Requila. Un reino en expansión (438-448)

Estabelecidos finalmente na Gallaecia da man do seu primeiro rei, Hermerico, os suevos mantiveron no reinado de seu fillo, Requila, un difícil equilibrio entre a integración coa poboación galaica e a conquista de novas terras. Fillo do rei Hermerico, Requila asumiu o trono dos suevos no ano 438 tras a renuncia de seu pai a causa dunha doenza que anos máis tarde acabaría coa súa vida. A abdicación de Hermerico e o traspaso da coroa, aínda en vida do rei-pai, foi pensada para garantir a continuidade da monarquía sueva e salvar, dese xeito, un momento de fraxilidade na propia institución real. Con ela evitábase o perigoso baleiro de poder após a súa propia morte, así como unha crise sucesoria que podería ser aproveitada polos inimigos do Estado suevo.
Teatro romano da cidade de Mérida, que pertenceu á Gallaecia nos tempos de Requila. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Teatro romano da cidade de Mérida, que pertenceu á Gallaecia nos tempos de Requila. (Foto: Nós Diario)

Un sentido de asociación ao poder rexio que constitúe o primeiro signo dunha práctica sucesoria patrilineal e que diferenciou a monarquía sueva fronte outras xefaturas xermánicas de tipo electivo, tales como a visigoda. Así, no ano 438, Requila, todo indica que primoxénito de Hermerico, asumiu a coroa e os destinos da Gallaecia, unha substitución no cargo que coñecemos grazas ao bispo galego Hidacio e o seu Chronicon.

Busto de Valentiniano III nun sólido de entre 430 e 445.
Busto de Valentiniano III nun sólido de entre 430 e 445.

Lonxe de retornar a Braga e asentar o seu poder rexio no trono, Requila decidiu continuar a campaña de conquista e proseguir cos plans de expansión que seu pai iniciara no territorio romano. O contexto internacional resultaba propicio para os plans do novo monarca, especialmente tras a marcha de Xenserico e os vándalos da península ibérica no ano 429, rumbo a África. Por outra parte, nas terras orixinarias dos suevos, no norte e centro de Europa, Roma asistiu aínda con incredulidade á imparábel expansión dos hunos desde Asia. Todo un terremoto político que acabaría por desestabilizar, aínda máis, o maltreito Imperio de Occidente que desde o ano 425 gobernaba o emperador Valentiniano III. En realidade, a chegada e asentamento de pobos procedentes do leste non era tan novidoso no Imperio romano de Occidente. Desde había varias décadas, Roma, con escasos efectivos militares, vírase obrigada a pactar con diferentes tribos xermánicas, tales como os francos e os visigodos, a fin de evitar unha catástrofe maior. Desde entón, asentados nas terras da Galia romana, ambos os dous pobos constituíron unha forza militar cuxa relación con Roma foi cambiante e á que serviron en moitas ocasións como mercenarios.

As campañas militares de Requila

Esta situación no Imperio permitiu que Requila e os exércitos suevos avanzasen rapidamente polo sur peninsular, aproveitando dese xeito as disputas que Roma afrontaba no centro e leste de Europa. Mais alén do propio beneficio territorial, a campaña emprendida por Requila tamén representaba unha demostración de forza para que o novo rei se mostrase perante Hermerico e os seus como un dirixente capaz de levar o seu pobo á vitoria. Así, tal e como narra Hidacio no seu Chronicon, no mesmo ano da abdicación de Hermerico, no 438, Requila cruzaba cun exército o río Singilion (actual Xenil), e atacaba as posicións dun líder militar de nome Andevoto.

A vitoria de Requila sobre Andevoto representou o primeiro éxito militar do novo monarca suevo tras asumir o goberno da Gallaecia e as súas anexións. Todo un triunfo que segundo Hidacio, acabou reportando ao novo rei un suntuoso botín de guerra formado, principalmente, por ouro e prata. A recompensa recollida non só reportou prestixio ao novo soberano, tamén lle permitiu custear novas campañas militares na zona, converténdose en todo un estímulo para continuar a súa acción conquistadora nas ricas provincias romanas do sur ibérico.

Así, ao ano seguinte, no 439, a opulenta cidade romana de Emerita Augusta (actual Mérida), a capital da Lusitania, convertíase no obxectivo do novo rei da Gallaecia. A inmellorábel situación da urbe, nacida no cruce de camiños que unía Astorga con Sevilla, e Olisipo (Lisboa) con Tarraco (Tarragona), facían da metrópole emeritense un enclave xeopolítico de primeira magnitude. Esta privilexiada situación facía de Mérida, ademais, un enclave comercial especialmente dinámico cuxa importancia levara a cidade a ser sede do vicario da diocese romana de Hispania, nome co que se coñecía a Península ibérica e parte do norte de África na altura.

A toma e anexión de Mérida permitiu a Requila asumir o control administrativo de toda unha provincia: a Lusitania

Malia súa relevancia, con todo, a toma de Mérida resultou unha tarefa relativamente doada para o novo rei a xulgar pola sucinta referencia que o bispo Hidacio dedicou ao acontecemento, rexistrando apenas que a cidade fora conquistada. A toma e anexión de Mérida permitiu a Requila asumir o control administrativo de toda unha provincia: a Lusitania. Con todo, a totalidade do territorio lusitano non se someteu á autoridade do novo rei, e este axiña dispuxo todos os preparativos para someter aqueles enclaves insurrectos que aínda estaban en posesión de Roma.

Así, un ano máis tarde, no ano 440, posibelmente desde a súa base de operacións en Mérida, Requila dirixiu unha nova campaña destinada a completar o dominio do sur da Lusitania e arrebatar a Roma as últimas cidades desta provincia. O obxectivo máis inmediato foi a cidade amurallada de Mirtylis Iulia (actual Mértola), situada no extremo sur-oeste da Lusitania. Para asegurar a cidade e evitar o avance de Requila cara a Bética, as autoridades romanas encomendaron a defensa da urbe a Censorio, un experimentado funcionario romano coñecido pola súa experiencia diplomática cos suevos en anos anteriores. Preparada para un longo asedio, o avance do rei da Gallaecia sobre estas terras debeu resultar esmagador a ollos da poboación mertolense e do propio Censorio.

Seguindo as palabras de Hidacio, é de supor que a superioridade sueva foi a causa final pola que Censorio decidiu depoñer as armas e render a cidade inmediatamente. Con esta acción evitábase o baño de sangue máis tamén o sufrimento dunha cidade incapaz de conter durante moito tempo o exército asaltante. A rendición pacífica de Mértola levou a Requila a perdoar a vida a Censorio e os seus moradores, con todo, expertos como Pablo C. Díaz consideran que o funcionario romano non puido evitar ser feito refén, converténdose así nunha valiosa peza de troco 
coa que Requila tivo a oportunidade de negociar directamente co Imperio.

A conquista de Sevilla polos galegos

A conquista de Mértola, na beira do río Anas (actual Guadiana) deixou o exército suevo ás portas da Bética. Só uns meses máis tarde, coincidindo coa morte de Hermerico, xa doente, no ano 441 Requila decidiu atacar unha das maiores urbes romanas do momento: Hispalis (a actual Sevilla). Sen apenas datos que narren como foi a ofensiva bélica dos suevos sobre a gran cidade do Guadalquivir, as crónicas coinciden en que a operación foi un auténtico triunfo desde o punto de vista militar.

O propio Hidacio non dubidou en afirmar que após a súa conquista, Requila estendeu o seu dominio non só sobre toda a provincia romana da Bética, mais tamén sobre a veciña provincia da Carthaginensis, en pleno Mediterráneo. Efémero ou amplo, o control de Requila sobre a gran provincia cartaxinense non foi, en calquera caso, completo, porén a pericia militar de Requila comezaba a representar toda unha ameaza para o poderío de Roma no extremo occidental do maltreito Imperio de Occidente. Conquista tras conquista, o reino de Requila estaba a converter a Gallaecia nun novo imperium ibérico que axiña espertou suspicacias entre os veciños reis xermánicos, especialmente entre os vándalos e os visigodos.

Máis representativas resultan as noticias sobre a aparición dun foco priscilianista na Gallaecia, principalmente en Astorga

Desde unha perspectiva xeopolítica, a anexión das provincias da Lusitania e da Bética permitiu dotar ao nacente reino da Gallaecia dunha vocación nomeadamente atlántica, creando un Estado vertebrado a través de dúas grandes redes viarias romanas: a ruta que unía Lugo, Braga, Coimbra e Lisboa, así como a vía da prata que unía Legio (León) con Mérida e Sevilla. Con todo, máis fráxil foi o dominio suevo nas terras máis orientais das provincias romanas da Bética e da Carthaginesis, cuxo control posibelmente foi a principal tarefa de Requila entre os anos 441 e 448. É nesta época de consolidación do dominio suevo cando aparecen as primeiras mostras de conflitividade relixiosa no seo da Igrexa ibérica máis occidental.

Fora o propio Hidacio quen anos antes, no 441, xa denunciara como tras a toma de Hispalis (Sevilla), o seu bispo, posibelmente contrario á ocupación sueva, fora deposto e substituído por outro, de nome Epitafio, talvez máis proclive ao goberno de Requila. Máis representativas resultan as noticias sobre a aparición dun foco priscilianista na Gallaecia, principalmente en Astorga. Unha aparición de criptopriscilianistas que malia inquietar ás autoridades da Igrexa, talvez non supuxo unha grande preocupación para o propio Requila, quen profesaba a relixión pagá e do que cabe supor, honraba o panteón dos deuses da mitoloxía xermánica.

No terreo político, o reino engrandecido por Requila viviu entre os anos 441 e 448 unha época de relativa paz, grazas á decadencia militar de Roma, incapaz esta de recuperar todos aqueles enclaves ibéricos que caeran en mans suevas. Con todo, a ameaza doutros pobos como os veciños vándalos tamén se fixo sentir na Gallaecia. Deles coñecese unha incursión no sur da ría de Vigo, na antiga Toroño, no ano 444, na que os vándalos se fixeron cun importante botín.

O final do reinado de Requila

Gallaecia —na parte inferior esquerda— no mapa do mundo de Paulo Orosio do século V, reconstruido por Konrad Miller en 1898.
Gallaecia —na parte inferior esquerda— no mapa do mundo de Paulo Orosio do século V, reconstruido por Konrad Miller en 1898.

No entanto, a posibilidade de que Requila e o seu exército consolidasen o seu dominio sobre a Bética e, especialmente, sobre a Cartaghinensis, resultou inquietante para as autoridades romanas. Deste xeito, para recuperar o control sobre estas provincias mediterráneas, no ano 446 as autoridades romanas encargaron a tarefa de expulsar a Requila e os seus a un reputado xeneral do exército romano chamado Vito, nomeado "magister militum" para tal fin. Vito, acompañado por tropas auxiliares visigodas asentadas na Aquitania gala, emprendeu ese mesmo ano unha campaña militar polo levante hispano co obxectivo de internarse na Cartaghinensis, a anexión sueva máis afastada da Gallaecia e onde o dominio de Requila non estaba plenamente asegurado.

A pesar de que Vito recuperou para Roma algúns dos enclaves máis próximos ao Mediterráneo, a expedición romana resultou un rotundo fracaso. Desde as súas posicións avanzadas entre Mérida e Sevilla, Requila organizou ese mesmo ano un continxente militar para facer fronte ao exército romano-visigodo e partiu a través da vía Augusta en dirección ao Levante. Alí, nun lugar indeterminado, sitúa Hidacio o choque bélico entre ambos os dous exércitos. Unha batalla que practicamente non chegou a se producir pois a chegada do exército de Requila espertou tal pavor nas filas de Vito que estas decidiron desertar e fuxir para salvar a súa vida con "covarde temor" (miserabili timore), recalcaba Hidacio.

Mentres que o seu pai preparara o ascenso de Requila a través da abdicación e a asociación ao trono, no caso de Requila este non parece que dispuxese de tanto tempo

Na súa volta aos territorios occidentais, ao gran centro de operacións militares no que se convertera Mérida, Requila morría un ano máis tarde, en agosto do ano 448. A pesar do silencio que envolve a causa da súa morte, esta debeu resultar relativamente inesperada. A idade que Requila debía posuír entón, así como o seu curto reinado −apenas unha década− fai pensar ao mundo investigador que o monarca suevo puido morrer dunha doenza, se cadra a mesma que sufriu seu pai, Hermerico. Do que non hai dúbida é de que Requila morreu fiel ás crenzas xermánicas, de igual forma que o debeu de facer seu pai, tal e como describe Hidacio de Chaves cando afirmaba, con toda rotundidade, que o rei morrera "xentil", é dicir, sen recibir o bautismo cristián. Outro dato que afonda no carácter súbito do seu falecemento foi a súa propia sucesión, de modo que mentres que o seu pai preparara o ascenso de Requila a través da abdicación e a asociación ao trono, no caso de Requila este non parece que dispuxese de tanto tempo. É por este motivo que a súa morte provocou un breve e intenso conflito sucesorio, a pesar de na lei sucesoria sueva imperar o dereito de sangue.

Finalmente a coroa da Gallaecia, mais das súas provincias anexionadas, recaería nun fillo seu, de nome Requiario, o que fai pensar que puido ser o primoxénito. Porén, nada se coñece con certeza da nai de Requiario. Se ben algunhas fontes identificaron a esta como a filla do rei visigodo Walia, outros opinan que, en realidade, a princesa visigoda casou con outro caudillo suevo, identificado, ás veces, como irmán de Requila. Sexa como for, a pesar do seu curto reinado, Requila pasou á historia como un monarca sumamente audaz, capaz de levar aos suevos e aos galaicos a unha expansión sen precedentes que garantiu a existencia do propio reino e converteu Braga, e a Gallaecia, nun auténtico centro de poder político.

A súa pericia no campo de batalla fixo del un rei temido polos seus inimigos e aclamado entre os seus, vitoriosos non só fronte as tropas visigodas máis tamén fronte a propia Roma. Non pode estrañar que o seu nome acadase gran prestixio na Gallaecia, e que este ficase fixo na memoria colectiva durante moito tempo, plasmándose finalmente na propia toponimia galega a través de nomes como Requián, Riquián ou Receá. O legado de Requila pasaría a seu fillo, Requiario.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios