición” no que “tentaremos salvarnos tendo en conta as nosas posibilidades e a economía do club”. Álvarez recoñece, ademais, que o equipo conta cunha adestradora, Cristina Cantero, que se estrea na máxima categoría,  mais “non é o único caso” que logo "remata con éxito". 

O Baxi Ferrol quere dar o máximo

Por último, o Baxi Ferrol chega a esta máxima categoría con ilusión. O seu adestrador, Lino López, admitía tamén nunha entrevista concedida a Nós Diario pouco despois de asinar a súa renovación até 2027 que nesta competición a cuestión económica era moi importante.

“Os orzamentos que se moven agora, mesmo unidos a equipos de ACB que compiten na liga feminina, fan que os proxectos sexan moi ambiciosos e con orzamentos moi altos”, aseguraba, “nós temos que tentar, dentro das nosas limitacións, que economicamente son moitas, facer un grupo que dea o seu máximo”, engadía. Neste sentido, o técnico ferrolán non deixa de ser realista de cara á competición que comeza mañá. "Sabemos onde estamos", concluía.

Comentarios