Requiario (448-456). O apoxeo suevo

Varias décadas despois da chegada dos suevos á Gallaecia, o novo reino alcanza un dos momentos de maior esplendor baixo o reinado de Requiario (448-456). Fillo e herdeiro de Requila, o segundo rei da Gallaecia, Requiario sentou no trono de Braga no verán do ano 448, tal e como recordaba o bispo e cronista galaico Hidacio no seu célebre Chronicon, a principal fonte de información do reino suevo nese momento. O seu ascenso ao poder posibelmente resultou inesperado, dado o curto o reinado de seu pai, de apenas unha década (438-448). 
Murallas de Astorga, canda Lugo e Braga unha das cidades máis importantes da Gallaecia. (Foto: Antonio Ciero)
photo_camera Murallas de Astorga, canda Lugo e Braga unha das cidades máis importantes da Gallaecia. (Foto: Antonio Ciero)

A pesar de o dereito sucesorio suevo privilexiar a liñaxe e o vínculo de sangue como forma hereditaria, a sucesión de Requiario non se viu libre de conflitos familiares e intrigas cortesás. Así o transmitiu Hidacio, quen no seu Chronicon informa de como entre a súa familia (“gente sua”) se agochaban algúns dos seus rivais polo trono. Se ben non se coñece o nome destes competidores, nin da súa relación co novo rei, especúlase que estes ben puideron ser irmáns ou familiares próximos do novo rei. O que si se sabe con certeza é que cando Requiario recolleu o cetro real, o xoven príncipe xa profesaba a relixión católica, do mesmo xeito que a gran maioría da poboación da Gallaecia. Con todo, non todos os suevos adoptaron esta posición e moitos mantiveron as súas crenzas pagás de orixe xermánica. Malia que se descoñecen os motivos que levaron a Requiario a adoptar o cristianismo, así como o momento en que isto sucedeu, para expertos como Anselmo López Carreira, a conversión do príncipe está relacionada coas súas propias orixes, sendo o primeiro monarca suevo nacido e criado na Gallaecia. Un territorio no que imperaba o catolicismo desde a súa oficialización polo Imperio, mais no que o priscilianismo, declarado herexía por Roma, tamén estaba fortemente arraigado na poboación. Porén, tampouco se pode desbotar que a confesión católica chegase a Requiario a través da súa nai, da que se descoñece a súa orixe, especialmente se esta pertencía á aristocracia galaica; un dato que hoxe resulta imposíbel de confirmar. 

As orixes de Requiario

Sexa como for, o caso de Requiario resulta especialmente significativo e evidencia a progresiva asimilación dos suevos á poboación autóctona galaica. Desde este punto de vista, a diferenza de Hermerico ou Requila, a vida de Requiario, ao menos na súa infancia e xuventude, transcorreu na Gallaecia; era, en esencia, un rei suevo-galaico que nunca pisara a Germania natal dos seus antepasados. Así, á hora de analizar as causas que envolven a confesión católica de Requiario talvez non resulte aventurado imaxinar que a educación de Requiario repousou no episcopado galaico e o rei, malia coñecer a fala xermánica da súa familia, sen dúbida tamén foi instruído no latín que se falaba entón na Gallaecia occidental, en Braga; a variedade lingüística da que nacería o galego.

Requiario, un rei suevo-galaico que nunca pisara a 'Germania' natal dos seus antepasados, evidencia a progresiva asimilación dos suevos á poboación autóctona galaica

A pesar das diferenzas cos seus antepasados, Requiario tivo que ser consciente, desde moi novo, da importancia da guerra e das campañas militares como medio para consolidar o poder real, enriquecer o tesouro e asegurar a protección do Estado, especialmente fronte a constante ameaza romana e visigoda. Isto explica como, pouco despois de asumir o trono, o novo rei emprendeu unha política expansionista polo territorio ibérico, consolidando o seu dominio nas súas “ulteriores regiones” −tal e como as denominaba Hidacio−, hoxe identificábeis co Levante e o territorio andaluz. Após as campañas militares desenvolvidas tradicionalmente. no verán, a diferenza de seu pai, Requiario deitaría a súa ollada nas terras ibéricas máis setentrionais e próximas á Galia; principalmente a terra coñecida entón como Vasconia, fogar dos vascóns. Un territorio libre de dominación romana e xermánica que desde había décadas sufría o acoso de numerosos pobos xermánicos a un e outro lado dos Pireneos. A fixación de Requiario sobre estes territorios respondía a un interese xeopolítico, pois co seu sometemento Requiario procuraba dispoñer dunha conexión terrestre e estábel co resto de Europa e, principalmente coa monarquía visigoda asentada na Aquitania (na actual Occitania). Este achegamento xeográfico ía da man dun achegamento político, tal e como o evidenciou a alianza entre Requiario e Teodorico I, rei dos visigodos, a través do matrimonio entre o rei da Gallaecia e unha filla do monarca visigodo en febreiro do ano 449.

O crismón de Quiroga, unha das representacións máis antigas do cristianismo na Galiza, datado a mediados do século V. (Foto: Nós Diario)
O crismón de Quiroga, unha das representacións máis antigas do cristianismo na Galiza, datado a mediados do século V. (Foto: Nós Diario)

Durante o seu periplo por Vasconia, a Galia e o leste ibérico Requiario liderou unha exitosa campaña sobre as ricas cidades romanas de Caesaraugusta (actual Zaragoza) e Illerda (actual Lleida). O ataque a estas cidades imperiais supuxo toda unha humillación para Roma que comezou a temer o avance suevo pola rexión tarraconense. A preocupación imperial estaba plenamente fundamentada pois a zona do Ebro resultaba irrenunciábel para o poder romano, temeroso de que os exércitos de Requiario ousasen internarse río abaixo, chegando a Tarraco (actual Tarragona), a última gran capital da península en poder de Roma. Esta posibilidade levou a que no ano 453, o emperador Valentiniano III se decidise a enviar unha embaixada a Braga, encabezada por dous aristócratas romanos, Mansueto e Fronto. Estes acabarían chegando a un acordo co rei suevo, quen garantiu a devolución da provincia Cartaghinensis en troques de manter a súa fronteira máis oriental na Autrigonia, é dicir, nos confíns dos territorios vascos. En realidade, a propia vía diplomática supoñía a aceptación, de facto, do recoñecemento internacional de Requiario como un rei lexítimo e a Gallaecia como un reino sobre o que o Imperio xa non volvería ter ningún tipo de poder. 

Gallaecia a grande potencia da península

O poderío suevo e o seu Estado, convertido entón na gran potencia xermánica da península, eran xa, a todas luces, unha realidade que as autoridades romanas non podían obviar. Se cadra unhas das mellores mostras desa prosperidade foi a decisión de Requiario de acuñar moeda propia, á marxe das moedas romanas que aínda estaban en circulación por todo o continente. Desta forma o novo rei ordenaba, tanto nas cecas de Braga como noutras urbes da Gallaecia, a emisión dunha moeda nacional na que se pode ler IVSSV RICHIARI REGES (“por orde do rei Requiario“) o que viña significar toda unha demostración de poder ante Roma e unha auténtica declaración de intencións no plano internacional. 

Pactada unha paz duradeira, o asasinato dunha das partes asinantes, o emperador Valentiniano III, no ano 455 axiña preocupou en Braga. Ante o novo contexto imperial e a ameaza dunha ofensiva romana sobre a Gallaecia e as súas anexións, Requiario decidiu reocupar os territorios cedidos, especialmente a estratéxica Provincia Carthaginensis. Este movemento espertou non poucas suspicacias entre os visigodos, aliados e auxiliares de Roma, á vez que deixou clara a necesidade dun pacto, para o que o imperio enviou novamente a Fronto como o seu negociador cos suevos. Porén, as condicións do pacto, tanto por parte dos visigodos como dos romanos, resultaron inaceptábeis para o rei da Gallaecia e no ano 456, Requiario decidía continuar co seu labor de expansión, poñendo os ollos na opulenta provincia Tarraconense. Nese mesmo ano o monarca lograba internarse cun exército nela, apoderándose dun gran botín que enviou á Gallaecia e que formou parte do tesouro real suevo.

É neste ano de 456 onde Hidacio documenta a chegada dunha frota de catrocentos piratas á costa norte da Gallaecia (“in Lucensi littore”) aos que o bispo galego identifica como “herulos”, un pobo xermánico asentado nas costas do Mar do Norte. Unha presenza que responde ao fráxil momento que atravesaba o Imperio romano e que coincide coas grandes vagas xermánicas da época. De calquera xeito, conta Hidacio como os exércitos locais galegos lles fixeron fronte, obrigándoos a embarcar, tomando, esta vez, rumbo cara a Cantabria e Vardulia (no actual Euskadi), onde saquearon a costa dunha forma “crudelísima”, precisa o bispo límico. Capaces de defender as súas terras e a retagarda do reino, en realidade a fortaleza do Estado suevo e o éxito das súas campañas militares delata a necesaria colaboración da aristocracia galaica nas grandes empresas, como a de Tarraco (actual Tarragona), nos plans de Requiario.

Estes, con todo, supoñían a ollos do rei visigodo Teodorico II e do novo emperador romano Avito, toda unha transgresión e un cataclismo para Occidente. Os suevos e Requiario deixaran de ser unha ameaza afastada para se converter en toda unha potencia que nin Roma nin os visigodos eran xa capaces de controlar. Non estraña, xa que logo, que o propio cronista visigodo, Xordanes, relate na súa obra De origine actibusque getarum, como o propio Requiario mesmo chegou a desafiar a Teodorico II.

O final de Requiario

Para impedir o avance de Requiario na península, desde as súas posicións na Galia, Roma artellou unha gran coalición militar coa imprescindíbel alianza doutros pobos que vían nos suevos unha potencial ameaza para os seus intereses, tal e como os visigodos. Estes, liderados por Teodorico II, foron os auténticos artífices dunha operación de castigo contra Requiario á que tamén se sumou outro relevante pobo xermánico que invadira a Galia: os burgundios. Axiña a gran coalición creada para frear e eliminar a Requiario se organizou co apoio de Roma e baixo o liderado do rei Teodorico, incluíndo ademais a participación das hostes do rei burgundio Gondioc. A pesar de que se ignora o momento exacto no que este gran exército internacional partiu da Galia rumbo á Gallaecia, as crónicas permiten situalo no verán do ano 456. Porén, a presenza deste gran exército non puido pasar desapercibida para os informadores e emisarios de Requiario, e o monarca galaico organizou unha defensa con todos os efectivos militares á súa disposición.

O rio Órbigo, nas proximidades de Astorga, onde un exército multinacional liderado por Teodorico II derrotou a Requiario. (Foto: Nós Diario)
O rio Órbigo, nas proximidades de Astorga, onde un exército multinacional liderado por Teodorico II derrotou a Requiario. (Foto: Nós Diario)

Seguindo a ruta “Ab Asturica Burdigalam”, é dicir, a Vía XXXIV do Itinerario de Antonino que unía Astorga e Bordeos, o 5 de outubro a coalición liderada por Teodorico se encontraba cos exércitos de Requiario. A confrontación, a célebre batalla do río Órbigo, tivo lugar a escasas 12 millas da cidade de Astorga, na gran rexión coñecida entón como “Campos da Galiza” (Campos Gallaeciae). A pesar de coñecer o lugar exacto da batalla, nada se coñece con precisión sobre o desenvolvemento desta crucial batalla na que Requiario foi derrotado perante o exército romano-visigodo. A vitoria das tropas invasoras obrigou o continxente suevo a se repregar cara o corazón e metrópole do reino, Braga, nun último intento por resistir o ataque. As sólidas murallas romanas da cidade que acollía a corte sueva resistiron uns vinte días de asedio mais, finalmente, o 28 de outubro dese mesmo ano, as tropas do rei visigodo Teoderico lograron atravesar as portas da gran capital da Gallaecia.

A pesar da súa brevidade, o reinado de Requiario (448-456) levou o reino suevo á súa máxima extensión, convertendo a cidade galaica de Braga nunha auténtica metrópole  ibérica

Alí, as hostes visigodas fixéronse cun gran botín, especialmente de prisioneiros e escravos, realizando todo tipo de roubos e vexacións contra a poboación local, especialmente contra os membros da Igrexa, humillados publicamente. Do mesmo xeito, os soldados de Teodorico profanaron e saquearon os templos cristiáns da capital sueva. Uns abusos que mereceron a condena e a repulsa xeneralizada en todo o reino, mesmo entre aqueles eruditos máis nostálxicos que, como Hidacio, crían que a intervención visigoda restituiría a paz na Gallaecia. A actitude dos visigodos na Gallaecia, acabou abrindo os ollos dos galaico-romanos que comezaban a ver nos suevos un mal menor que o da administración romana. 
Con Braga arrasada, Requiario e a corte foron evacuados in extremis ao baluarte (“castrum”) próximo de Portus Calem (actual Porto), onde posibelmente foi desprazada a familia real e o propio Requiario nun último intento por salvar a vida. Alí, conta o cronista Xordanes que se lle procurou un barco no río Douro, a fin de que o propio rei e os seus evitasen ser capturados polas tropas visigodas. No entanto, as condicións adversas para a navegación fixeron imposíbel a travesía e finalmente Requiario, xunto a familia real sueva e os seus homes de confianza foron interceptados e moitos deles executados polas tropas visigodas. Se ben os detalles do apresamento de Requiario son descoñecidos, os autores coetáneos coinciden en que o soberano suevo non foi inmediatamente asasinado. Preso nunha cela, e talvez torturado, o rei da Gallaecia foi finalmente executado por orde de Teodorico en decembro do ano 456. Apenas uns días máis tarde, o tribuno romano Hesychius recompensaba a Teodorico polos seus servizos: a ameaza sueva semellaba cortada de raíz.

A pesar da súa brevidade, o reinado de Requiario (448-456) levou o reino suevo á súa máxima extensión, convertendo a cidade galaica de Braga nunha auténtica metrópole ibérica, a capital dunha das monarquías xermánicas máis extensas da súa época. Mais se no ámbito internacional Requiario apostou por espallar as fronteiras do seu Estado até o Mediterráneo, no interior do reino o monarca foi capaz de integrar como nunca antes os poderes locais galaicos e as elites suevas. Con el puxéronse os alicerces dun Estado máis unificado onde a relixión católica constituíu o principal nexo de unión social. O seu reinado, malia o seu abrupto final, pasou á historia como unha das etapas de maior esplendor da nacente monarquía sueva.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios