De reitor do mestrado de Casado a presidente do Constitucional

Pedro González-Trevijano, novo presidente do Constitucional, estivo moi vencellado ao PP durante a súa carreira. Entre as primeiras decisións se situou nomear a Arnaldo para resolver o recurso do PP contra a Lei do aborto.
Pedro González-Trevijano, presidente do Tribunal Constitucional español, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro González-Trevijano, presidente do Tribunal Constitucional español, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O reitor da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid durante os polémicos mestrados de Pablo Casado e Cristina Cifuentes, Pedro González-Trevijano, vén de converterse esta sexta feira no presidente do Tribunal Constitucional do Estado español.

Esta situación dáse despois do acordo entre o Goberno de coalición (PSOE e Unidas Podemos) co Partido Popular (PP) para renovar as catro prazas que levaban co mandato en funcións desde 2019.

As e os novos maxistrados, Enrique Arnaldo, Concepción Espejel, Inmaculada Montalbán e Juan Ramón Sáez Valcárcel, tomaron posesión dos seus cargos a pasada quinta feira.

González-Trevijano foi reitor universitario de 2002 a 2013, cando o PP, liderado por Mariano Raxoi, propúxoo para acceder ao tribunal, no que encabeza o grupo conservador, apuntan medios estatais. Aínda que o seu mandato caduca en xuño de 2022 ao facer nove anos no posto, a súa renovación depende dun acordo no Congreso.

Tamén por unanimidade, a vicepresidencia recaeu no progresista Juan Antonio Xiol.

Recurso á Lei do aborto

Unha das primeiras decisións do órgano anovado foi seleccionar a Arnaldo, cuestionado pola súa parcialidade e polas súas imputacións en casos de corrupción do PP, como propoñente do fallo sobre o recurso presentado en 2010 por esa mesma formación política en contra da Lei do aborto aprobada no goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE).

Na impugnación, o PP critica que non sexa necesario constatar ningunha causa obxectiva ou situación característica que permita xustificar, cando menos de modo formal, o aborto nas primeiras 14 semanas de embarazo.

Porén, malia que prometeron derrogala no caso de volver ao poder, nas lexislaturas con maioría parlamentar de Raxoi na Presidencia estatal non o fixeron.

Comentarios