Reis dunha Gallaecia dividida. A monarquía galega entre o 456 e o 459

A intervención visigoda e o asasinato de Requiario, rei da Gallaecia até o ano 456, deixou tras de si un rastro de caos e guerra civil. Concibido como unha ofensiva destinada a eliminar a propia existencia da monarquía sueva, o ataque lanzado polo rei visigodo Teodorico II resultara, aparentemente un éxito. Na propia Gallaecia, mesmo as persoas máis eruditas, como Hidacio, imaxinaron que a devastación de Braga e a propia execución do rei supuxeran a caída e final do reino dos suevos. Con todo, os acontecementos posteriores revelaron que após décadas de integración, a aristocracia suevo-galaica aínda mantiña o poder efectivo do reino nas súas mans.
A Muralla de Lugo (Foto: Nós Diario)
photo_camera As murallas romanas de Lugo foron testemuña no 462 dos enfrontamentos entre a poboación galaica e a sueva. (Foto: Nós Diario)

Devastada Braga após o seu paso, Teodorico II continuou coa súa campaña de saqueo polos antigos dominios de Requiario, lanzando unha forte ofensiva sobre as principais cidades aínda baixo soberanía sueva. Mais para alén das accións de pillaxe destinadas a adquirir un cuantioso botín de guerra co que premiar o seu exército e o dos seus aliados, Teodorico procurou manter o control das terras conquistadas.

Así o relata o historiador Xordanes, funcionario romano de orixe visigoda e autor dunha obra dedicada á historia dos visigodos: a coñecida como Getica, escrita por volta do ano 551. Nela, Xordanes, recorda como tras abandonar a Gallaecia, Teodorico decidiu poñela baixo o control dun caudillo da súa confianza chamado Aiulfo. De orixe varna, é dicir, orixinario do Báltico occidental, Aiulfo ostentou o goberno da Gallaecia en nome de Teodorico II desde o comezos do ano 457, probabelmente desde o estratéxico enclave de Portucale (actual Porto).

A intervención visigoda e o asasinato de Requiario, rei da Gallaecia até o ano 456, deixou tras de si un rastro de caos e guerra civil

A pesar dos amplos poderes  que Teodorico outorgou a Aiulfo na Gallaecia, o goberno do caudillo varno acabou resultando efémero. Así o sinalou Hidacio recordando como tras o estabelecemento de Aiulfo se sucedeu o desgoberno por todo o sur da Gallaecia, momento no que comezaron a proliferar os bandidos e os saqueos, talvez ao abeiro de Aiulfo ou, se cadra, na súa contra. É neste contexto de caos e guerra civil onde Xordanes e Hidacio coinciden en sinalar como Aiulfo, revestido de poder, se sublevou contra Teodorico co obxectivo de se converter en rei da Gallaecia.

Unha manobra política tras a que puido atoparse unha parte da aristocracia sueva que desexaba reconstruír o Estado canto antes. Así e todo, é posíbel que unha parte destas elites suevas non vise con bos ollos que o liderado do reino recaese en Aiulfo, en definitiva, un foráneo á terra. Deste xeito, informaba o bispo de Chaves que unha parte dos suevos situados no sur, desconforme, proclamou como o seu rei a un nobre suevo chamado Maldras, fillo de Massila, cuxa liñaxe, talvez próxima á corte de Requiario, debía resultar abondo coñecida na Gallaecia da altura.

Espada sueva atopada en Conibringa, actual Coimbra. (Foto: Nós Diario)
Espada sueva atopada en Conibringa, actual Coimbra. (Foto: Nós Diario)

A derrota de Teodorico nos Campos Gallaeciae

A pesar de que esta sucesión de acontecementos debeu de chegar a ouvidos de Teodorico, este atopábase entón na capital da Lusitania, a cidade de Emerita Augusta (actual Mérida). Foi alí onde unha vez saqueada a urbe, Teodorico foi informado dos graves acontecementos que se sucedían en Roma naquel momento. Os constantes ataques vándalos ás costas do norte do Mediterráneo e a sublevación dunha parte da aristocracia romana acabaran coa caída do emperador Avito, fiel aliado dos visigodos. Estes acontecementos resultaron decisivos para que pasados uns meses, no ano 457, Teodorico, aínda en Mérida, decidise emprender unha rápida retirada cara aos seus territorios da Galia á espera do devir político de Roma. No entanto, en marzo dese ano, ao seu paso pola vía da Prata, o rei visigodo e os seus aliados aproveitaron o seu regreso para procurar un último botín nas cidades galaicas no seu camiño. Tal foi o caso de Asturica Augusta (actual Astorga), onde acompañado polos reis burgundios Gundioc e Chilperico, as tropas de Teodorico asaltaron esta cidade galaica co pretexto de eliminar os últimos insurxentes suevos. A desolación total de Astorga foi narrada por Hidacio, quen non dubidou en atribuír todo o desastre á condición pérfida dos visigodos, responsábeis de asasinar a boa parte da poboación e levar cativos a numerosos eclesiásticos. Para alén das vidas humanas, a devastación tamén resultou visíbel en toda a urbe, onde os visigodos non dubidaron en incendiar as casas dos poboadores, profanar e destruír as igrexas e aínda apoderarse de todos os obxectos sagrados. Unha operación de destrución que o exército visigodo repetiu unhas millas máis ao leste, na “Palentina civitas” (a actual Palencia), arrasada igualmente polo exército invasor. Con todo, entre tanta desolación, as tropas de Teodorico atoparían a derrota nos coñecidos como “Campos de Galiza”, os antigos Campos Gallaeciae (actual Terra de Campos). Alí, conta Hidacio que as tropas visigodas asediaron, sen éxito, o coñecido como “Coviacense castrum”, non moi lonxe de Astorga. Após esta derrota, a coalición dirixida por Teodorico volvería de inmediato para as súas terras na Galia.

Libres da presenza visigoda e romana, coa fuxida de Teodorico, as diferentes faccións suevas comezaron a disputarse o trono dun reino á deriva. Mentres Maldras, proclamado rei por unha parte dos suevos, cobraba protagonismo no sur do reino, Aiulfo era asasinado en xuño do ano 457 no propio castro de Portucale (actual Porto). Executado talvez por Maldras, o asasinato de Aiulfo abriu paso a un tempo onde o poder das diferentes liñaxes suevas entrou en confrontación. 

No entanto, a caída de Requiario supuxera un duro golpe para o Estado suevo e con el gran parte dos territorios da Lusitania e da Bética volveran ao control de Roma. Neste contexto, non sorprende que Maldras, rei dos suevos do sur, realizase no ano 457 unha serie de operacións militares no sur da Lusitania coas que os suevos conseguiron recuperar prazas como Olisipo (actual Lisboa). A presenza de Maldras nesta provincia e o seu afastamento da Gallaecia, especialmente no norte, tivo por consecuencia o xurdimento dun novo candidato ao trono, un nobre chamado Frantán que gozou de apoio nas terras lucenses.

Frantán e Maldras

A pesar de que algunhas voces eruditas conxecturaron sobre a idea de que algún dos dous puidese ter unha relación directa con Requiario, ben en calidade de fillo-herdeiro, ben como familiar con dereitos dinásticos, hoxe por hoxe a filiación de Frantán, como a de Maldras, resultan descoñecidas. A estes enigmas súmase non só a falta de fontes históricas senón tamén a rapidez dos acontecementos. Certamente, a liñaxe de Maldras debeu pertencer á máis alta aristocracia sueva pois é sabido que no ano 459 o rei entrara en conflito con seu irmán, quen mantiña o poder na fortaleza de Portucale, e que acabou sendo executado por orde do propio Maldras.

A decisión, porén, non só non colleitou o efecto desexado senón que tan só uns meses despois, en febreiro do ano 460, o propio Maldras morría degolado, afirma Hidacio, “tal e como merecía”. Se ben nin as circunstancias exactas nin as causas que envolven a morte de Maldras son coñecidas, non resulta improbábel que esta puidera estar relacionada co asasinato de seu irmán, talvez como un acto de vinganza. Após a súa morte, Maldras foi sucedido no sur da Gallaecia por outro nobre, Frumario, a quen as cronicas non chegan a nomealo rei (“rex”) malia que fica fóra de toda dúbida de que actuou como tal.

Mentres o sur da Gallaecia caía en mans de Maldras e, pouco despois, nas de Frumario, no norte da Gallaecia asentouse outro líder suevo, Frantán. Todo indica que este chegou a un acordo con Maldras no ano 459 para dividirse as zonas de acción de cada un e pactar unha paz duradeira que evitase a confrontación entre suevos. Porén, o goberno de Frantán resultou efémero e apenas se estendeu uns meses, tal e como o sinalaba Hidacio ao informar da súa morte na primeira metade do ano. O seu sucesor no norte da Gallaecia sería un nobre suevo chamado Requimundo.

Maldras debeu pertencer á máis alta aristocracia sueva pois é sabido que no ano 459 o rei entrara en conflito co seu irmán, quen mantiña o poder na fortaleza de Portucale

Lonxe da concordia que lograran galaicos e suevos durante o goberno do falecido Requiario, os nobres como Requimundo recorreron á violencia sistemática para dominar a poboación local galaica. É posíbel que coa caída de Requiario, a poboación galaica se sentise ameazada e retornase as xefaturas locais como medio para buscar a estabilidade social e política. Sucesos como os ataques de herulos ás costas galegas no ano 461 evidenciaron que os novos líderes suevos non podían garantir a protección da poboación galaica.

Este reforzamento do poder local supoñía un obstáculo para Requismundo, temeroso de que os Estados galaicos reducisen a súa capacidade de acción e o seu dominio sobre o territorio. Deste xeito, a aristocracia galaica pasaba a se converter en obxectivo das operacións político-militares de Requismundo. Así o confirman as accións que as tropas suevas, talvez baixo as ordes de Requismundo, perpetraron en Lugo durante a Pascua do ano 462, cando as autoridades da cidade e o seu maxistrado foron asasinados.

O reinado de Remismundo

Este convulso aumento da conflitividade entre suevos e galaicos, tal e como denunciou Hidacio, acelerou os movementos diplomáticos cos que os líderes galaicos procuraban o favor do emperador Maioriano e os seus aliados para contrarrestar as accións dos líderes suevos. Unha estratexia onde participou activamente a Igrexa galega como a institución máis próxima a Roma. Neste constante ir e vir de legados e embaixadas entre galaicos, romanos e visigodos, cobraron especial importancia o xeneral romano Nepociano e o conde Sunierico, principais implicados en trazar unha alianza contra os suevos. A diplomacia deu os seus froitos no ano 461, cando Nepociano e Sunierico, apoiados por un exército, atacaron aos suevos en Lugo e pouco despois na antiga Scallabis (actual Santarém).

Alarmado polas intromisións do emperador Maioriano e os visigodos, Frumario, gobernante suevo no sur da Gallaecia, capturou o propio Hidacio o 26 de xullo do ano 461, acusado de estar implicado, directamente, nas conspiracións contra el e o resto de líderes suevos espallados na Gallaecia. Pola súa parte, no norte, Requismundo iniciou unha campaña de castigo contra certos Estados galaicos entre os que sobresaíron os Auregenses. Porén, a estratexia conxunta de Frumario (no sur) e Requismundo (no norte) comezou a se romper no propio ano 461, e finalmente os líderes suevos e os galaicos selaron novamente a paz. Con ela, pasados varios meses de cativerio, Hidacio de Chaves, acusado de colaboracionista con Roma, sería liberado da prisión onde Frumario o confinara.

Moedas suevas. (Foto: Nós Diario)
Moedas suevas. (Foto: Nós Diario)

A paz non supuxo, con todo, a finalización das suspicacias nin da frenética actividade diplomática entre os nobres galaicos, liderados por Palagorio, os suevos, Teodorico II, e o propio imperio romano. A situación para os suevos cambiou no ano 464 coa morte de Frumario. A morte de quen ostentara o goberno dos suevos do sur daba finalmente o goberno da Gallaecia e dos suevos a un único e novo rei, Remismundo, a quen o arcebispo Isidoro de Sevilla identifica como fillo de Maldras (“Remismundo Masdrae filio”). Este novo soberano converteríase no único interlocutor suevo para o resto de Estados internacionais. A partir de entón, os visigodos, de orixe xermana ao igual que os suevos, primaron o apoio ao novo rei, considerándoo o lexítimo monarca da Gallaecia. O pacto selado no ano 464 escenificaríase co envío, por parte de Teodorico II, de armas e agasallos ao rei suevo, ás que este respondería favorabelmente cunha intensa actividade diplomática que o levou a visitar a corte do monarca visigodo na Galia. 

O reino de Gallaecia viviu neste período un dos seus momentos máis convulsos e complexos

Asegurada a paz na Gallaecia, Remismundo puxo a súa ollada novamente no sur, na veciña provincia da Lusitania, tradicional zona de expansión dos monarcas da Gallaecia. Alí, no verán do ano 465, os exércitos de Remismundo asediaron a cidade de Conímbriga (actual Coimbra), facendo refén á muller do seu gobernador chamado Cántabro, tal e como indica Hidacio; unha manobra orientada, talvez, a garantir a fidelidade do nobre ao rei suevo e evitar, deste xeito, calquera tipo de insurrección. As operacións talvez contaron co beneplácito visigodo ao abeiro da alianza con Teodorico II, un pacto que discorría alén do estritamente político e no que adquirira certo protagonismo a relixión. Así o confirmaba Hidacio cando se refería á chegada dun eclesiástico ariano, Aiax, á Gallaecia.

A este enviado de Teodorico atribuiría o propio bispo de Chaves a influencia necesaria como para incidir en Remismundo e introducir así o arianismo no reino, aínda que talvez só chegou a espallarse entre as elites suevas. Coa máis que probábel morte de Hidacio no ano 469, non só conclúe o seu Chronicon, tamén as únicas informacións sobre a monarquía sueva da altura, a Gallaecia e unha Roma a piques de colapsar. Durante esta etapa, o reino de Gallaecia viviu un dos seus momentos máis convulsos e complexos, marcados pola guerra civil, os conflitos interétnicos e a irrupción do arianismo. Porén, as fontes históricas coinciden en describir un reino cunha existencia sólida, capaz de sobrevivir á morte do seu soberano, Requiario, e poder recuperarse até consolidar novamente o Estado na figura dun novo rei, Remismundo.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios