Crise institucional

O lexislativo e o Executivo ceden perante a interferencia do Constitucional

As críticas á invasión do Constitucional na acción do lexislativo no campo progresista coinciden en que está instrumentalizado polos conservadores. Porén, a meirande parte das formacións aceptan asumir o ditame e buscar outras vías para a renovación do Poder Xudicial.
Pleno extraordinario de onte do Consello Xeral do Poder Xudicial para votar os candidatos ao Tribunal Constitucional. (Foto: CXPX)
photo_camera Pleno extraordinario de onte do Consello Xeral do Poder Xudicial para votar os candidatos ao Tribunal Constitucional. (Foto: CXPX)

“Non é posíbel que desde o Tribunal Constitucional (TC) se condicione a soberanía nacional [en referencia ao lexislativo español]”, asegurou onte María Luisa Balaguer, maxistrada progresista no Tribunal Constitucional, que á última hora da segunda feira resolveu cos votos da maioría conservadora suspender a tramitación parlamentar no Senado da reforma que posibilitaría que o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) escollese os dous postos no Constitucional que ten asignados por maioría simple e non cualificada, de tres quintos do órgano, como acontece na actualidade.

Malia que xa ocorreu en territorios como Catalunya unha interferencia desa clase do xudicial no lexislativo, definido polas forzas soberanistas e Unidas Podemos (UP) como un “golpe brando xudicial”, é a primeira vez que acontece a nivel estatal. 

Implicados votan en contra da súa recusación

Asemade, para aceptar as medidas provisionais incluídas nun recurso de amparo do Partido Popular (PP) que sostén que o cambio legal viola os dereitos constitucionais do seu grupo parlamentar, foron necesarios os votos do presidente do tribunal, Pedro González-Trevijano, e de Antonio Narváez, elixidos polo Executivo de Mariano Raxoi e cuxo mandato está caducado desde xuño, mais permanecen no posto polo bloqueo do PP á renovación do Poder Xudicial, que leva máis de catro anos actuando en funcións malia que en teoría é unha obriga constitucional que os partidos pacten a remuda. Os votos dos dous xuíces conservadores foron imprescindíbeis para denegar a petición de que  fosen recusados por ser parte implicada, ao perder o seu posto coa aprobación do cambio legal.

Ao tempo, outros dous xuíces, Juan Antonio Xiol e Santiago Martínez-Vares, un de cada bloque, tamén teñen o mandato caducado, após ser seleccionados no seu día polo CXPX. O Goberno que preside Pedro Sánchez está pendente de que o Poder Xudicial elixa os  substitutos para nomear os seus xuíces, polo que lanzou a mudanza ao vetar os conservadores no CXPX as persoas candidatas propostas polos progresistas.

Críticas á legalidade da decisión do TC

O ex vicepresidente do TC, Eugeni Gay, fixo fincapé en que a corte “interpreta cando os poderes políticos fixeron o acto final”, polo que este veto a que o lexislativo estatal debata e vote -o primeiro en máis de catro décadas desde a fundación do organismo-, é “sorprendente e insólito”. Nese sentido, aclarou que “o TC non pode paralizar nin a acción da Xustiza, nin do lexislador, nin do Executivo” até que a decisión estea en vigor. “Non é unha vitoria política do PP”, sinalou, “é unha derrota para todos”.

"Estase imputando a lesión a un órgano [Congreso] e as medidas provisionais a outro [Senado]", cuestionou pola súa parte Balaguer, que deixou claro que "non se debeu facer, así non se pode crear un Estado de dereito".

O xudicial gaña o primeiro asalto

O presidente español, Pedro Sánchez, aceptou a decisión da “actual maioría conservadora do TC” e indicou que se trata dun “choque institucional grave”, defendendo que non hai precedentes tampouco a nivel da Unión Europea. Así e todo, sostivo que porán en marcha “cantas medidas sexan precisas para pór fin ao bloqueo”. Horas despois, o Executivo anunciou que presentará esta semana unha proposta coas emendas paralizadas.

A Mesa do Senado tamén aceptou a medida e paralizou a tramitación das emendas nas que se recolle a mudanza, e mais solicitou que se lles permita formar parte da causa legal. As asociacións conservadoras da maxistratura xustificaron a decisión do TC apelando, como fixo a Francisco de Vitoria, aos supostos “tempos excepcionais que están a vivir as nosas institucións democráticas”, a mesma liña argumental do PP.

Pola contra, Xuízas e Xuíces para a Democracia e a Unión Progresista de Fiscais subliñaron que a única explicación da “polémica” decisión é “o seguidismo partidista” dos maxistrados conservadores do TC. Amais, acusaron o PP de “secuestrar as institucións”, instando a que o CXPX acabara co bloqueo na súa xuntanza de onte e elixira os seus xuíces no TC. Á hora de feche desta edición non se produciu o acordo, que os medios estatais prevén que non chegará cando menos até 2023.

Un tribunal politizado polos "ultras"

“Hai que defender a capacidade do Congreso e do Senado para lexislar”, destacou o deputado do Bloque Nacionalista Galego no lexislativo estatal, Néstor Rego, que reclamou non acatar o ditame e a “unidade das forzas democráticas” para frear un “gravísimo golpe brando xudicial”, denunciando que o TC é un órgano “instrumentalizado” pola dereita e a extrema dereita desde o comezo do réxime de 1978.

O presidente da Generalitat e coordinador nacional de Esquerra Republicana de Catalunya, Pere Aragonès, aseverou que os tribunais “utilizaron Catalunya como banco de probas” antes de, “cheos de afouteza”, aplicalo a nivel estatal. Entrementres, EH Bildu pediu ao Goberno estatal e aos socios da investidura “estar á altura” e colaborar para reverter a situación, instando a “depurar” os aparatos do réxime actual “e apostar pola democratización”, e o Partido Nacionalista Vasco amosouse confiado en que a reforma será aprobada por medio doutra iniciativa. En termos semellantes expresouse UP, que afirmou que é hora de substituír os xuíces “ultras” que foron “postos polo PP”.

Desde o PSOE, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, defendeu a legalidade da proposta bloqueada polo TC e acusou o PP de usar o tribunal para frear a acción lexislativa, “algo que non pode conseguir pola forza dos votos”, ao tempo que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, atribuíu o bloqueo á remuda pola “deshonra” á democracia das “cesións ao independentismo” de Sánchez, poñendo en dúbida a súa lexitimidade.

Comentarios