Miro, Eborico e Audeca. Os derradeiros reis suevos da Gallaecia de 570 a 585

Co falecemento de Teodomiro, o trono da Gallaecia pasou a seu fillo Miro no ano 570, tal e como o sinala o cronista hispano-visigodo Xoán de Bíclaro no seu Chronicon, redactado por volta do  ano 589. A pesar de resultar descoñecida a idade de Miro cando este herdou o reino, non hai dúbida de que a súa debeu de ser unha sucesión esperada e incuestionábel a teor das propias palabras do cronista visigodo. Un dato que permite identificar a Miro como fillo primoxénito do rei Teodomiro e, por tanto, a vixencia das leis sucesorias que marcaron a realeza sueva desde os seus inicios no século V. No entanto, talvez a mellor proba de que Miro foi, en efecto, o sucesor natural de seu pai, sexa a formación que o príncipe galego recibiu da man de Martiño de Dume, conselleiro e home de confianza do rei Teodomiro.
Lapida fundacional do mosteiro de San Pedro de Rocas, promovido no século VI polo rei Miro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lapida fundacional do mosteiro de San Pedro de Rocas, promovido no século VI polo rei Miro. (Foto: Nós Diario)

Líder indiscutíbel da Igrexa galega, tal e como se observa nas súas reprimendas ao bispo Vitimiro de Ourense, Martiño de Dume gozou da admiración dos eruditos cristiáns non só na propia Galiza mais tamén nos reinos veciños, especialmente entre os francos, e aínda na Hispania visigoda cando esta era oficialmente ariana. Non sorprende que, como conselleiro máis cualificado do reino, fose Martiño de Dume a persoa encargada da formación relixiosa, cultural e moral de Miro. Unha formación que chegaría aos nosos días a través de obras como a Formula vitae honestae (“Fórmula da vida honesta”) que o propio bispo de Dume dedicaría ao príncipe galego.

Martiño de Dume nunha miniatura do Codex Alebanedensis
Martiño de Dume nunha miniatura do Codex Alebanedensis.

Sen dúbida, a influencia de Martiño de Dume sobre o rei Miro está relacionada co feito de que este convocase o Segundo Concilio de Braga, apenas dous anos após de herdar o reino, o 1 de xullo do ano 572. Con este acto −presidido polo propio Martiño de Dume− asentábase a autoridade do novo soberano mais tamén o desexo das altas esferas do reino por instaurar un Estado unificado e sofisticado canto a súa doutrina. Neste concilio déronse cita as dignidades episcopais máis importantes do reino, desde Coimbra até Astorga pasando por Lugo, Tui, Ourense, Porto e Braga, entre outros. Talvez como unha extensión da influencia monacal de Martiño de Dume, durante o goberno de Miro foi promovida a construción e reconstrución de mosteiros. Foi o caso de San Pedro de Rocas, edificado, como sinala a súa lápida fundacional, no ano 573, en pleno reinado de Miro. Unha fundación que sen dúbida se inseriu nun momento de gran dinamismo dentro do monacato galego, aínda baixo forte influxo bizantino.

O reinado de Miro

Se ben se descoñece a idade á que Miro asumiu o trono da Gallaecia, o Chronicon de Xoán de Bíclaro sinala que o novo rei non tardou en dirixir as súas primeiras operacións militares. Así, pasado apenas dous anos do seu coroamento, no ano 572 Miro emprendía unha campaña militar contra o pobo limítrofe dos “runcóns”. Malia que o mundo académico discrepa á hora de localizar xeograficamente esta enigmática tribo, a súa propia existencia revela a vixencia, aínda no século VI, de pequenos reinos ou entidades políticas de tradición prerromana que mantiveron a súa independencia fronte os poderosos reinos xermánicos.

O rei Miro con Martiño de Dume nunha miniatura De virtutibus quattuor.  Biblioteca Nacional de Austria
O rei Miro con Martiño de Dume nunha miniatura, 'De virtutibus quattuor'. (Imaxe: Biblioteca Nacional de Austria)

Localizados tradicionalmente como un Estado situado ao leste da Gallaecia, para expertos investigadores como Anselmo López Carreira a ofensiva de Miro sobre os runcóns respondeu a unha estratexia xeopolítica. Con ela, o novo soberano galego procurou non só gañar terreo fronte aos visigodos, senón tamén acadar unha proximidade co seu gran aliado: a monarquía franca merovinxia. Unha alianza que viña de lonxe, tal e como demostran os contactos de seu pai, Teodomiro, co rei franco Childeberto I. Con este avance nos territorios cantábricos, Miro procuraba dispor dunha fronteira terrestre entre Galiza e os territorios do seu aliado, o rei franco Gontrán.

Así e todo, os movementos estratéxicos de Miro axiña obtiveron a súa réplica en terras hispanas, onde un ano máis tarde, no 573, o rei visigodo Leovixildo tamén emprendía unha campaña militar para someter outro Estado indíxena, a coñecida como terra de “Sabaria”, habitada entón polas xentes dos “Sappos”. Aínda que a localización deste territorio −e pobo−, independente do poder suevo e visigodo, resulta hoxe un misterio, pénsase que este se atopaba nas proximidades das actuais provincias leonesas de Zamora e Salamanca, un territorio especialmente sensíbel por ser próximo, e talvez fronteirizo, coa Galiza da altura.

Nesta escalada bélica, será novamente Leovixildo quen no ano 575 ataque os 'Montes Aregenses' 

Para Pablo C. Díaz, estes movementos poden delatar unha escalada bélica do que se deduce a existencia dunhas convulsas relacións políticas entre os reis da Gallaecia e da Hispania. Semella corroborar esa tensión o feito de o rei visigodo Leovixildo emprender unha intensa campaña militar en Cantabria, parte integrante da Gallaecia desde tempos romanos. Unha intervención bélica que acabou con boa parte da resistencia cántabra no ano 574, e que supuxo a ocupación da estratéxica cidade cántabra de Amaia polas tropas visigodas.

Nesta escalada bélica, será novamente Leovixildo quen no ano 575 ataque os “Montes Aregenses” (ao noroeste da Meseta), derrotando alí ao seu lugartenente, un líder chamado Aspidio ao que o cronista Xoán de Bíclaro se refire como “señor do lugar”. Estas accións do rei visigodo nos límites do reino de Galiza representaron, desde o punto de vista diplomático, toda unha provocación para Miro mais tamén unha campaña de acoso destinada a illar a monarquía sueva, especialmente fronte aos seus aliados francos. Así o corrobora o propio Xoán de Bíclaro cando afirmaba que apenas un ano despois, no ano 576, Leovixildo se achegou á fronteira galega co obxectivo de internarse nela. Finalmente, a través da mediación dos legados enviados polo rei Miro, o rei visigodo aceptou retirarse, non sen solicitar un substancial tributo que lle foi dado. Unha chantaxe que permitía a Miro evitar a ofensiva ao tempo que trataba de organizar os preparativos para unha eventual guerra coa Hispania visigoda.

Os choques militares entre Gallaecia e Hispania

En realidade, tras o choque militar entre a Gallaecia sueva e a Hispania visigoda tamén subxacía un enfrontamento de cariz relixioso. Os soberanos galegos, francos e o propio emperador bizantino profesaban o catolicismo, mentres que os reis ostrogodos e visigodos, entre outros, seguían a doutrina ariana, considerada herética pola Igrexa de Roma. Porén, non toda a aristocracia visigoda profesaba o arianismo. Na propia corte de Toledo, un dos fillos do rei Leovixildo, chamado Hermenexildo, converteuse ao catolicismo e desafiou así a autoridade paterna. O conflito, inicialmente familiar, derivou nunha contenda civil cando as provincias hispanas do sur e oeste decidiron apoiar o príncipe visigodo. Este, falto de recursos propios, solicitou axuda aos monarcas católicos, en especial ao rei galego Miro.

Sen efectivos militares abondo, Miro viuse obrigado a acordar un novo e danoso pacto co rei visigodo

Así  o afirmaba Gregorio de Tours na súa Historia Francorum ao recordar como perante a chamada de auxilio de Hermenexildo, o rei Miro respondeu marchando co seu exército até a provincia Bética, posibelmente pola vía da Prata, até chegar ás proximidades de Hispalis (actual Sevilla). Alí, no ano 580 o exército de Miro debía unirse non só ás tropas de Hermenexildo, mais tamén coas tropas bizantinas. Porén, estas últimas aceptaron unha cuantiosa recompensa de Leovixildo e nunca se presentaron na batalla. Sen efectivos militares abondo, Miro viuse obrigado a acordar un novo e danoso pacto co rei visigodo, así como a regresar co seu exército de volta a Galiza, á súa patria (“patriam reedit”). Malia que se descoñecen os termos do pacto entre ambos os dous reis, todo indica que Miro debeu pagar un alto prezo pola alianza con Hermenexildo. As súas consecuencias máis inmediatas foron o pagamento de novos tributos a Toledo.

Pouco tempo despois da frustrada tentativa de Hermenexildo, decapitado por orde de seu pai, Miro caía gravemente enfermo no ano 583. Coincidindo cun gran surto de peste bubónica que azoutaba entón o territorio visigodo, o propio Gregorio de Tours atribuíu a doenza de Miro coas más augas e aires de Hispania: a enfermidade acabou coa vida do rei galego apenas poucos días da súa chegada a Galiza. Após un reinado de 13 anos, a prematura e inesperada morte de Miro sumiu o reino da Gallaecia nun momento de forte inestabilidade política.

Con este pacto Eborico pasaba a ser, na práctica, un rei vasalo de Toledo e a Gallaecia unha sorte de protectorado visigodo

Tal e como o ditaban as leis sucesorias suevas, o trono pasou a mans de Eborico, fillo de rei e talvez da súa viúva, de nome Siseguntia. Con todo, tal e como precisaba Isidoro de Sevilla na súa Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, escrita por volta do ano 624, Eborico aínda era un adolescente cando herdou o trono rexio en Braga. Esta situación de debilidade non escapou ao rei visigodo Leovixildo, quen, segundo Gregorio de Tours, aproveitou a crise política para renovar o pacto alcanzado con Miro e facelo aínda máis desvantaxoso para os intereses do novo monarca galego e do seu reino.

Con este pacto Eborico pasaba a ser, na práctica, un rei vasalo de Toledo e a Gallaecia unha sorte de protectorado visigodo. Considerado, se cadra, como un mal menor que permitiría ao reino manter a súa independencia, á vez que este se recuperaba a nivel interno, a situación provocou un profundo malestar entre unha parte importante da aristocracia galaico-sueva. Este foi visto como un acto inaceptábel de submisión, mentres que no seo da Igrexa galega é posíbel que a vasalaxe a un rei foráneo de confesión ariana tampouco fose visto con bos ollos.

O Goberno de Audeca

A rebelión interna no Estado resultou só cuestión de tempo. Tan só un ano despois de herdar o trono, no ano 584, Eborico sufriu un golpe de Estado encabezado por un nobre chamado Audeca. A piques de se desposar cunha filla de Miro segundo Gregorio de Tours, ou casado coa viúva de Miro segundo Xoán de Bíclaro, do que non hai dúbida é de que Audeca debeu pertencer á corte sueva, tal e como revela a súa proximidade á familia real. Este posíbel parentesco pode explicar as condicións nas que se produciu a sublevación de Audeca, encamiñada a apartar do poder a Eborico aínda que respectándolle a vida. No entanto, para incapacitar publicamente a Eborico como soberano, Audeca obrigou ao rei deposto a asumir os hábitos monacais e o exilio.

A pesar de que as crónicas visigodas se esforzaron por presentar a Audeca como un tirano, o certo é que o ascenso de Audeca ao trono de Braga semella que non derivou nunha contenda civil nin nunha situación de caos político. O achado dunha moeda atribuída a Audeca coa lenda ODIACCA, permite intuír que Audeca gozou de certa estabilidade, cando menos no que atinxe á súa entronización. Unha moeda única no seu xénero, da que apenas se conservan testemuños fotográficos, pois o exemplar foi roubado en 1936 e aínda hoxe a súa localización resulta un auténtico misterio sen resolver.

Na corte toledana eran coñecedores de que o golpe de Estado iniciado por Audeca buscaba romper a submisión do reino de Galiza a Toledo

Mais se no plano interno o ascenso de Audeca foi aceptado polos poderes fácticos do reino, no que atinxe ás relacións internacionais, o derrocamento de Eborico supuxo unha ruptura nas relacións políticas coa Hispania visigoda. Na corte toledana eran coñecedores de que o golpe de Estado iniciado por Audeca buscaba romper a submisión do reino de Galiza a Toledo; unha posición que supoñía toda unha ameaza para hexemonía visigoda na península e convertía a Audeca en inimigo da Hispania visigoda. Non sorprende, xa que logo, que os cronistas visigodos como Xoán de Bíclaro xustificaran a intervención de Leovixildo na Gallaecia co pretexto de liberar o reino da suposta tiranía de Audeca, un monarca que conviña demonizar politicamente.

Así, baixo o pretexto de restituír no trono a Eborico, Leovixildo emprendía no ano 585 unha campaña militar contra o corazón do Estado suevo, Braga, onde residía Audeca. A cidade non resistiu a ofensiva e as tropas hispano-visigodas atravesaron os seus muros, devastándoa e facéndose co tesouro real suevo. Malia que o rei franco Gontrán enviou unha frota cara á Gallaecia, posibelmente en auxilio de Audeca, esta foi interceptada no Cantábrico polas tropas visigodas. Audeca foi apresado polos exércitos de Leovixildo, e inhabilitado para o goberno a través da tonsura, o corte de cabelo propio dos monxes.

Caído o reino da Gallaecia nas súas mans, Leovixildo tardou poucos anos en someter practicamente toda a península Ibérica

Se ben se especula que Audeca puido ser desterrado da Gallaecia polas autoridades visigodas, talvez á cidade de Paca (actual Beja), o certo é que Leovixildo nunca chegou a restituír no trono a Eborico. Coa operación militar, xustificada publicamente como unha restitución da legalidade anterior, o rei visigodo conseguiu anular o seu principal rival na xeografía ibérica. Caído o reino da Gallaecia nas súas mans, Leovixildo tardou poucos anos en someter practicamente toda a península Ibérica. Non estraña, deste xeito, que o cronista Xoán de Bíclaro dese por finalizado o “reino suevo”, ao que el mesmo considerou “convertido nunha provincia dosdominios visigodos”.

Con todo, os acontecementos políticos posteriores acabarían revelando a vixencia, entre certos sectores galegos, dunha postura antivisigoda comprometida por recuperar a independencia perdida. Non só iso, tamén a necesidade de que os reis visigodos aceptasen a singularidade da realidade galaica á vez que lle recoñecían o seu carácter de reino, motivo polo que foi tratado como unha entidade diferente de Hispania e da Septimania.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios