Da escuridade ao esplendor. A nova monarquía sueva ente 469 e 570

Tras case unha década de guerra civil (456-464) na que diferentes reis se disputaron o trono de Braga e o control de toda a Gallaecia, finalmente a monarquía sueva lograba reunificarse no ano 464, da man de Remismundo. Porén, os acontecementos que antecederon o triunfo de Remismundo sobre os seus rivais e predecesores non puideron resultar máis complexos e cambiantes, mostra dun panorama político tremendamente dinámico. Estes chegaron a nós a través do Chronicón escrito polo bispo galego Hidacio, bispo de Chaves e un dos homes máis eruditos do seu tempo. Con todo, a vida do bispo galego parece apagarse no ano 469, e con el a súa crónica, unha das xoias da literatura latina da Alta Idade Media. Coa súa desaparición, o coñecemento sobre o reino de Gallaecia internouse na absoluta escuridade documental.
A igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, ergueuse sobre o vello 'Mosteiro Máximo' dos bretóns.  (Foto: Nós Diario)
photo_camera A igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, ergueuse sobre o vello 'Mosteiro Máximo' dos bretóns. (Foto: Nós Diario)

A caída de Roma pouco despois, no ano 476, supuxo unha ruptura da literatura e da cronística que tivo un gran impacto, inaugurando en Europa o que a historiografía anglosaxoa denomina como Dark Ages (“Tempos Escuros”) propiciada pola falta de obras e autores. Unha época caracterizada en Occidente pola expansión dos reinos xermánicos, a entrada dos hunos en Europa e as loitas entre as diferentes concepcións do cristianismo.

Tras o colapso de Roma, a península itálica converteuse nun escenario disputado entre ostrogodos, lombardos e o Imperio bizantino, o herdeiro oriental de Roma e aínda firme defensor da recuperación da gloria imperial. Na illa de Gran Bretaña, bautizada polos romanos co nome de Britannia, a chegada dos saxóns, anglos e xutos, pobos xermánicos e pagáns, chocou de cheo coa poboación autóctona: os britanos, unha amálgama de pobos cristianizados e de fala céltica. Alí, o constante avance dos invasores acabou orixinando diferentes reinos xermánicos mais tamén a fuxida de grandes vagas de britanos cara outros territorios atlánticos máis seguros.

Os bretóns galegos

O principal foco de inmigración destas poboacións foi a Armórica, no extremo noroeste da antiga Galia romana, onde a presenza destes pobos chegaría a rebautizar a rexión, que pasou a denominarse como Britannia Minor (é dicir, “Bretaña menor”), actual Bretaña. Porén, o periplo doutros grupos de britanos acabou por levalos ás costas cantábricas do norte da Gallaecia. Estes grupos ocuparon, principalmente, o territorio da actual Mariña lucense, organizándose nunha diocese propia chamada “Sedem britoniensem” e rexida desde o “Mosteiro Máximo”, un cenobio tradicionalmente identificado con San Martiño de Foz. Esta diocese britoniense, conformaría a orixe da actual diocese galega de Mondoñedo-Ferrol.

Os visigodos, expulsados da Galia, crearon na península ibérica un reino con capital na antiga cidade de Toletum

Para alén destas, unha das mudanzas políticas máis transcendentais para o reino da Gallaecia tería lugar no sur da Galia, no antigo reino visigodo de Tolosa (actual Occitania). Alí, nas terras próximas a Aquitania, os visigodos foran derrotados na Batalla de Vogladum (ano 507) por Clodoveo I, rei dos francos. Esta derrota crucial e a morte en combate do propio rei visigodo, Alarico II, supuxo para os visigodos a desaparición do seu reino, do que só puideron conservar o territorio próximo á cidade Narbona (na actual Occitania), coñecida como a provincia Septimania, así como os seus territorios ao sur dos Pireneos. A partir de entón, os visigodos, expulsados da Galia, crearon na península ibérica un reino con capital na antiga cidade de Toletum (actual Toledo), na antiga Hispania romana, se ben que supeditados aos reis ostrogodos até o ano 549. Un contexto que acabou convertendo os visigodos, xa instalados en gran parte do territorio ibérico, nos principais rivais políticos do reino da Gallaecia.

Gregorio de Tours nunha miniatura do século IX da abadía de Tours. Nós Diario
Gregorio de Tours nunha miniatura do século IX da abadía de Tours. (Ilustración: Nós Diario)

Sobre a monarquía sueva de finais do século V apenas se dispón de información se se comparar con décadas anteriores. Porén, do que non hai dúbida é de que Braga, a capital do reino, se mantivo como sede rexia, tal e como sinala Pablo C. Díaz. Durante este tempo, a monarquía sueva avanzou na súa consolidación e na súa estruturación interna malia descoñecérense a listaxe de monarcas que durante décadas gobernaron o reino. Tras o reinado de Remismundo, só chegou a nós o nome de dous monarcas. Un deles, de nome Veremundo, só se documenta a través dunha enigmática inscrición conservada na igrexa de São Salvador de Vairão, no actual norte de Portugal. Outro destes monarcas esquecidos puido ser o caso de Theodemundo, nomeado pola a Divisio Wambae, un documento atribuído ao rei visigodo Wamba e cuxo reinado, entre os anos 672 e 680, foi moi posterior a este suposto rei suevo. Tardías e controvertidas, ambas as dúas referencias constitúen, con todo, testemuños únicos á hora de identificar a todos os soberanos que gobernaron a Gallaecia entre os anos 469 e 550.

Gallaecia nas crónicas de Gregorio de Tours

As noticias sobre o reino suevo da Gallaecia reaparecerán finalmente tras seis décadas de silencio na gran literatura latina medieval. Será entón, desde a Galia ocupada polos francos, a futura Francia merovinxia, cando o historiador e bispo de Tours, Gregorio Florentio (538-594) aluda a un rei da Galiza (“regis Galliciae”) chamado Carriarico. É na súa famosa obra Historia francorum, escrita entre os anos 573 e 579, cando Gregorio de Tours se faga eco dos feitos que supuxeron a volta da monarquía sueva ao catolicismo despois de décadas de influencia ariana. Neles, o erudito galo relataba como Carriarico, desesperado pola grave doenza que sufría seu fillo, decidiu enviar unha embaixada galega á cidade de Tours, no reino católico dos francos. A finalidade destes enviados non era outra que conseguir unha reliquia de San Martiño “o Misericordioso”, cuxos restos repousaban na basílica de Tours da que o propio San Martiño fora bispo.

Chegada á Gallaecia en barco, conta Gregorio de Tours que a presenza da reliquia curou o fillo de Carriarico. Sorprendido polo milagre e agradecido á fe católica profesada por San Martiño, o rei da Galiza decidiría finalmente converterse a esta confesión, deixando atrás o arianismo, unha herexía especialmente combatida polo propio San Martiño “o Misericordioso”. Deste xeito, o reino galego retornaba ao catolicismo despois do reinado de Remismundo. Desde entón, dise que a veneración de Martiño de Tours medrou tanto que aínda hoxe, San Martiño representa un dos santos con maior devoción tanto na Galiza como no norte de Portugal.

Os monarcas suevos e merovinxios mantiveron unhas intensas relacións, destacando a forte conexión por vía marítima

Se ben que para a crítica historiográfica, a narración de Gregorio de Tours é un relato ficticio, a presenza da Gallaecia e do seu soberano na Historia Francorum non semella casual. A través da narración do bispo turonense adivíñanse as intensas relacións existentes entre os monarcas suevos e os merovinxios, así como a forte conexión vía marítima que unía ambos reinos xermánicos ao longo do Cantábrico. Así e todo, a figura de Carriarico resulta especialmente enigmática por ser Gregorio de Tours o único cronista que se refire a el. Para algúns estudosos do período, tales como Casimiro Torres, autor da gran obra a Galicia sueva (1977), o feito de o nome “Carriarico” ser alleo á tradición galega indica unha errónea transcrición por parte de Gregorio de Tours. Outros investigadores como Miguel Costa, sinalan como, en efecto, a transcrición do nome do rei “Chararicus”, puido responder a unha adaptación gráfica dun nome relativamente corrente entón na Galiza medieval: Arximiro e Ariamiro.

Se verdadeiramente o nome franco de “Carriarico” foi unha adaptación do nome suevo Ariamiro, isto permitiría entender o feito de que ese nome, Ariamiro, si estea relacionado coa documentación que se conserva do reino de Galiza nese momento. A pesar da confusión de nomes, a maior parte da investigación actual considera que o fillo e sucesor de Ariamiro (o Carriarico de Gregorio de Tours) foi Teodomiro, no ano 559, todo indica que tras a morte do seu pai.

Talvez aquel neno doente curado grazas ás reliquias de San Martiño, Teodomiro pasou á historia por ser o primeiro rei de Galiza en convocar un concilio na capital, foi o coñecido como Primeiro Concilio de Braga. Convocado o 1 de maio do ano 561, a celebración deste concilio supuxo a segunda conversión do reino da Gallaecia ao cristianismo ortodoxo. Unha conversión que non só supoñía o afastamento oficial do arianismo, herexía profesada polos visigodos, mais tamén a confluencia relixiosa coas potencias europeas da época, especialmente co Imperio bizantino e a Francia merovinxia.

Foi no conclilio bracarense onde o reino galego oficializou a súa administración estatal

Alén disto, a relevancia do concilio bracarense tamén se centrou sobre outros aspectos cruciais como a condena do priscilianismo, a doutrina cristiá que Prisciliano espallara pola Gallaecia no século IV, e que na segunda metade do século VI aínda mantiña gran vitalidade na Galiza da altura. É neste célebre concilio onde, ademais, o reino galego oficializou a súa administración estatal, tal e como se advirte no propio artellamento eclesiástico, organizándose en numerosas dioceses e ao que asistiron as máximas autoridades do reino e os bispos das diferentes sés relixiosas entre as que se atopaban a propia Braga, Iria, Porto, e Dume entre outras.

Martiño de Dume

O rei Teodomiro cos bispos Lucrecio, André e Martiño de Dume. (Ilustración: Códice Vixialiano)
O rei Teodomiro cos bispos Lucrecio, André e Martiño de Dume. (Ilustración: Códice Vixialiano)

Mais se unha figura emerxe con forza nesta nova etapa do reino, esa foi sen dúbida a de Martiño de Panonia, máis coñecido hoxe como San Martiño de Dume tras a súa beatificación. Orixinario da provincia de Panonia (actual Hungría), Martiño naceu por volta do ano 510. Despois de vivir durante anos no antigo imperio de Bizancio, último bastión do legado romano, a chegada de Martiño de Panonia á Gallaecia sitúase arredor do ano 550, talvez tras unha estadía na Galia. Para expertos como Anselmo López Carreira, é probábel que a narración de Gregorio de Tours e as súas alusións á peste contraída polo fillo do rei Carriarico, non fose máis que unha alegoría á herexía ariana, representada como unha praga que conviña combater, con especial intensidade na península ibérica.

Con certeza, a chegada de Martiño de Panonia á Gallaecia, tendo como orixe precisamente Bizancio, non estivo exento de motivacións políticas. O seu envío respondía a unha misión diplomática de grandes dimensións, trazada polas monarquías sueva e franca, así como o propio emperador bizantino Xustiniano. O interese deste último, como tamén dos francos, residía na necesidade de posuír un aliado católico que fixera de contrapeso fronte os visigodos e os ostrogodos, os seus inimigos no Mediterráneo. Desde este punto de vista, Martiño de Panonia estaba chamado a ser unha peza chave nas relacións galaico-bizantinas e, posibelmente, un dos principais protagonistas da volta da monarquía sueva ao catolicismo ortodoxo.

Se o reinado de Teodomiro tamén é coñecido por algún documento, ese é, sen lugar a dúbidas a famosa Divisio Theodemiri

Xa no reino de Galiza, probabelmente desde tempos do rei Carriarico/Ariamiro, Martiño desenvolveu un intenso labor monacal, fundando un cenobio perto de Braga, no lugar de Dume; foi o famoso mosteiro de Dume co que se identifica aínda hoxe a Martiño. Desde alí elevaría Dume a centro cultural do reino, especialmente como difusor dos coñecementos orientais en boa parte de Occidente. Alí, o propio Martiño escribiu o seu famoso De correctione rusticorum, co obxecto de acabar cos ritos pagáns que aínda pervivían na Gallaecia.

Mais se o reinado de Teodomiro tamén é coñecido por algún documento, ese é, sen lugar a dúbidas a famosa Divisio Theodemiri (“A división de Teodomiro”), máis coñecida como Parrochiale suevorum; un texto que constitúe unha das maiores achegas documentais á organización interna dun reino xermánico en todo o Occidente europeo. Nel numéranse todas e cada unha das catorce dioceses que compoñían o reino da Gallaecia no ano 569. Na escena internacional, o reino ligouse ao reino franco máis tamén a Bizancio. Para alén de superar un tempo incerto, sen referencias escritas, a monarquía sueva desligouse da influencia visigoda e ostrogoda, entrando nun período de consolidación das súas estruturas político-administrativas. Tras a súa morte, o trono de Teodomiro pasou a Miro, identificado como o seu fillo pola maioría do mundo académico. A súa memoria, con todo, sempre permanecerá ligada a un tempo de bonanza e prosperidade; talvez a etapa máis dourada do reino suevo da Gallaecia.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios